Opinión

Longas ausencias.... mortais?

Moitas galegas e galegos desexamos para o próximo ano saúde para  toda a xente. E mais tamén saúde para a nosa acurrada e ameazada lingua. Unha cousa cadra perfectamente coa outra.

É certo que parte da situación de dependencia e de secundarización que sofre o galego ten orixe e chave en actores e actrices externos a nós. Pero moitos outros son totalmente da nosa responsabilidade, e debemos ser esixentes con nós mesmos para podermos esixirlles ao tempo aos demais.

Eu quixera concretar esa miña arela nunha idea moi sentida: a necesidade de tolerancia  na normativa galega. É hora de que a Academia Galega opere con realismo e libere ao idioma de pexas que entorpecen e coutan o uso ou son de difícil xustificación.

Os que acotío damos textos ao prelo libramos pequenas batallas coas editoriais que se ven obrigadas a aplicar unha normativa léxica concretada no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG). Ás veces -cómpre dicilo- as editoras forzan ao máximo a súa estreita marxe de manobra e dan un acougo, mais outras o DRAG parece ser un texto sagrado que decide en por el a vida ou a morte da palabra. E unha interpretación ben errada da lei chega a estabelecer mesmo que todo o que non se autoriza expresamente nela está prohibido.  No noso caso, o que non figura no DRAG coa bendición oficial está proscrito.

Non estaría de máis unha fonda depuración do DRAG no ano 2021 para estabelecer criterios amplos, tolerantes e realistas. E, por exemplo, acoller a posibilidade de utilizarmos “caír”, forma ben viva nun vasto territorio do país. Ou “enxendrar”, á par de “xerar”, como é normal na xeneralidade das linguas románicas, incluído o portugués. Ou restabelecer a forma “maravilla” desfacendo unha grafía que nos arreda de todas as linguas románicas (de novo o portugués incluído). E dar entrada ás ducias de formas empregadas aínda hoxe por galegas e galegos, formas correctas e sempre vixentes, que un dicionario de calidade non pode deixar de integrar. Porque hai ausencias rechamantes e difíciles de xustificar.

Un exemplo:

As acepcións da palabra “cantón” son no DRAG dúas: “1) Cada unha das divisións administrativas en que se divide Suiza. 2) División territorial dun distrito en Francia, que elixe un representante para o consello xeral”. Ben se ve, polo tanto, que está ausente unha palabra tan típica do galego como “cantón” ‘lugar das cidades, céntrico e orixinalmente axardinado, moi utilizado como lugar de lecer e paseo’. Conviría que o DRAG baixase  á Terra.

E outro para rematar:

Non figuran no DRAG os verbos “verdexar,” “verdegar” nin “verdecer” que si veñen figurando noutros dicionarios galegos dende hai máis dun século e son empregados a eito polos nosos escritores e escritoras.

Non é preciso que lembre o noso himno nacional, aquel no que a nosa voz pregoa as palabras do bardo:

Que din os rumorosos na costa verdecente ao raio transparente do prácido luar?

A Academia Galega non pode seguir xorda.

Comentarios