Opinión

Economía social galega: realidade ou ficción?

En Galiza existen 1.238 cooperativas, que en termos de facturación supoñen o 4,3% do PIB galego.

Este título no que me pregunto se a economía social galega é realidade ou ficción, nace do meu interese por dar a coñecer este pequeno universo, que aínda existente e vivo segue a ser un descoñecido para moitas persoas do meu contorno máis próximo e non tan próximo. Ou ben diriamos continúa a ser Invisible por causa do descoñecemento desta alternativa por gran parte da nosa sociedade.

Imos comezar por sinalar algunha definición do que podería ser a Economía social, xa que, se cadra equivócome, pero penso que non é un concepto moi coñecido nin moi estendido. Se cadra cambia a cousa cando falamos do Cooperativismo, que por suposto formaría parte da economía social. O cooperativismo penso que si se coñece algo máis, entre outras razóns pola vinculación co mundo agrario galego desde os anos 70 ou 80.

"A economía social ou solidaria é pouco coñecida mais en modo algún marxinal, aínda que a certos poderes económicos lles resulte interesante vender esta idea de marxinalidade"

E diredes vós, entón que é a economía social? A economía social inclúe cooperativas, empresas de traballo asociado, organizacións non lucrativas, asociacións, fundacións, etc. Defínese como a economía que se centra en satisfacer as necesidades en vez de maximizar o beneficio. Denomínase tamén como a economía das persoas, a esfera pública non estatal, a economía que pretende fixar á xente no seu territorio e un longo, etc. É dicir, representa unha parte da economía que abre outras posibilidades para crear alternativas á economía convencional.

Logo diante desa pregunta Economía social galega: realidade ou ficción? Eu desexaría dar a resposta de: realidade, e canto máis real e forte sexa, moito mellor para os galegos e galegas. A miña idea é a de dar a coñecer o que existe da economía social á vez que intento transmitir as posibilidades que abre. Pois imos aló, faremos entón unha moi pequena viaxe polo mundo e por algúns dos exemplos que eu coñezo polas miñas lecturas e motivacións...

"Se a economía social é a economía das persoas só avanzará se nós creamos grupos de consumo, de traballo, de produción industrial, etc..."

Sabiades que a principal institución financeira do Quebec é o banco popular cooperativo Desjardins? E que no Nepal, os bosques comunais, unha das principais fontes económicas do país, están xestionados pola FECOFUN (Federation of Community Forestry Users), que reúne a 12.500 grupos de persoas usuarias que representan 1,7 millóns de familias, ou sexa 9 millóns de persoas nun país de 28 millóns de habitantes. Ou que en Arxentina o movemento de empresas recuperadas aglutina a 200 empresas e 10.000 persoas traballadoras. Que en Xapón os clubs de consumo asocian a 200.000 familias e que as moedas sociais están en auxe. E que en Noruega unha de cada tres persoas é socia dunha cooperativa? Ou mesmo sabedes que a comarca do Alto Deba en Euskadi, onde se asenta o movemento cooperativista de Mondragón, é unha das comarcas cun dos niveis de renda dos máis altos de toda Europa?

Sabiades ademais que en Galiza existen 1.238 cooperativas, que en termos de facturación supoñen o 4,3% do PIB galego. En termos de ocupación, o cooperativismo galego, representa o 2%. E isto só sería unha porción da realidade da economía social galega, imaxinade o que podería simbolizar a economía social galega se merecese a atención que por interese social podería ter.

"Sabiades que a principal institución financeira do Quebec é o banco popular cooperativo Desjardins?"

Pois efectivamente, a economía social ou solidaria é pouco coñecida mais en modo algún marxinal, aínda que a certos poderes económicos lles resulte interesante vender esta idea de marxinalidade. Evidentemente interesa moito apartar esta realidade que ocupa a tantas persoas e territorios no mundo.

Ademais a economía social en xeral está a soportar moito mellor a crise do que a está a soportar a economía capitalista ou convencional. Se continúa a crise afectará tamén á economía social, por suposto, pero se se preservan algunhas das súas iniciativas sempre pode representar un xermolo para o nacemento doutras posibilidades económicas e produtivas diferentes ás actuais.

Entón existe algún movemento que impulse a economía social galega? Cal é a situación actual deste modelo económico aquí ao noso carón? Poderiamos participar a través de diferentes entidades para contribuír a un proceso de democratización económica?

Só as persoas que agora ou no futuro forman ou vaian formar parte desta economía poden darnos a resposta. Se a economía social é a economía das persoas só avanzará se nós creamos grupos de consumo, de traballo, de produción industrial, etc. Mais para asomármonos a este mundo teriamos que coñecer a onde podemos ir para achegármonos a el. E aínda que poidades pensar que este é un mundo pouco activo eu diríavos que curiosearades, se é que vos interesa, por exemplo en:

Ugacota, Asociación galega de cooperativas de traballo asociado, o tipo de cooperativas que máis medra en Galiza nos últimos anos.

Rede Eusumo, Rede que asesora de xeito gratuíto a todas aquelas persoas que desexen crear iniciativas de economía social.

Aesgal, asociación empresarial de sociedades laborais. Entidade que agora mesmo promove o concurso Visibles, para dar a coñecer proxectos de economía social.

E poderiamos continuar, porque desde logo eu sinalaría outras entidades que non forman parte estritamente da economía social pero que sen dúbida teñen o seu lugar noutro enfoque económico, como todas as empresas de Software libre galegas aglutinadas en Agasol.

En definitiva, a economía social galega é realidade, ben evidente e palpable. O seu futuro, as súas posibilidades e as súas forzas está por ver e determinar. Faranse visibles ou invisibles dependendo das xentes e das ganas que nazan da actividade que xeren. Desexo que se poidan xuntar moitas forzas e que todo o que comuniquemos sobre este mundo chegue para sementar en vós tamén o interese por este tipo de alternativas fronte a unha economía convencional que apodrece.

Comentarios