Opinión

Acceder ao coñecemento

Levo un tempo dándolle voltas ao concepto de alfabetismo e analfabetismo no contexto deste segundo decenio do século XXI. E polo que vou vendo na Web semella que non son a única preocupada por estes temas. Porque ademais dos ríos de tinta que podemos ler sobre analfabetismo tecnolóxico, podemos tamén atopar diferentes enfoques que van máis alá do puramente dixital.

Encontramos, por exemplo, definicións nas que a alfabetización contemporánea estaría identificada coa capacidade de atopar, avaliar, utilizar, compartir e crear contidos na Web. Ou mesmo atopamos recorrentemente citado un texto de Alvin Toffer que afirma que as persoas analfabetas do século XXI non serán aquelas que non saben ler nin escribir, senón aquelas que non poden aprender, desaprender e volver aprender.

Sexa como for estamos diante dun novo concepto de alfabetización e dun marco do coñecemento renovado. Por unha banda escoitamos que temos que estar nas redes sociais, tales como facebook ou twitter; pero despois comprobamos que esas redes sociais pertencen aos centros de poder do coñecemento. E reflexionamos sobre as alternativas que posuímos....

A primeira resposta é a de saírse do mundo dixital e facer redes físicas, reais, tradicionais... Mais logo somos conscientes de que tamén temos que estar neste espazo da rede. Porque podemos utilizar as tecnoloxías do mesmo xeito que un loro articula unha lingua, sen racionalización, comprensión global e demais. Ou podemos pola contra intentar comprender e utilizar o fenómeno do coñecemento dixital. Un dos camiños posibles é achegármonos ao Software Libre porque aí imos ver moitas das nosas inquietudes plasmadas, motivacións de acceso ao coñecemento ou de independencia tecnolóxica. E aínda con iso non será suficiente porque teremos que analizar e interactuar nesta nova realidade para facérmonos realmente nós, evolucionar e manter a nosa identidade.

O poder e as oportunidades están moi pouco accesibles sobre todo se van da man de tecnoloxías polas que temos que pagar licenzas de uso con códigos pechados

Como en calquera época histórica o coñecemento é poder, o coñecemento é oportunidade, o coñecemento é liberdade. Mais a liberdade, o poder e as oportunidades están moi pouco accesibles sobre todo se van da man de tecnoloxías polas que temos que pagar licenzas de uso con códigos pechados. É dicir, déixannos utilizar a tecnoloxía pero non podemos mellorala, non podemos estudala, etc. O código co que se programa é pechado, privado e secreto. É como se nos desen a comida sen a receita ou os utensilios sen manual de instrucións. Para que así cada vez que necesitemos algo teñamos que pedir axuda, para que dependamos, para facérmonos colectivos débiles e dependentes.

Este é o futuro que foi trazando a globalización, dependencias que se suman a outras dependencias xa existentes. Limitacións que se van impoñendo aos poucos para asfixiar máis e máis aos pequenos territorios. En definitiva, novos modelos que xeran novas escravitudes e fendas moi difíciles ou case imposibles de salvar.

Canto antes comecemos a interesarnos por comprender todos este contexto, que vai do big data ao internet das cousas, moito mellor será para nós como persoas, pobos e colectivos. Vivimos nun mundo con trampa, coma sempre, no que nos van introducindo necesidades e dependencias sobre as que non temos criterio. E esta vez utilizamos a tecnoloxía para todo, desde para a almacenaxe do coñecemento educativo ata para a sanidade ou a industria.

Estamos en mans dun novo mundo no que existen oportunidades como a do Software Libre e tamén moitos perigos. Mais intentar mudar a nosa condición pasiva a un interese pola novidade xa sería un cambio estratéxico para calquera colectivo que quixese ter criterio autónomo neste novo contexto do coñecemento.

Comentarios