Opinión

Cerebros que foxen desde a periferia

Neste tempo de descanso que provoca a lectura detida de noticias e acontecementos son quen de determe en novas ás que doutro xeito non tería dedicado a mesma atención. 

Neste tempo de descanso que provoca a lectura detida de noticias e acontecementos son quen de determe en novas ás que doutro xeito non tería dedicado a mesma atención. Así, remato relacionando acontecementos dispares para ir camiñando unha e outra vez á liña dos pensamentos que maior preocupación representan para min nestes tempos: o noso futuro como pobo e o noso desenvolvemento en todos os sentidos, desde o máis global até o máis particular; así vexo imbricados todos e cada un dos elementos que conforman as nosas posibilidades como persoas e como colectivo. 

E é que nestes días volvín ler en diversos medios sobre a falta de oportunidades para as mentes marabillosas no contexto do Estado. Volvían os titulares sobre brillantes investigadores e investigadoras que ían, como non para USA, a desenvolver non sei moi ben o que, pero o grande imperio americano e as súas poderosas transnacionais, de seguro. 
http://www.agibilis.com/amaya-moro-martin-dejar-de-invertir-en-idi-es-boicotear-el/

Isto produciu en min unha intensa preocupación polos datos que lle afectarían logo a Galiza, tendo en conta que non hai moito era noticia que miles de universitarios e universitarias galegas emigraban a outras zonas do Estado por non atopar saídas profesionais na súa terra. Na miña cabeza debuxouse unha xigante matrioska que nos ía engulindo pouco a pouco; na que galegos e galegas estabamos nunha das matrioskas máis pequeniñas engulida por moitas outras. 
http://www.economiadigital.es/gles/notices/2012/10/galicia_y_la_tercera_emigracion_27022.php

"Poderiamos sinalar como síntoma de dependencia de Galiza, a emigración dos nosos e das nosas científicas"

De certo poderiamos sinalar como síntoma de dependencia de Galiza, a emigración dos nosos e das nosas científicas. Se fixésemos unha breve consulta aos datos mundiais, de seguro que este tipo de emigración en certos territorios de destacado poder económico no mundo é case inexistente, ou mesmo mínima. Poderiamos afirmar, sen medo a equivocarnos, que a maior fuxida de cerebros maior dependencia, perda de autogoberno,... E aí estamos nós, galegos e galegas, cunha dobre ou tripla dependencia do Estado, de Europa,  dos poderes mundiais; e así por diante. 

Á miña mente van chegando imaxes e pensamentos do contexto xeral no que vivimos e da experiencia propia e máis próxima. E teño que dicirvos que o contexto actual lévame unha e outra volta a avaliar con gran mágoa para a nosa nación este tempo noso cara o futuro. Con gran mágoa e desasosego, porque estes tempos novidosos en canto á novos xeitos de comunicación, difusión e creación de coñecemento poden sempre traer consigo diversas oportunidades a quen actúa e permanece presente e con poder ou empoderamento para reaccionar. Mais as oportunidades vanse indo o mesmo que a area entre as mans ao compás dun sopro de vento.

E detéñome a pensar se realmente ten tanta relevancia a chamada Fuga de cerebros, ou se realmente o problema é a fuga da industria propia, do poder de decidir, dos recursos financeiros de noso, ... Pregúntomo porque a única base posible para crear oportunidades a estas mentes marabillosas é ter unha base industrial forte que favoreza e faga posible toda a investigación  que o noso país e as nosas xentes merecen.

Será que estes medios tan preocupados por nós queren humanizar a nosa historia apoiándose en referentes persoais? Sinceramente, dubídoo. Mais ben penso que se nos presenta un problema de xeito individual e abstracto, afastado das nosas propias posibilidades e de todos os posibles grupais ou comunitarios.

"Este enfoque nas noticias non vén máis que a reforzar propositadamente a idea preexistente sobre galegos e galegas como individualistas, esforzados e traballadores"

Se cadra, este enfoque nas noticias non vén máis que a reforzar propositadamente a idea preexistente sobre galegos e galegas como individualistas, esforzados e traballadores; mais non comunitarios e cooperadores.  Se cadra poderían categorizarse como molestas todas as iniciativas de carácter grupal con idea de transcender e provocar mudanzas sociais reais. Como se a alguén lle interesase proxectar unha imaxe de fracaso e falta de oportunidades para ter ben atado o país ou o territorio a esquilmar. 

Mais por instantes boto a vista a vivencias recentes e vexo como moreas de persoas e grupos continúan a buscar saídas colectivas e posibles para o noso futuro no profesional, no económico, no social. Sen ir máis lonxe este verán participei en diversas xornadas, encontros, reunións; todos con grande proveito e interese por parte das persoas asistentes. Nun dos encontros coñecín persoas que xa volveran desa tan marabillosa emigración profesional e mesmo investigadora, cansos dun que facer que non tiña sentido. Moitos deles participaban presentando propostas de Cotraballo, o chamado Coworking; propostas ao redor da creación de software libre, a volta ao cultivo do lúpulo, ...
http://xornadaemprego.wordpress.com/
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/04/17/galicia/1366220334_717953.html
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/04/17/galicia/1366220334_717953.html

E, en definitiva, pechei de novo o meu fluxo de pensamentos coa idea firme das nosas altas capacidades colectivas de desenvolvemento, sempre e cando, por suposto, poidamos enfrontármonos á adversidade do dominio en cada un dos nosos actos colectivos e persoais.