Opinión

Matar unha lingua

Resulta irónico ver a Xunta de Galiza reunirse con responsabeis da política lingüística doutras comunidades autónomas con lingua propia (Euskadi, Nafarroa, Catalunya, València e Illes Balears) e esixir do goberno do Estado (o que veña agora, non os anteriores gobernos do PP) o cumprimento da “amplia e elemental batería de obrigas e deberes recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita e ratificada polo Estado Español”. Foi moi rápida a Xunta en subscribir esa Declaración de Bilbo o mes pasado e pedirlle ao Estado “coa coherencia esixible a todo Estado democrático, a salvagarda dos dereitos lingüísticos e as medidas necesarias para cumprir as recomendacións que reiteradamente recollen os informes do Comité de Expertos e as recomendacións adoptadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa, para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”.

Resulta dun cinismo sen par esixir do Estado o que a propia Xunta no seu ámbito é a primeira en incumprir na Administración Galega día a día. E non se trata de desleixo e de desatención senón que dá a impresión de existir unha política deliberada, cunha acción trazada na sombra, para matar a nosa lingua, arrancándolla aos cativiños e cativiñas e impedindo a transmisión xeracional e mais forzando toda a cidadanía galega á substitución. Tratando de que se faga axiña, de xeito rápido, vertixinoso, como se eses responsabeis temesen que o poder se lles fose das mans e perviva algún tempo máis a lingua vergoñenta e maldita.

Resulta curioso que aínda non decorrera un mes desa declaración cando o devandito Comité de Expertos emite un novo informe que Sermos Galiza resume así:

A presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar, no ensino secundario non se imparten grandes materias científicas en galego. No ensino non universitario, a normativa actual non permite impartir máis do 50% dos cursos en galego. Aínda non hai posibilidade de ofrecer un currículo en galego en ningunha institución preescolar, primaria ou secundaria.

As expertas e expertos europeos xa teñen alertado en varias ocasións sobre as deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no eido do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino.

Nas recomendacións do Comité de Expertos sobre como mellorar a protección e promoción do galego na Galiza, fixa tres para facer de forma “inmediata”: Eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación axeitados, modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais por petición dunha das partes, e que o galego sexa lingua tamén na administración do Estado na Galiza.

Resulta evidente que a responsabilidade na área do Ensino depende case en exclusiva da Xunta de Galiza, polo que ela é a responsábel dos incumprimentos que sinala o Consello de Europa e dos obstáculos para a supervivencia do noso idioma. E no resto da vida social de Galiza é a Xunta quen organiza as pautas lingüisticas no eido da Administración Galega. Naturalmente, sen que isto exclúa a responsabilidade do Estado nunha persecución na que as dúas Administracións traballan co mesmo obxectivo

Tamén depende da Xunta a Sanidade Pública. E abonda con pisar un pouquiño os centros de saúde ou os hospitais públicos galegos para se decatar de que o noso idioma está expulsado deles: a lingua oral e escrita, a documentación, avisos orais e escritos, cartelería e instrucións, etc. Todo está case exclusivamente en castelán. Incluso xa -para remate escarnecedor- o SERGAS, ata agora chamado Servizo Galego de Saúde, comeza a aparecer baixo a denominación Servicio Gallego de Salud. Preténdese extirpar de raíz todo vestixio do noso idioma. E cando a alguén se lle ocorre reclamar os seus dereitos lingüísticos bate cun pétreo muro de trabas que retrasan e dificultan a debida e rápida atención sanitaria.

Hai quen intenta que comulguemos con rodas de muíño preguntándonos: Pero, que es más importante: que le atiendan en gallego o que le den una buena atención médica? ”Como se fósemos parviños aos que enganar doadamente. Como se non soubésemos que boa atención médica e atención ao paciente na súa lingua non só son totalmente compatíbeis senón necesario complemento unha cousa da outra. Postos a imaxinar disxuntivas falaces trampulladas capciosas, poderían preguntarnos : Pero que es más importante: que lo atiendan con educación o que le den una buena atención médica? Naturalmente, eu sempre constatei na sanidade pública, á beira da boa e competente atención profesional, unha exquisita educación. E en moito do seu persoal a elegancia de responderme na miña lingua. Pero unha cousa é o comportamento dalgunhas persoas a título particular e outra as medidas que non toma (ou que toma pola calada) o conxunto organizativo, o SERGAS (é dicir a Xunta), e que constitúen unha pesada lousa para disuadir os cidadáns de falar galego e impoñerlles o español.

Ante a potente maquinaria da Administración Estatal e Autonómica –pois as dúas actúan co mesmo resultado de coutar a vida da nosa lingua- de nada serven as mostras de vontade dos galegos e galegas nin a vitalidade que acotío amosa o noso idioma nas áreas máis estratéxicas e actuais da actividade humana nin o seu recoñecemento internacional. Son moitos os dardos dirixidos contra o galego e van debilitando arreo a nosa ferida fala.

Por iso resulta totalmente inaprazábel que a política lingüística da Xunta mude radicalmente e deixe ela de actuar como órgano lingüicida contra do seu pobo. Plataformas cidadáns, sindicatos, asociacións profesionais, movementos a prol da lingua e persoas a nivel individual deberían –alén as declaracións sen continuidade na práctica- iniciar unha acción coordinada e constante en defensa dos dereitos lingüísticos esixindo a súa plasmación na realidade e facendo un seguimente do seu comprimento.

Outramente, a cidadanía toda será (cadaquén seremos) responsabeis ou corresponsabeis da morte dunha lingua que sobreviviu bravamente durante case mil anos e legou á Humanidade creacións culturais de primeira magnitude. Ninguén, por activa ou por pasiva, deixará de ter culpa dese lingüicidio se non fai todo o que estea nas súas mans.

E na súa boca.

Comentarios