Opinión

O falso dilema entre emprego e medio ambiente no caso de Alcoa

Hai aproximadamente ano e medio producíase a Revolta dos chalecos amarelos en Francia. Pouco ten reflexionado o ecoloxismo sobre o feito de que a última gran revolta vivida en Europa se orixinase a partir da implementación dunha eco-taxa. En agosto de 2019 a clase política alemá discutía, co apoio dos Verdes, a posibilidade de incrementar o prezo dos produtos cárnicos vía impostos indirectos, coa fin de reducir as emisións de CO2 asociadas á súa produción. No noso país, vemos como, durante o transcurso do presente ano, algunhas industrias especialmente contaminantes estanse desmantelando, coa conseguinte perda de empregos no sector. Estes tres exemplos teñen unha variábel común: carretan sobre o lombo da clase traballadora as consecuencias sociais da descarbonización da economía.

Tense convertido nunha tónica xeral que poidamos escoller no mercado determinados produtos que nos aseguran a súa elaboración “eco”, pero esta posibilidade de selección prodúcese só no ámbito do consumo. Suxeito a unha lóxica puramente individualista, o mercado ofrécenos produtos a escoller, mais nunca nos interpela como suxeitos e, aínda menos, como sociedade, mentres se acomete a elaboración das mercadorías. A esfera da produción segue afastada de calquera tipo de intervención democrática e conducida por unha clase financeira ben acomodada no rentismo.

Esta é a contradición que hoxe están a sufrir os traballadores e traballadoras de Alcoa. Fronte á necesidade de máis de 500 familias por manter o seu sustento, o fondo financeiro suízo Parter Capital impón o seu interese económico e procura o peche da planta pese a ter asimilado con gusto os 38 millóns de euros que o goberno central destinou ás súas arcas o pasado ano.

Certo é que Alcoa é exemplo dun modelo industrial contaminante. Certo que a súa demanda eléctrica é responsábel de boa parte da pegada de carbono orixinada en Galicia e que esta industria, intensiva en recursos naturais e residuos, coloca o país nos graos máis baixos das cadeas globais de valor, pois forma parte dunha estratexia extractivista baseada na venda de commodities. Pero non é menos certo que as consecuencias ecolóxicas desta actividade produtiva non son o motivo polo que Parter Capital procura o peche da planta. A produción de Alcoa será desprazada a outro país onde poder continuar o seu negocio Business As Usual, onde as ganancias ascenderán grazas ao dumping ambiental e, tal vez, tamén fiscal.

Nin que dicir ten que estas pretensións inclúen uns traballadores e traballadoras que pagarían as consecuencias do desmantelamento da industria, sen lles ofrecer unha alternativa económica e ecoloxicamente sostíbel. Non son eles e elas, non obstante, as responsábeis da desfeita ambiental das últimas décadas sobre territorio galego. Resulta imprescindíbel para as organizacións ecoloxistas evitar caer no falso dilema entre protección do emprego e protección do medio ambiente. Non é esa a contradición que se presenta ante nós, pois unha sociedade ecoloxicamente sostíbel implicará o reparto das tarefas produtivas e reprodutivas para así traballar menos pero traballar todos/as.

O dilema áchase máis ben na rendibilidade da economía verde, posto que as transformacións dirixidas cara a economía circular, as enerxías limpas e o comercio de proximidade, dificilmente van igualar en beneficios financeiros a actual economía baseada en combustíbeis fósiles. De aí que, desde a sinatura do Protocolo de Kioto até hoxe, teñan xurdido ducias de grupos de presión corporativos, negacionistas do cambio climático. 

No Estado español tan só se recicla 50% do aluminio usado. Pechar o ciclo do aluminio implicaría duplicar os esforzos industriais a tal efecto. É moi posíbel que as instalacións e o persoal sexan un fantástico punto de partida para ese investimento, unha oportunidade que non deberamos desperdiciar. Deste modo, incitariamos a cidadanía á reciclaxe, non só pola protección ambiental, senón tamén pola defensa dos postos de traballo enmarcados nesta ocupación. O ecoloxismo debe buscar sinerxías como esta coa clase traballadora se se quere converter nun movemento de maiorías e superar así os plans de Green Recovery orquestrados desde as elites europeas e o mundo das finanzas.

Comentarios