Opinión

Colapso industrial galego 4.0

Pois si señores e señoras, no chamado país dos mil ríos, da grande capacidade de produción eléctrica, no territorio fértil agroalimentario, na terra dun antigo cooperativismo agrario e do presente cooperativismo de traballo asociado, neste territorio, prepárense, a industria está en claro desmantelamento, extinción ou exterminio.

O recente debate mediático sobre Ferroatlántica ou Alcoa pon no foco unha problemática que leva anos con nós e á que case ninguén lle quere plantar cara polas fortes implicacións que leva consigo. Nestes últimos casos podemos centrarnos na tarifa eléctrica e no sen sentido de que sexa aquí en Galiza tan custosa. Mais a min lémbrame demasiado a ese deja vu das mobilizacións do sector naval en Ferrolterra, que ao final o que teñen detrás é a venda do país aos capitais foráneos desde un Estado centralista ao que pouco ou nada lle importamos.

A estes recentes conflitos podemos sumar o de Poligal pola deslocalización, un tema tamén manido no noso contexto industrial. Empresas que se crean con subvencións como as do Plan Ferrol, nutridas cos recursos de galegos e galegas para despois deslocalizarse e entrar no mercado dos grandes poderes foráneos. Unha deslocalización defendida polo actual goberno da Xunta, cómplice da miseria que eles axudaron a incentivar desde 2009, con aquel exterminio do contrato das renovables que acabou no Supremo, cando xa as empresas potencialmente interesantes para Galiza estaban extintas e as que conseguiron sobrevivir tiñan a cabeza fóra do país, levando con elas, coma sempre, a emigración de mozos e mozas do máis preparado.

E por se non nos chegase con este panorama, nas administracións públicas permitimos que entren cada vez con máis forza as empresas multinacionais foráneas a chuchar os nosos recursos básicos e xestionar bens primordiais como a auga. Vaia que se xa non tiñamos nada o pouco que nos quedaba para apoiar ou incentivar ás industrias propias o vendemos a cachos, como vendemos o país.

Non creo que haxa moita máis alternativa que a de crear outro modelo máis sostible, máis galego, máis público, máis da economía social, máis da tecnoloxía libre e propia. Con freos a eses xigantes a través de regras contra á especulación foránea, de protección dos nosos recursos, de responsabilidades sociais corporativas. Mais estes obxectivos non van ser doados de acadar, para ir tecéndoos teremos que romper moitos contratos nas pequenas e grandes administracións públicas a través da mobilización social ou da ruptura a través de poderes políticos decididos.

A evolución industrial dos últimos anos na Galiza tórnase nunha realidade hostil e crúa, lonxe do aconflitivo modelo liberal, que en parte, semellaba aceitado por case todo o mundo hai nada. Mais que precisa mudar para buscar novas análises e respostas!

Comentarios