Opinión

Venezuela e a infamia do imperio

O 9 de marzo deste ano Barack Obama daba a coñecer unha disposición pola que se declaraba que existía “Unha emerxencia nacional con respecto á ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade nacional e a política exterior de Estados Unidos que representa a situación de Venezuela”.

O 9 de marzo deste ano Barack Obama daba a coñecer unha disposición pola que se declaraba que existía “Unha emerxencia nacional con respecto á ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade nacional e a política exterior de Estados Unidos que representa a situación de Venezuela”. As razóns esgrimidas, textualmente, na disposición eran a erosión das garantías dos Dereitos Humanos, a persecución de opositores políticos, a restrición da liberdade de prensa, o uso da violencia e as violacións e abusos dos dereitos humanos en resposta a manifestacións antigubernamentais, así coma a presenza agravante de corrupción pública significativa nese país.

 "Estados Unidos, só ou en compaña, leva decenios apoiando reximes antidemocráticos e nos que nalgún deles a vulneración da dignidade humana acadaou niveis de auténtica barbarie".

Calqueira que coñeza un mínimo da historia recente dos EE.UU., que hoxe está atado coas cinchas da USA Patriot Act, lixado co lastre de inumerabeis Guntánamos e de guerras preventivas así coma ateigado de actuacións policiais e xudiciais escandalosas, non dubida que a bulra e a desfachatez do texto fan parte desas declaracións grotescas que os colonizadores e os imperios exhibiron ao longo de séculos para xustificaren a dominación. Porque Estados Unidos, só ou en compaña, leva decenios apoiando reximes antidemocráticos e nos que nalgún deles a vulneración da dignidade humana acadaou niveis de auténtica barbarie.

Apoio ao narcotráfico, a dictaduras e autoritarismos fascistas, a reximes de terror; toda unha mostra incesante de exemplos que cuestionan seriamente a capacidade para erixirse en garantía e referente moral coma defensores dos dereitos humanos. E como a memoria, cando se trata das ofensas dos poderosos, é tremendamente feble considero que traer aquí algúns episodios resulta un acto de recoñecemento a un pobo, o venezolano, que está a padecer e a resistir os embates deses poderes que deciden como deben vivir e morrer os pobos do mundo.

Un percurso polo narcotráfico

Durante a 2ª Guerra Mundial, a Oficina de Servizos Estratéxicos de EE.UU. (a predecesora da CIA) colaborou con diferentes mafias como a corsa ou a siciliano-estadounidense. Así, rematada a guerra, a CIA restaurou á mafia corsa en Marsella a fin de eliminar o controlo que os comunistas da CGT exercían sobre as zonas portuarias e favoreceu o funcionamento de laboratorios de heroína que se exportaba maioritariamente a EE.UU. Isto fixo parte do que se deu en chamar a conexión francesa.

Após a Revolución Chinesa os xefes militares do Kuomitang se refuxiaron no norte de Birmania onde, co apoio do exército tailandés, de Taiwan e o entusiasmo da CIA se converteron en poderosos señores da droga, convertendo o famoso “triángulo de ouro” nun baluarte contra a China comunista.

En Laos a CIA colaborou con capos da droga para desestabilizar ao goberno de esquerda de Pathet Lao.
En Panamá os EE.UU. toleraron o narcotráfico até que Manuel Noriega deixou de servirlles como informante e delator de Cuba e Nicaragua. Cando precisaron invadir o país en 1989, e para obter un control efectivo sobre a área, o pretexto perfecto foi o da ameaza de tráfico de drogas.

"A rede terrorista Gladio, para loitar contra o comunismo en Europa, foi creada e financiada pola CIA e a OTAN durante a Guerra Fría. Cometeu sanguentos atentados en Italia, Bélxica e Alemaña".

Trala retirada das tropas soviéticas de Afganistán os señores da guerra, co beneplácito estadounidense, impulsaron a produción de opio a niveis nunca acadados. O goberno talibán reduciu a produción, mais a invasión de 2001 permitiu de novo a recuperación do cultivo e distribución.

En México o máis sofisticado e perigoso cártel da droga, os Z, ten o seu orixe nun grupo das forzas de seguridade mexicanas que foron entrenados polas forzas especiais de EE.UU. na Escola das Américas, para combatir os movementos de esquerda.

Fomentando o terror

A rede terrorista Gladio, para loitar contra o comunismo en Europa, foi creada e financiada pola CIA e a OTAN durante a Guerra Fría. Cometeu sanguentos atentados en Italia, Bélxica e Alemaña.

Entre as operacións dirixidas contra Cuba figuraron decenas de tentativas para asasinar a Fidel Castro, asesinatos de funcionarios cubanos, atentados contra turistas, protección aos terroristas que estouraron un avión comercial e mesmo un ataque con gripe porcina biolóxica contra a illa.

O emprego de métodos terroristas contra o goberno Sandinista en Nicaragua foi avalado por EE.UU.
A operación ou plan Cóndor, deseñada polos Estados Unidos, implicó a desaparición, tortura e asasinato de miles de cidadáns sudamericanos.

A provocación intencionada do colapso de Estados coma Libia ou Siria está a orixinar o caos e o descontrol constituíndo unha sementeira de terror utilizada en beneficio propio.

A colaboración económica e técnica con escuadróns da morte foi unha constante, como sucedeu en Guatemala e no Salvador.

"Os británicos e norteamericanos instauraron un vergoñento goberno de corte fascista en Grecia, en 1944, para impedir o control dos comunistas e non dubidaron en reclutar a antigos colaboradores nazis para perseguir e reprimir a simpatizantes da esquerda".

O apoio ao fascismo

A operación secreta “Paperclip”, orquestrada polos servizos secretos estadounidenses, axudou a fuxir e a reclutar a centenares de nazis para beneficiarse dos seus “coñecementos”.

Moitos dos reclutados entre 1949 e 1953 para derrocar ao goberno comunista de Albania eran notorios fascistas ou nazis, como o criminal de guerra Xhafer Deva.

Os británicos e norteamericanos instauraron un vergoñento goberno de corte fascista en Grecia, en 1944, para impedir o control dos comunistas e non dubidaron en reclutar a antigos colaboradores nazis para perseguir e reprimir a simpatizantes da esquerda.

Apoio incondicional a elementos fascistas no goberno e na administración da actual Ucraína.

Apoio a ditaduras e golpes de estado

Golpes de estado con consecuencias demoledoras no eido dos dereitos humanos como en Ghana en 1966, Indonesia en 1965, O Zaire en 1965. Instauración de ditaduras sanguentas e brutais como as de Brasil, Chile, Guatemala e Arxentina. Apoio a réximes autoritarios, vulneradores recalcitrantes dos dereitos humanos, como Arabia Saudí, Bahrein, Emiratos Árabes Unidos, Qatar, Kuwait e Marrocos, na actualidade, e a decenas no pasado recente. 

Os logros de Venezuela

"Non é a democracia, e menos os logros, o que importa. A pretensión é a de derrubar un sistema que non se humilla, que precisamente acada éxitos sen axeonllarse perante os colonizadores pasados e presentes". 

Desde a victoria de Hugo Chávez, en 1998, leváronse a cabo trece procesos electorais e seis referendos cun dos sistemas electorais máis automatizado e seguros do mundo. A pobreza reduciuse dun 70% (en 1996) a un 20% (en 2013) e a pobreza extrema pasou dun 40% (en 1996) a un 5,5% na actualidade. A inversión en gasto social incrementouse en máis do 60% nos últimos 12 anos. O coeficiente Gini, para medir a desigualdade, sitúa a Venezuela (0.398) coma un dos paises americanos nos que a igualdade avanzou con maior rapidez e todo isto grazas aos ambiciosos programas de loita contra a pobreza –as famosas Misións- asi como ao melloramento da distribución dos ingresos en beneficio dos sectores máis desfavorecidos. A Unesco declarou a Venezuela “Territorio libre de analfabetismo” após o éxito da implementación de programas de escolarización e alfabetización. Tamén a premiou pola laboura de dar acceso gratuito a internet a cidadáns a través dos Infocentros e polo programa de alfabetización tecnolóxica así como polo Plano Canaima de dotación de máis de tres millóns de computadores portátiles a estudantes. A FAO recoñeceu os logros espectaculares na redución da desnutrición infantil. O 96% da poboación ten acceso a auga potábel. O número de médicos por habitante triplicouse. Conseguise reducir un 30% a importación de alimentos. A construción de centros hospitalarios medrou nun 170%. O incremento de beneficiados polo sistema de pensións foi de máis do 500%.

A agresión incesante

Mais non, non é a democracia, e menos os logros, o que importa. A pretensión é a de derrubar un sistema que non se humilla, que precisamente acada éxitos sen axeonllarse perante os colonizadores pasados e presentes. Que muda o día da raza e da hispanidade polo do da resistencia indíxena. Que ten unha das Constitucións máis avanzadas do mundo no recoñecemento dos dereitos económicos, sociais, culturais, ambientais e de protección das minorías. Que permite a revocación, a iniciativa popular, de cargos públicos electos. Que  procura reducir a desigualdade recuperando a dignidade básica do ser humano. Que goberna para a maioría e non cae nas provocacións golpistas e de desestabilización orquestradas polos poderes financeiros europeos e norteamericanos. Que ten dirixentes con rasgos indíxenas que miran de fronte aos que aínda gostarían de seren tratados como herdeiros lexítimos dos antigos amos. Vulneración de dereitos humanos? Miren nun espello.

Comentarios