Opinión

Sociedade do descoñecemento

Vivir nun contexto denominado sociedade do descoñecemento nunha periferia como a galega é hoxe unha posibilidade a cada paso máis real nun territorio ameazado pola homoxeneización mundial, pola agudización das diferenzas entre territorios, entre ricos e pobres, ou mesmo, entre quen coñece ou non coñece.

Vivir nun contexto denominado sociedade do descoñecemento nunha periferia como a galega é hoxe unha posibilidade a cada paso máis real nun territorio ameazado pola homoxeneización mundial, pola agudización das diferenzas entre territorios, entre ricos e pobres, ou mesmo, entre quen coñece ou non coñece.

Galiza e a Sociedade do Descoñecemento

"O coñecemento serve tamén para enganar, dominar, enriquecerse ou mesmo quedar cos cartos de persoas desprotexidas". 

Levamos unhas cantas décadas escoitando o termo Sociedade do Coñecemento, asimilando dalgún xeito, que vivimos nunha época na que o coñecemento e a información son os protagonistas indiscutibles do noso tempo. Isto é unha evidencia que non podemos negar mais que sen dúbida posúe outra cara, outra interpretación, outras posibilidades... 

Algo no que se cadra non reparamos a miúdo é nas desigualdades, nas periferias e nas marxes que vai xerando este modelo de sociedade no que agora nos atopamos. Estamos nun tempo no que case aceptamos como normal, por exemplo, que unha entidade financeira quede cos cartos dunha persoa aforradora ou no que coñecemos erros e abusos das compañías de enerxía fronte ás persoas consumidoras cada día. E isto pode facerse porque as entidades poderosas ou privilexiadas teñen o poder e o coñecemento. Logo poderiamos aceitar que o coñecemento serve tamén para enganar, dominar, enriquecerse ou mesmo quedar cos cartos de persoas desprotexidas. 

Indignámonos diante destes abusos, mais pouco a pouco imos naturalizándoos co conto de soportalos na nosa cotidianidade. Este tipo de situacións van xerando marxes de descoñecemento, de desprotección e de miseria. Van facendo que as persoas se afasten das reivindicacións porque case nin as comprenden, porque son complexas e enganosas. E isto se cadra é o que chamamos tamén sociedade do coñecemento, que se transforma a cada paso en descoñecemento, en discriminación, en abuso.

"Quen xera a información e o coñecemento? Como se difunde e de que xeito se valora? Quen son os gardiáns do coñecemento? Onde están os centros de produción de coñecemento?"

Desde logo que o coñecemento e a información son protagonistas dos nosos tempos. Mais tamén o son as novas e vellas desigualdades, a concentración do poder en poucas mans, a recentralización no Estado, o dominio mundial por parte do poder de certos estados, etc. Entón para facer interesante, estratéxica ou útil a sociedade do coñecemento temos que facérmonos algunhas preguntas do noso interese. Temos que colocarnos no mapa do mundo para ver cal é o noso papel e as nosas posibilidades, cal o camiño que como colectivo podemos poñer en marcha para reclamar o noso, para estar aí onde se xeran os avances que tamén nos pertencen e dos que queremos formar parte. 

Temos logo o reto de facérmonos preguntas dun xeito crítico para asomarnos á chamada sociedade do coñecemento dun xeito reivindicativo e produtivo para nós. Para non caer na sociedade do descoñecemento, para poder xerar oportunidades, apostas e soños de futuro. Entre estas preguntas poderían estar as seguintes: Quen xera a información e o coñecemento? Como se difunde e de que xeito se valora? Quen son os gardiáns do coñecemento? Onde están os centros de produción de coñecemento?

Todas estas preguntas teñen diferentes respostas, respostas que falan de centros tecnolóxicos de referencia hoxe no mundo, centros de estados concretos e temáticas concretas. Elementos contra os que imos ter que rebelármonos e competir. Si competir no bo sentido da palabra. Competir para reclamar o noso e sermos un pobo con dereito ao coñecemento e ao desenvolvemento. Para fuxirmos dos abusos deste tempo perigoso no que o descoñecemento se convirte en marxinación.

Comentarios