Opinión

Universidades en perigo de extinción?

Se o modelo universitario actual está en perigo de extinción ou non

Se o modelo universitario actual está en perigo de extinción ou non, descoñézoo mais as ameazas e mudanzas que envolven a todo o sistema educativo e en concreto o sistema universitario son evidentes. Por que se non habería cada vez máis cursos de prestixiosas universidades gratis en Internet? 

Se consultamos isto na recente historia estadounidense encontraremos explicacións ben evidentes que apuntan ao contexto de crise económica. Indicios que sinalan máis concretamente á posta en eviencia dun sistema universitario que recadaba uns 9.1 trillóns de dólares e que xa non ofrecía postos de traballo asegurados para o estudantado. É dicir, ese investimento de 25.000 dólares por formación universitaria de cada estudante xa non tiña un retorno profesional. 

Comeza a cuestionarse o valor da universidade, rexeítase que o que ofrece a universidade non asegura a entrada no mercado laboral nin funciona como investimento con retorno. Aparecen novas tendencias que intentan mudar o contexto de mercado e produtividade do ámbito universitario. Entre os novos acontecementos que imos observar está o nacemento dos MOOCs. Prestixiosas universidades entran na dinámica de ofrecer cursos masivos e gratuítos para competir pola súa posición de prestixio e de percentaxe no mercado. 

O MOOC persiste identificado por expertos como unha operación de marketing das universidades máis prestixiosas

Nacen novas ideas ao redor dos MOOCs, moi ligados ao MIT (Instituto tecnolóxico de Massachusetts) e ás universidades americanas de maior relevancia. Manéxase a idea, por exemplo, de pedir a elaboración de cursos a premios nóbeles e que sexan vendidos ás universidades. Comezan a aparecer empresas como Coursera, edX ou Udacity. O momento máis álxido dos MOOCs vai de 2011 a 2013, cando comezan xa a recibir as primeiras críticas. Existen prácticas para levar este negocio ás empresas estadounidenses ademais das universidades. Pero o MOOC persiste identificado por expertos como unha operación de marketing das universidades máis prestixiosas. O obxectivo central é ser referente para o seu público que cursará outros estudos de pago online ou presencialmente. 

As persoas que fan MOOCs son habitualmente persoas cun moi alto nivel formativo que están constantemente reciclándose. E por suposto, non son só ianquis. O fenómenos amplifícase como moda para chegar a diversos lugares do mundo. Hoxe os MOOCs xa son algo no que vemos en contacto a numerosos universitarios e universitarias en moi diferentes lugares. Cursados habitualmente en inglés tamén ofrecen cursos noutras linguas ou con subtítulos para os seus usuarios extranxeiros. 

De novo aparece un duro ámbito no que competir desde a nosa fráxil e periférica Universidade galega

A conclusión, unha morea de persoas de todo o mundo formándose ao redor destas universidades americanas que gañan terreo fronte a outras universidades europeas que copian o modelo aunándose en iniciativas de menor prestixio como Miríada X. O futuro, un campo de batalla do coñecemento e da formación universitaria no que a posición de partida favorece claramente aos axentes do centro do sistema, xa experimentados na estratexia empresarial de fenómenos como Coursera ou edX que partiron con maior capital risco que o propio Twitter. Sabemos, por exemplo, que o MIT e a Universidade de Harvard contribuíron con 600 millóns de dólares no lanzamento de edX.

De novo aparece un duro ámbito no que competir desde a nosa fráxil e periférica Universidade galega, desde o ámbito formativo do noso territorio abafado polo poder externo e que precisa facer as súas propias apostas e experimentos. Podería ser interesante fabricar alternativas de noso para facer fronte a esta agudización da desigualdade no desenvolvemento do coñecemento e da súa difusión. Se cadra en calquera momento próximo imos paso a paso construíndo o noso peculiar e propio mundo do coñecemento, da industria ou da ciencia. Sen esperar a copiar, tarde, mal e arrastro as tendencias de estados dominantes que nada ou pouco teñen que ver coa nosa realidade. 

Comentarios