Opinión

Estabilidade na precariedade

O Partido Popular de Galicia representa unha galeguidade estándar modelada ao longo do tempo a base de datos falsos, medias verdades e mentiras directamente. Conforma un xeito de vivir cinicamente, que nin arre nin xo, un déixame así que "o outro" é peor. Un dicir unha cousa e facer outra por detrás, un son tan galego coma español, un tipo de galeguidade conformista coas esmolas que nos dan coa escusa de que Galiza é pobre e que grazas España por nos dar para comer. Unha submisión sistemática e estrutural que nos nega como nación, que pon paus nas rodas a todo intento de facer o País que nos merecemos e que nos autoconvence de que as esmolas de España son único ao que podemos aspirar. A propaganda mediática da Xunta do PP é en gran medida responsábel. Nada de xestionar os nosos cartos. Nada de cobrar as pensións como a media española. Nada de igualar salarios e pensións. Ou sexa, ser español pero sin selo e aínda por riba presumir. Soa ridículo, verdade? Pois así soa o Sr. Feijóo. Tan ridículo como o que lle pasa ao Estado español con Europa. Os sucesivos Gobernos españois gabáronse sempre e seguen a facelo de seren europeos sen moitas das vantaxes de selo. Nin salario igual nin condicións laborais iguais nin moito menos sociais. U-los 1.400 euros de SMI como en “la France” ou os 1.500 nos Países Baixos ou a xubilación aos 63 anos como en Alemaña? U-las baixas por maternidade dun ano enteiro de Dinamarca? Pero, dinse europeos. Surrealista. Esta situación que estamos a vivir na Galiza é consecuencia dun conglomerado de mentiras verquidas perante tantos anos que non nos deixan poñer o foco no futuro. Pedra a pedra, o PP galego foi construíndo o seu chiringuito e creando unha estabilidade na precariedade. Porque para un español de pro como é o Sr. Feijóo que Galiza estea submetida e non reclame para si o que lle corresponde, ou sexa, que esteamos instaladas na precariedade, a el benefícialle. Como dicía o seu xefiño Fraga, hai que sacrificar Galiza por España. El que se di "tan Gallego como Español", tanto Galicia, Galicia, Galicia, non é tal! Só nos está a espremer para ter contentiño o Estado español e todo porque as súa máxima aspiración foi sempre a de chegar a presidente da súa amada España e para iso non dubidou en utilizar todos os galegos e galegas como trampolín de lanzamento. Por iso estivo máis de dez anos sen pedirlle a Rajoy nin un traspaso de competencias. Para que? Nin que Galiza importase. Mais é tempo de frear a devastación e o arrase da década maldita de Feijóo. É o momento para querernos máis ca nunca, respeitarmos e facernos respeitar, parar os abusos contra a nosa natureza e reclamar o que é noso, o que nos corresponde, nin máis nin menos, e que deixen de chucharnos os recursos. En definitiva, crer en nós e vivir a vida como galegas e galegos na Galiza.

Comentarios