Opinión

Xuíces e xuristocracia

Estamos perante outro modelo de supremacismo no que algúns pretenden vender o conto de que todo pode ser decidido nos tribunais ou de que nada está resolto até que un tribunal o decida, semellando esquecer o logro que representa tomar decisións baixo as circunstancias da política.

No reino de España o conservadorismo é un trazo abondo definitorio da maxistratura. Se a un pasado de confort na ditadura, a unha representación moi conservadora nas diversas salas de goberno e a toda unha chea de resolucións de fonda carga ideolóxica engadimos a morea de opinións verquidas en medios públicos e foros profesionais, atopámonos coa realidade dun poder abertamente escorado a posicións de ultradereita. Pois ben, a este poder empeñado en se atribuír funcións de garante da continuidade do réxime político fícalle perfectamente acaído o concepto do que se vén chamando “xuristocracia”, é dicir, aquela situación na que os xuíces se converten en actores políticos mediante a asunción de prerrogativas que, en esencia, corresponden ás instancias políticas e lexislativas. Ademais, nestas condicións, e sabedores do derrame moral e ideolóxico que sempre se realiza na actividade de xulgar, hai que entender o entusiasmo co que o nacionalismo español aplaude a transferencia de cada vez máis poder político aos tribunais, fundamentalmente no que atinxe á interpretación do modelo competencial e territorial e ao control sobre quen o cuestiona.

Na sentenza sobre o Estatut soltáronse as amarras co principio democrático. Unha lei orgánica, froito dunha difícil negociación e dun complicadísimo consenso, aprobada en dúas sedes parlamentares e referendada en votación popular, foi amplamente degallada por un Tribunal Constitucional, que se recreou en lle dicir aos depositarios da soberanía como había que ler boa parte dos artigos que estes redactaron e aprobaron. Hoxe, e con ameazas, a xustiza marca pautas sobre o que se pode debater nun parlamento, afianzando unha tendencia que, con boa lóxica, pode cualificarse de colonización xudicial. Estamos perante outro modelo de supremacismo no que algúns pretenden vender o conto de que todo pode ser decidido nos tribunais ou de que nada está resolto até que un tribunal o decida, semellando esquecer o logro que representa tomar decisións baixo as circunstancias da política, onde existen fortes desavinzas. Non, as elites nunca gostaron dos desacordos e da necesidade de negociar e resolver mediante o debate e a deliberación democráticas. Neste Reino, esa propiedade intrínseca á democracia que é o disenso pretende eliminarse a golpe de ditado xudicial.

Xuristas, como Jeremy Waldron, teñen advertido do deterioro da democracia cando se produce unha clausura do debate político; cando os temas esenciais se xudicializan co obxectivo de que o argumento xudicial fique fóra do debate da esfera pública. Porque, para a reacción, sempre resultou irresistíbel a tentación de substituír aos poderes representativos, submetidos ao escrutinio popular, por castas autogobernadas e acostumadas aos privilexios e á incuestionabilidade da súa posición. Claro que nada hai que obxectar á conciliación dun coto vedado de dereitos fundamentais e de liberdades públicas, ampliábeis a medida que a sensibilidade e a conquista social o demanden, cunha instancia xudicial celosa pola súa garda; porén non fai falla moito talento para se decatar de que non é este o obxectivo que está na mente dos que sempre renegaron da capacidade do pobo para decidir sobre os asuntos que condicionan a súa vida.

O compromiso do artellamento e do funcionamento político das sociedades debe ser canalizado a través das instancias e das institucións políticas da mesma, non mediante resolucións de quen carece da representatividade para crear normas cuxa autoría corresponde aos depositarios da soberanía. O principio democrático non só permite, senón que implica a participación na toma de decisións dos colectivos afectados, realizando o valor da igualdade á marxe do elitismo e da acumulación perversa da capacidade decisoria en reducidos grupos de privilexiados. O principio democrático posibilita perder unhas veces e gañar outras, mais podendo reconsiderar e renegociar as alternativas e as opcións sen máis límite que o respecto aos dereitos humanos. Non hai democracia se como dixo outro xurista, John H. Ely, os xuíces favorecen ao xogador do que máis gostan. O despotismo ilustrado segue a ser despotismo!

Comentarios