Opinión

De esquerdas invisíbeis

“Gracias a Dios, voto al PP”, foi o que me espetou un home na rúa

“Gracias a Dios, voto al PP”, foi o que me espetou un home na rúa hoxe cando andabamos de reparto de NÓS e mentras se dirixía apurado ao caseto da ONCE. A ver se lle toca algo pola gracia de Dios, pensei eu, porque se agarda polo PP... 

Entendo, de todos os xeitos, que de primeiras lle dea as grazas o Altísimo, evidentemente, porque ao PP moitas grazas non creo que lle teña que dar a non ser que este señor agradeza os recortes os que nos está sometendo o Partido Popular ou celebre que a nosa mocidade sexa das que máis emigre do Estado, ou que se estea a cargar a Educación ou a Sanidade Públicas, ou... ou ... 

Como alternativa refírome á “esquerda real”, á “esquerda invisíbel”, si, invisíbel, porque as forzas políticas que defenden os dereitos dos pobos son invisíbeis a todos os efectos

Tamén é ben certo que se este home, como tantas outras persoas, adican o seu tempo a informarse polas canles do réxime pois tampouco é tan extrano que acabe pensando así. Pode ser por convicción, claro, máis dubido que tod@s @s votantes que ten o PP aproben as súas políticas recurtadoras de dereitos, senón que penso que moit@s, mediatizad@s aínda sen sabelo, chegan a facerse unha composición de lugar na que a dereita é a unica forma política “responsable”. Ahá, lóxico, sobre todo pola imaxe que se proxecta dos partidos alternativos (e que se me entenda ben: como alternativos non penso nin en PSOE nin en Podemos, e moitísimo menos, en Ciudadanos!). Como alternativa refírome á “esquerda real”, á “esquerda invisíbel”, si, invisíbel, porque as forzas políticas que defenden os dereitos dos pobos son invisíbeis a todos os efectos. Abonda darse un rule polos medios de comunicación de masas –rexeito este termo, mais é moi acaído en este contexto, xa que nos tratan como unha masa informe de pensamento único- para decatarse de que tanto os programas de máxima audiencia coma os pseudo debates polarizan o voto entre os afíns ao réxime do 78. Boa proba a tivemos neste último debate a 4 protagonizado de xeito estelar polas forzas políticas que non amolan o sistema e no que, realmente, dá igual quen gañe. “Tanto monta, monta tanto”.

Como alternativa, os mass media colocan a unha esquerda incríbel. Mais non incríbel no senso de poderosa, capaz, eficiente, senón incríbel no senso de non-creíbel! Explícome. Cómo derivar o voto ao que lles convén? Pois moi doado, colocando a todo o que signifique contrario aos poderes do sistema, a alternativa, como algo non de fiar, como algo que incumpre sistemáticamente o prometido, como algo que nunca vai funcionar. A esquerda invisíbel. Hai moitos exemplos, en moitos países, nos que o capitalismo pousa as súas gadoupas e a través de mentiras retransmitidas a bombo e platillo nas canles supostamente fiábeis, nos contan o malo- malísimos que son os gobernos de esquerdas, os gobernos dos pobos. E demonizan até a saciedade unhas políticas que, claro, ao seren anticapitalistas pois non interesan.

@s greg@s están incluso peor que antes porque xa non só lles levaron os seus cartos, agora xa lles limparon até a súa dignidade, pois o goberno no que puxeron as súas esperanzas, vendeun@s 

Como decía, podería poñer moitos exemplos, mais só falarei de un. Grecia. Si, esa Grecia da que nos contaban que un partido “de esquerda”, cun líder super carismático como era Tsipras e un super-mega-crack como era Varoufakis, ían plantar cara a unha UE que @s aplastaba. Unha Grecia que, ademáis de votar “esquerda”, tamén refrendou nun referendum que o seu pobo non ía aceptar máis políticas de recortes impostos. Unha Grecia, que, a fin de contas, creeu o que a televisión lle contaba.

Coitadiñ@s... Enganáron@s. Había outra esquerda, mais esa non saía nos medios.

Consecuencia: @s greg@s están incluso peor que antes porque xa non só lles levaron os seus cartos, agora xa lles limparon até a súa dignidade, pois o goberno no que puxeron as súas esperanzas, vendeun@s. E vendeun@s porque o capitalismo que impera na UE nunca, nunca ía deixar saírse ca súa a unha forza que promova políticas de verdadeira esquerda. Mimá, qué farían os lobbys, os poderes financieiros entón? E o peor de todo é que este capitalismo consegue vendernos as súas patrañas e que moitísima máis xente perda a confianza e deixe de votar a partidos esquerdistas, grazas a que os seus medios secuaces confírmannos día tras día que unha vez estes partidos chegan o poder, non funcionan. Como pasou con Syriza.

E mentras nos fan crer en certas opcións políticas como se fosen de esquerda, fabrican personaxes, monicreques case, que convirten en fenómenos televisivos e van de xira mediática e todo, cando @s que realmente defenden o pobo son censurad@s, agochad@s, perseguid@s e, evidentemente, non fan bolos polas televisións. 

Agora voltade os ollos de Grecia porque aquí nos está a pasar o mesmo.

Comentarios