Opinión

A miña teoría das croquetas

Lembrades cando a tapa ou ración de croquetas era do máis económico que podiades pedir nun bar ou restaurante? A canto saía? Non recordo ben, mais na miña mocidade era un prato máis que asumíbel e de cantidade abundante, mais se o ves hoxe en día na carta de calquera local, ficas parva. Tremendos prezos que se marcan agora por algo, en teoría, baratísimo, non si? As croquetas que, per se, sempre foran baratas, agora subíronse á parra. Mais, que ten de certo iso? Que pasou nestas dúas décadas que explique este cambio substancial? E quen fala de croquetas, fala de filloas ou orellas, agora que estamos no tempo. A ducia de filloas ronda os 9, 10 euros se as vas mercar. 12 filloas, 10 euros. Mi má, a miña querida tía tivérase feito rica.

E aí está o quid da cuestión. Quen facía antes as croquetas, as filloas, as orellas e todos eses manxares que, a priori, eran baratos e facíanse a esgalla? Ahá! Quen as facía? Quen pasaba horas e horas e horas ao pé da filloeira para que toda a familia as desfrutara? E se extrapolamos a cociña da casa á cociña do bar ou restaurante, que acontece? Pois que as mesmas mulleres que se pegaban tremendas palizas para darlles o mellor aos seus seres queridos tamén estaban tras os fogóns de moitos locais de hostalería cada santo día, normalmente como “as mulleres do dono”, que curraban tanto ou máis ca el e cotizaban o que vén sendo cero patatero, cobraban cero patatero e nin aseguradas estaban. Ai, as horiñas interminábeis que pasaron esas mulleres precarizadas, escravizadas, e que non vían un peso do seu traballo porque quen gañaba a pasta era el e, ao final, quen ía ter unha pensión de xubilación decente era el. Ela, se acaso, a de viúva se non ía antes para o rego.

Co cal, claro, que baratas as tapas! Que tremendas as racións! E, sobre todo, que marxe deixaba iso! Podías poñer a comida a prezo de ganga, porque practicamente todo era ganancia. Se non pagas a man de obra o produto final pódelo poñer a prezos súper competitivos. Quen cho quita!?

Mais agora resulta que esa man de obra que durante décadas foi de balde total, hai que pagala, loxicamente. Canto custan en realidade todos eses pratos que antes eran “baratos”? Maxicamente pasaron a custar o que teñen que custar. Vaites! E non esquezamos tampouco que na casa pois tamén se facían, totalmente gratis, cantidades industriais destes manxares porque “a ela gústalle”...

E non só para a familia, aínda lembro a miña tía mandarme levarlle varias ducias de filloas á señorita de casa bien de LaCoru para quen traballou e que xamais llo agradeceu.

Si, así de balde, porque xa se sabe: as filloas eran baratas.

Comentarios