Opinión

Sistemas educativos 4.0

Nos últimos tempos recibimos, a través dos medios, diversas informacións sobre os modelos educativos referenciais no mundo. Un dos paradigmas destacados a nivel internacional é o sistema educativo finlandés. Un modelo que sobresae, entre outras características, pola alta capacitación e prestixio do profesorado. Este modelo conta tamén cun posto destacado no bo uso das TIC, no baixo índice de alumnado por aula ou na ínfima representación do ensino privado, dun 1% sobre o total.

Ademais, en Finlandia apréndese a teclear na escola para facer dos dispositivos tecnolóxicos un elemento integrado no contexto global do ensino-aprendizaxe. Teñen o mellor profesorado desde o inicio, cando se estrutura o pensamento e a linguaxe. O ensino é obrigatorio a partir dos 7 anos e hai un sentimento de implicación destacado de pais e nais.

Por desgraza, Finlandia e España son dúas caras dunha mesma moeda en todas as listaxes educativas do mundo. E, desafortunadamente, os galegos e as galegas pertencemos ao sistema educativo español, aínda que teñamos un dominio edu.xunta.gal que pretende ter certa entidade mais que está inmerso neste marco estatal que se vai achegando, a cada paso, á nítida imaxe da maior decepción educativa.

nós ímonos asemellando máis a caóticos modelos educativos que aos nosos veciños e veciñas de Europa do Norte

Mentres, nós ímonos asemellando máis a caóticos modelos educativos que aos nosos veciños e veciñas de Europa do Norte. No noso imaxinario colectivo resoan diferentes protestas, dirixidas en numerosas ocasións, cara a un profesorado saturado con innovacións sen sentido que limitan o día a día das nosas potencialidades. Nada que ver con esa máxima que preside o sistema educativo finlandés, cun claro aprender a pensar en tempos de transformación tecnolóxica e social.

A imaxe da educación española sería de desprestixio fronte a sistemas, como os nórdicos, onde as claves están na excelencia duns profesionais con alta valoración social. De feito, nestes países as notas máis altas de acceso á universidade están nas carreiras educativas. Porque tamén teñen moi introducida a idea de que a chave do desenvolvemento dun país depende da educación.

Pola contra, no noso contexto, temos pasado dunha certa valoración da educación hai un par de décadas a unha percepción social xeral de que os estudos non valen para nada de nada. E así imos á deriva para ser alimento das máis crueis fendas salariais á galega ou do universo do máis absoluto precario en coñecemento e innovación.

Mais cada Estado ten as súas prioridades e o español semella máis interesado en alimentar diferentes capitais financeiros que en saír deste furado de crises económicas e nacionais continuas e perversas. Nós, mentres tanto, xa sexa no noso rol educador, cultural ou económico, seguimos a soñar con mudanzas que deiten algo de luz sobre tanto escurantismo.

[Este artigo foi publicado previamente no semanario en papel Sermos Galiza número 351]

Comentarios