Opinión

Consentemento

Nos tres últimos meses, circunstancias familiares graves leváronme a visitar frecuentemente servizos de urxencia e hospitais públicos galegos. No derradeiro período foi dun xeito case cotián, e ao final, en áreas operatorias e de internamento hospitalario.

Puiden, na ocasión, comprobar de novo o que xa coñecía por propia experiencia: a magnífica atención e entrega das e dos profesionais da saúde e de todas as persoas que no conxunto de servizos do Sergas exercen ese fundamental traballo de protección da nosa saúde. Algo que compre salientar constantemente.

 Tamén, por desgraza, puiden comprobar in situ que chegaba ao seu extremo algo que xa dende hai anos veño sentindo: a expulsión da lingua galega do Servizo Galego de Saúde, que depende  -como é sabido- da Xunta de Galiza. Practicamente toda a relación cos e as pacientes faise hoxe en castelán, sen respectar en absoluto a lingua das persoas cando se trata do idioma do país. E practicamente toda a orientación escrita -sexa cartelaría informativa, impresos e documentación, instrucións médicas e administrativas facilitadas a pacientes e familias, etc.- se impón en español. So moi anecdoticamente -como restos do naufraxio lingüistico- poden aínda permanecer algunhas denominacións do servizos en galego, que aboian dende a época da construción. Mesmo ás veces aparecen xestos desafiantes e chulescos, como o de denominar o Servizo Galego de Saúde como Servicio Galego de Salud. Para que se entenda.

E xa poden os e as cidadáns reclamar, que lles fan tanto caso como quen sinte chover. No mellor dos casos diranlles que “neste momento” non está disponíbel esa documentación  e que se tratará de lle pór remedio no futuro. Meus santiños!

A situación máis difícil é a da persoa que vai sufrir unha intervención de relativo risco e se ve obrigada a asinar previamente un documento no que se declara consciente do perigo e asume a responsabilidade do que puidese acontecer. É o chamado consentimento informado. Existen persoas valentes (entre as que non me conto) que esixen que o que van asinar estea en galego, reclamando así un evidente dereito, mais a maioría, para evitarmos retrasos e complicacións e non sermos ‘mal vistos’ -tras moitas veces longas esperas- acabamos por asinar sen dar chío ou deixando unha lene queixa. Podería esíxirselle a alguén que puxese en risco a súa saúde e mesmo a súa propia vida?

 Todo o anterior coñéceno perfectamente as galegas e galegos. Non en van pasan a cotío polo Sergas ducias de milleiros de persoas. Alí vemos como sistemáticamente se nos obriga a mudar de lingua se falamos a lingua do país. E a darmos o consentemento, infórmennos ou non (que despois de todo non se vai perder o tempo en explicacións de parvadas).

Ante iso, nada pode facer a meritoria e sempre necesaria actuación individual de moitos e moitas profesionais que respectan a linguas dos e das pacientes. A xigantesca lousa destoutra longa noite de pedra tena que levantar a sociedade toda, o país todo, esixindo desa Xunta de Galiza que non siga a perseguir e acurrar a lingua que ten a obriga de defender. Que deixe de mirar para oura parte facendo coma quen que non vai con ela e afirmando que o galego goza de boa saúde. Para iso será necesario primeiro levalo ao Sergas.

            Mais deixémonos de afirmacións e opinións que poden ser sempre subxectivas e persoais: traballemos con datos, Fágase de inmediato por parte da Administración Galega unha auditoría lingüística -pode facelo ao traves das inspeccións de servizos- que recolla exhaustiva e documentalmente canto emprego do galego  (de forma oral e escrita) se fai no Sergas tanto tocante á atención sanitaria como na correspondente relación administrativa. E a partir de aí, que a Xunta de Galiza -esta tan pitoña ou outra de ollos renovados-  adopte as medidas correspondentes.

            E que a auditoría se faga -naturalmente- de xeito aberto e controlado. Que os datos poidan ser contrastados na realidade pola cidadanía, ben individualmente, ven ao través dos colectivos organizados: asociacóns de defensa da lingua, sindicatos, agrupacións profesionais, etc. Con luz e taquígrafos.

Comentarios