Opinión

Feijoladas e Ayusadas

Prometinme a min mesma que non ía falar da señora que protagoniza o circo mediático máis perigoso do Estado español. Si, falo de Isabel Díaz Ayuso. Mais éche inevitábel, sobre todo cando me inflúe a min como galega e tamén ao resto das galegas e galegos.

Que a Presidenta da Comunidade de Madrid estea a comportarse dun xeito máis que irresponsábel unicamente para socavar o Goberno de Sánchez e Iglesias podería parecer desde Galiza unha guerra que non nos incumbe, pero nada máis lonxe da realidade.

Ca ousadía "chulesca" que lle caracteriza, IDA mantén aberta (con excepcións) a comunidade que preside deixando que os "ricachóns" poidan viaxar e ir a hoteis ou segundas residencias doutras comunidades. E aí é onde entramos nós, as galegas, e o Sr. Feijóo que moito Galicia, Galicia, Galicia e, ás primeiras de cambio (bon, ás segundas, que en marzo tampouco pediu blindar Galiza e así nos foi...), déixanos tiradísimas a expensas de que o madrileño de quenda decida despois da ponte vir tomar un "Alvarito" a Sanxenxo ou á Mariña.

Diso nos vale que o Presidente galego vaia e copie a dirixente máis inoperante de España. Porque podía copiar dos cataláns que no seu día, hai xa oito meses, pedían con bo xuízo confinar Catalunya. Ou, se me apuras, podía copiar a Portugal, que tamén lle pechou nos fociños o paso nos concellos lindeiros. Pero non.

A quen copia é á señora que montou un chiringuito de venta de bocata-calamares cando clausurou o hospital de campaña en Ifema, a súa obra mestra -e carísima- mentres ten desatendida, recortada e explotada a sanidade pública madrileña. Vaites, o mesmiño que leva facendo Feijóo aquí once anos. Era visto que o peor que nos podía pasar na Galiza era ter a Feijóo xestionando unha pandemia.

Despois de facer o máis espantoso ridículo en prime-time da galega cargando contra todas as medidas que tomaba o goberno central e non facendo nada aínda tendo competencias, agora o único que se lle ocorre é botarlle un pulso a Sánchez e pórnos en perigo innecesariamente. Mais desenmascarar a "El Gran Ghestor" non é doado xa que entre a prensa galega subvencionada como La Voz de Galicia e a corporación CRTVG, que aínda sendo un medio público pagado por todas e todos nós, o que semella ser realmente é o Gabinete de Comunicación do Sr. Feijóo, temos que sumarlle ademais a prensa española afín que fan de portavoces das bondades (?) do presi galego. E moito máis grave aínda é ter que aturar ao progrerío de esquerdas español branqueando a liña política do presi, como se non tivese recortado en Sanidade e Educación tanto ou máis que a súa compañeira de partido en Madrid e os seus antecesores!

Sería de risa se non fose para chorar, e todo porque en clave española que é como pensan desafortunadamente incluso moitos deputados galegos, o único que importa é minar o liderado de Pablo Casado. E mentres, na Galiza, sufrimos non só as Feijoladas, senón tamén as Ayusadas.

Comentarios