Opinión

Gañou España

Aesquerda madrileña aínda está a buscar explicación ao acontecido nas eleccións madrileñas, onde non foron quen de frear o "furacán" Ayuso aínda poñendo sobre a urna tres opcións con diferencias abondo entre si como para captar a atención de calquera votante á esquerda do PP.

Podíase elixir entre tres papeletas que abarcaban desde unha socialdemocracia escorada á dereita do PSOE ata a oferta máis esquerdista que era Unidas Podemos, cun Pablo Iglesias que saíu a un enlamado terreo de xogo tentar salvar un partido que, nas enquisas de antes da celebración dos comicios, daban por finiquitado. Ou ben votar Más Madrid, formación sucedánea das e dos socialistas pero cunhas propostas con tinguiduras menos dereitistas. Agora, após os resultados e as dimisións estanse a tirar os trastes á cabeza responsabilizándose uns aos outros cando teñen a explicación diante dos fociños: Gañou España. Si, esa España de cañas, terrazas e touros, esa España chulesca e insolidaria (eu quero a miña caña na terraza e dáme igual a pandemia), esa España que viaxa polo resto do Estado, aínda saltándose as leis, espallando sen pudor o virus ao viren dun dos lugares con máis casos de Covid-19 mires na data que mires, esa España que vén espetarche na túa casa como tes que falar e escribir.

Esa España á que, seica, hai que lle dar as grazas polo que gastan nos teus bares e restaurantes que senón de que viviríamos pobres de nós, cando todo o mundo sabe que Madrid é a comunidade máis beneficiada polas políticas centralistas e un dumping fiscal que deixa as arcas das demais comunidades tremendo. Si, esa España egoísta de "yo_primero" que apela a unha liberdade (palabra que a Sra. Ayuso prostituíu ata límites insospeitados) que no fondo consiste en aplicar políticas liberticidas como privatizar servizos públicos. Esa España que a esquerda española teima en negarlle a súa forza, pero que amosa o seu músculo sempre que ten ocasión. Esa España do "A por ellos, oé!", onde ese "ellos" disque lles collía lonxe... Esa España é maioritaria e vén de papalos.

E que acontece mentres na Galiza? Acontece que como dixera Manolo Rivas: "Galiza é conservadora pero non reaccionaria". Imaxinades unha campaña pepeira aquí baseándose en cañas-terrazas-touros-liberdade? HA HA, é que só de pensalo, dá risa! E Feijóo e o PPdeG sábeno e por iso aquí nas campañas electorais agochan a banderita española, o logo do PP e practicamente lle prohiben ao líder dos populares estatais pasar de Pedrafita. "La Españolidá" grandilocuente aquí non vende. Nin sequera dentro das súas propias filas nin dos seus e as súas votantes. Será que Galicia is not Spain, eh, Feijóo? Iso si, unha vez chega ao goberno, o noso Presi implementa todas e cantas políticas españolizadoras hai, vende o noso país por anacos e afunde a nosa economía polo ben de España. Pero primeiro e para conseguir os votos, pois: Galicia, Galicia, Galicia. E coa.

Comentarios