Opinión

De cíclopes e núcleos irradiadores

Galiza está atrapada.

O noso país atópase preso, politicamente falando, entre partidos centralistas que actúan a modo de Cíclope como é o caso do PPdeG -que só ten un ollo, no centro, e que mira para un só punto, o mesmo centro do Estado Español ou sexa Madrid- e os outros dous, o PSdeG e o PodemosDeG (Galicia en Común). O partido das e dos socialistas galegos centraliza todas as súas políticas do mesmo xeito que o fai o PP, incluso as que exerce aquí, revestíndoas dun falso progresismo ao que, por unha estraña razón que se me fai difícil entender, debémoslle pleitesía porque si, porque elas e eles así o consideran. E Galicia en Común fai exactamente igual. Neste caso, disfraza de federalismo ilusorio o seu españolismo centralizador.

E digo ilusorio porque xa ficou claro abondo nos poucos anos de vida de Podemos que España é, e foi sempre, o seu punto de mira e de acción. Un núcleo irradiador de sabedoría que, sácate ti, nacionalistagalego, que xa me poño eu que ti non sabes. Vaites! Resulta tremendamente ofensivo que menosprecen o noso País no reparto dos cartos porque si. Éche o resultado de que nacionalistas galegos que defendan o País no Congreso español haxa un, un só, e en contrapartida teñamos 12 deputadas e deputados galegos máis, autodenominados de esquerdas, cobrando por votar a favor duns orzamentos máis prexudiciais para Galiza que os anteriores de Montoro (que róncanlle o tema).

E os outros 10 da dereita galega do PPdeG desta volta votan en contra porque están PSOE-Podemos gobernando que se estivese o PP central, como xa pasou con Rajoy, tamén votarían a favor aínda sendo desfavorábeis para o noso País, como tamén xa ten pasado moitas veces. Been there, done that, que dirían os british. Que iso, que xa sabemos a historia e a historia repítese estean a dereita ou a esquerda españolas gobernando no Estado, e a dereita e a esquerda galega centralista votando cada quen aos seus. Porque xamais votan pensando no País, votan pensando en España e así nos vai. O remedio é moi sinxelo.

Que a Galiza teña (aínda máis) voz propia. 

Comentarios