domingo 26.01.2020

Emigración, mocidade, desesperanza e rebeldía

Aínda que vivimos nun contexto no que intenta imporse a hipnose televisiva de vivirmos no mellor dos mundos posibles, moitas veces enchémonos de valor para saírmos á rúa e miramos con ollos minimamente críticos. 

Aínda que vivimos nun contexto no que intenta imporse a hipnose televisiva de vivirmos no mellor dos mundos posibles, moitas veces enchémonos de valor para saírmos á rúa e miramos con ollos minimamente críticos. Non sei o que vedes vós pero entre as cousas que eu vexo está a miña cidade sen case mocidade polas rúas. A sensación é bastante desacougante xa que as mozas e mozos acostuman ser quen provoca risos, ruídos e vida ao noso paso.

"Non sei o que vedes vós pero entre as cousas que eu vexo está a miña cidade sen case mocidade polas rúas"

Sei que a cidade na que vivo, Ferrol, é unha cidade cunha situación gravísima de desemprego e cun incerto futuro demográfico. Unha cidade á que se lle atribúen os prexuízos da pobreza actual de Galiza duplicados e mesmo triplicados. Mais pode ser ben triste esta descrición porque o futuro que se debuxa para o noso país no horizonte é similar ao desta dura cidade. Un futuro con cada vez menos emprego público, sen apenas industria, sen sectores produtivos propios e sen demasiadas expectativas en xeral. 

A esta crise de superviviencia da propia Galiza súmase a crise de emprego na mocidade galega, directamente relacionada con todo isto, por suposto. Neste sentido podemos lembrar informes que sinalan que en Galiza emigraron 100.000 mozos e mozas desde o 2010 ata 2014.  Ou podemos ler diversos artigos nos que se fala das opcións de emigración ou precariedade como as únicas saídas para a mocidade galega. 

"Igual que no século XIX as viúvas de vivos e mortos ficaban sen home hoxe ficamos principalmente sen mocidade. A cousa é similar porque o que perdemos é a forza de traballo". 

E xa temos aquí un novo drama para un pobo que ficou desposuído da maior riqueza, a súa mocidade e a súa xente traballadora. Igual que no século XIX as viúvas de vivos e mortos ficaban sen home hoxe ficamos principalmente sen mocidade. A cousa é similar porque o que perdemos é a forza de traballo. Perdemos o desenvolvemento, a actividade, os erros e os acertos da xente de aquí traballando aquí. Por menos disto moitas comunidades estarían mesmo enlouquecidas. E penso, que a nosa o está en certa medida. O que acontece é que con tanta edulcoración da realidade vannos toleando e perdemos as forzas.

E deixando a un lado a sensibilidade e a crítica para procurar certa sensatez non atopo outro camiño que a protesta e a acción. Porque aínda que vivimos nun contexto de total engano por parte dos que nos queren arrasar, cada vez atopo máis persoas galegas con vontade de participar nun intento de buscar saídas a este cárcere que teñen montado para nós. Persoas dispostas a actuar aberta e directamente fronte ás inxustizas. Non sei se debo alegrarne, motivarme ou esperar. Só sei que sinto reconforto e ganas de seguir loitando cada vez que alguén dá un paso adiante. Porque cada paso andado é unha vitoria para a nosa terra, que precisa hoxe de todas as mans.

Emigración, mocidade, desesperanza e rebeldía
comentarios