Opinión

A vindeira Xunta de Galiza e o galego

Hai grandes posibilidades de acabar coa maioría absoluta do Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas.

Hai grandes posibilidades de acabar coa maioría absoluta do Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas. A constitución dun novo goberno de progreso e comprometido co país vai despertar esperanzas, ilusións e expectativas. Desde o primeiro momento terán que amosarse acenos e decisións, tanto simbólicas coma materiais, que fagan tanxíbel o vencello coa cidadanía e dean satisfacción ás arelas de cambio. Novos estilos, novas formas, novas linguaxes; novos significantes que arroupen contidos e significados que, ás veces, van ser dífíciles de implementar e desenvolver e para o que cumprirá moita proximidade e pedagoxía coa xente do común, mais sen que isto supoña renuncias ao seu cumprimento.

Mais este futuro e próximo goberno galego tamén vai ter que afrontar, de ser coherente, furibundos ataques por parte da forte estrutura dese poder, cuxo entramado gobernante fica desprazado, e que non vai dar tregua desde o comezo. Un dos albos destes ataques van ser todas as decisións que supoñan a progresiva normalización do noso idioma e a súa dignificación. A necesaria derrogación do Decreto de Plurilingüismo no ensino e a elaboración da norma substitutoria alporizará ao sector esencialista e integrista español que unha outra vez será utilizado coma ariete ofensivo contra o dereito dun pobo á oficialidade da súa lingua.

A necesaria derrogación do Decreto de Plurilingüismo no ensino e a elaboración da norma substitutoria alporizará ao sector esencialista e integrista español

Un dos argumentos que a caverna empregará para tentar fabricar un estado de opinión belixerante será o da ilegalidade ou antixuricidade de outorgar preminencia ao galego sobre o castelán e que se concretaría nuha maior presenza horaria de aquel. Este argumento terá de ser contrarrestado inmediatamente a fin de desvelar a falla de escrúpulos e rigor coa que se desenvolven e intoxican nestes temas.

Dúas sentenzas do Tribunal Supremo de abril de 2015 consideraron razoábel fixar nun 25% o uso do castelán nos centros educativos cataláns, incluíndo nesta porcentaxe unha asignatura troncal. Se ben é certo que estas sentenzas se dictaron para limitar a total inmersión lingüística en catalán, a realidade foi que non inquietaron nin perturbaron gravemente á Generalitat, mais si frustraron fortemente aos sectores nacionalitarios españois. De partirmos da situación de que no noso país a paridade entre as dúas linguas é unha ficción, a marxe de actuación con estas porcentaxes, e antes de que prospere un recurso contra a nova norma, é moi ampla. 

Outra proposta teimuda do unionismo é a do apartheid ou segregación por elección de lingua. Con esta proposta pretenden que a lingua supoña un elemento de afastamento entre nós; pretenden que nos eduquemos arredados, coma se fósemos dúas comunidades alleas, amosando esa fasquía xenófoba dos grupos de extrema dereita que odian e desprezan todo o que non vai acompasado co himno español. Formular que as novas xeracións poden ser educadas nun itinerario diferenzado consonte o uso idiomático supón criar unha fenda social, cuxa única finalidade só pode albiscarse nun futuro de desnacionalización e perda de identidade común. Pois aínda que tamén aquí fracasaron sempre, xurídica e politicamente, non se deben escatimar medios para deixar en evidencia semellantes despropósitos que de seguro han de reutilizar.

Un dos eixos sobre os que, aquí en Galiza, se pode artellar a distribución horaria sería o de considerar ao galego coma centro de gravidade do sistema educativo

Un dos eixos sobre os que, aquí en Galiza, se pode artellar a distribución horaria sería o de considerar ao galego coma centro de gravidade do sistema educativo. Esta consideración xa fora recoñecida para o catalán desde 1994 en sentenza do Tibunal Constitucional e, en boa lóxica, estas sentenzas citadas fanse eco da mesma. Consideración que é integramente aplicábel no sistema educativo galego. 

Foi precisamente, sobre o alcance deste principio cando o Tribunal Supremo conclúe que "resulta perfectamente lexítimo que o catalán, en atención ao obxectivo da normalización lingüística, sexa o centro de gravidade do modelo sempre que non exclúa ao castelán coma lingua docente e se garanta a súa aprendizaxe". A non exclusión do castelán do sistema educativo implica, como xa vimos, que se empregue alomenos nunha cuarta parte do currículo e que inclúa unha asignatura troncal.

Para a creación dun clima favorábel e receptivo á normalización e á normalidade lingüística, e non só no sistema educativo, vai ser precisa a colaboración e a participación das entidades tanto institucionais coma civís que pulan e defenden o noso idioma. Sabemos que o idioma fai parte esencial na conformación da identidade e padecemos a cotío a imposición e a intolerancia para anular calquera manifestación da mesma. Aproveitemos as oportunidades!

Comentarios