Opinión

Mincha ou caramuxo?

Coméntame o meu cuñado e vello amigo Andrés Salgueiro, sorprendido e indignado, que acaba de ver un libro sobre a comida galega que o deixou pampo: abriuno e viu que falaban dos bígaros para referirse a eses gasterópodes que en galego chamamos minchas ou caramuxos. Ameaza con non mercar o libro. Eu, sabedor do que puido producirse, dígolle que con seguranza non é culpa do autor senón unha imposición da normativa. Consultamos o Dicionario da Academia Galega en liña e efectivamente alá aparece bígaro.

Pero se aquí ninguén dí iso de bígaro! - exclama el- Eu oíno por primeira vez cando fun estudar a Salamanca”. É certo, en Galiza -conforme diciamos aínda hai pouco na serie Como dicilo? publicada no Sermos Galiza- o normal é empregar aqueloutras denominacións.

O etimólogo Joan Coromines infórmanos de que en castelán documéntase por primeira vez a palabra bígaro polo padre Sarmiento, en Asturias, no século XVIII. Os poucos dicionarios galegos que a acollen adoitan remitirse ao escritor galego Armando Cotarelo, natural da Veiga cantábrica, e o completísimo traballo de Carme Ríos Panisse documenta o nome en Ribadeu e Figueras (Castropol).

Resulta sorprendente que a Academia Galega dea entrada (iso si, como sinónimo, non como único termo obrigado) á palabra importada, porque –como se ve neste caso- o termo foráneo arromba na edición os termos propios tan vivos.

A cousa tería un simple carácter anecdótico –e o seu impacto sería moi reducido- se non fose frecuente, por parte da douta institución esa apertura ás forma casteláns fronte ás propias galegas, que deriva na promoción dun galego con frecuencia desnaturalizado e simple reflexo do español de Madrid.

Como caso de imposición de formas casteláns sinalaremos o evidente do verbo caer, única forma autorizada pola Academia.

A forma caer foi a primeira en aparecer en galegoportugués como derivada do verbo latino cadĕre e posteriormente –seguramente por analoxía con outros verbos como saír- apareceu caír, que hoxe é a única na normativa portuguesa e está presente en boa parte do territorio galego. Sería esperábel que a nivel normativo galego fosen, cando menos, recoñecidas como lexítimas as dúas formas, moi vivas ambas. Non se trata dunha manía, pois que en época relativamente recente declaraba o dicionarista Eladio Rodríguez González (traducimos) :

Moitos dos nosos escritores utilizan con preferencia a forma caer para este verbo, mais nas bisbarras nas que se fala ben o galego, maiormente nas provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra e parte da Coruña, pronuncian invariabelmente caír (Véxase voz caír no Diccionario Enciclopédico Gallego –Castellano, Tomo I, Galaxia, 1958).

Nesa mesma época (1953), José Mª Pereda recollía ben no norte, en Viveiro, a locución Non che me ha caír nas pallas! co significado de ‘No me ha de alcanzar eso’.

E o propio Constantino García constataba máis tarde caír como variante de caer (Glosario de voces galegas de hoxe, 1985).

Canto á inclusión, como sinónimos, de formas entradas dende o castelán en detrimento das patrimoniais galegas, sinalaremos como simple mostra: maleza (“Vexetación abundante composta de herbas, silvas etc., que medra nun terreo de labor e resulta prexudicial para os cultivos. 2 Vexetación abundante e mesta”) en lugar do auténtico silvas; nana (“Canto co que se arrola un neno para adormentalo”) en lugar de arrolo; taller (“Lugar onde se traballa nunha actividade ou oficio de carácter manual” e significados similares) en lugar de obradoiro; estrelar (“Facer chocar violentamente”) en lugar de escachar; ou peitear (“Figurado: Rastrexar ou inspeccionar [unha zona] na procura de algo ou alguén” en lugar de peneirar. Hai bastantes máis. Nestes e similares casos non se impón a forma inequivocamente galega como –pola contra- se impuña a castelán en caer, mais ábrese a porta á substitución.

Tamén é certo que a normativa, outras veces, fai unha inexplicábel fuxida cara a diante. Como, senón, caracterizar o caso de marabilla, no que a norma galega fai romper a nosa lingua co resto das linguas románicas, incluídas, claro, o español e o portugués?

Alén honrosas excepcións, as editoras aférranse á normativa léxica e impóñenllela a autoras e autores. De aí que estes e estas poidan aparecer en contradición se escriben unhas veces dun xeito e outras doutro. Mais: que facer? Negarse a publicar? Achantar e utilizar sempre as formas deturpadas?

O caramuxo –como caracoliño que é- ten dous tentáculos nos que van situados os ollos: son os popularmente chamados corniños, En francés o nome do gasterópode lembra algo a bígaro, poís chámase bigorneau por evocar a bigorna ou bigornia, a engra bicorne dalgún oficios. Se cadra por iso caíu (si, caíu) a mincha no ichó.

Outra vaquiña no millo!

Comentarios