Opinión

Do autoodio á autoinmolación

Non, non vou falar de Madrid. Ou si. Vivimos na Galiza tempos insólitos nos que non só as forzas centralistas que nos gobernan ou certa prensa pasan todo o santo día foza que foza na esterqueira na que se converteu a política madrileña, senón que os acontecementos que transcorren na capital do Estado están xa en rigoroso directo na boca da nosa xente, minuto a minuto e chío a chío, e tan decotío que hai a quen lle van acabar dando o Máster en Madrileñismo. 

Converteuse en habitual escoitar conversas nos bares, nas farmacias, na cola da panadería de calquera vila galega sobre o que acontece na cidade-embigo, como se non houbesen máis temas a tratar, como se o noso país non tivese problemas de seu, como se na Galiza non tivesemos traballo abondo no que enlear sen ter que estar pendentes de quen di a fachistada maior en #CasitoCity. 

Semella que os problemas e necesidades dos galegos e galegas pasaron a un segundo plano, coa inestimábel colaboración dalgúns medios galegos como La Voz e demais ferramentas de propaganda, ou como a TVG, que ata emitiu en directo o debate para as eleccións á Comunidade de Madrid! Demos na Galiza acaso un paso máis desde o autoodio e pasamos xa á autoinmolación? Estamos sendo conscientes de que nos están a deixar sen o pan, que están desmantelando a pouca industria que xa nos quedaba, pechando empresas, deixando que despidan traballadoras e traballadores a centos, que están dándolle unha patada no cu á mocidade para que colla a maleta e emigre? Aínda non temos claro que ollando cara España non imos obter nada máis que facherío por parte da dereita e a máis absoluta indiferenza por parte da esquerda? 

Estamos a facerlle tanto caso a quen non o merece mentres ignoramos a quen pon sobre a mesa solucións aos problemas do país, a quen esixe unha axenda galega, a quen loita porque saiamos adiante. 

Fica cada vez máis claro que só o nacionalismo está a denunciar os continuos desleixos que estamos a sufrir e a esixir o que é noso, o que nos corresponde.

Aínda que máis ben parecera que lle estivesen a berrar ao mar infinito desde Cabo Fisterra ou ao ceo inalcanzábel desde o medio da Terra Cha ou desde o máis profundo do Courel sen obter resposta... 

Hai alguén aí?

Comentarios