Opinión

Un país amarrado

O acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea, reducindo as cotas de captura da frota galega nas augas do Gran Sol e nas Malvinas, representa un elo máis nesa cadea de restricións e de desposuimento da que tamén fan parte o agro, a gandería, o naval, a enerxía e outros moitos ámbitos que nos afectan de cheo. Un elo máis nese deseño mundializado ao servizo da acumulación despiadada en beneficio das oligarquías e baseado nun desposuimento que fai difícil resistir e enfrontar a transferencia de riqueza cara aos núcleos favorecidos pola apropiación. Son estas situacións nas que podemos contemplar abertamente a grande indefensión padecida polos pobos e nacións carentes de soberanía, incapaces de tomar medidas ou de facer ouvir a súa voz ao carecer de representación nun escenario dominado pola presenza dos estados.

Polo que aquí acontece, dunha banda e no referente ao proceso de integración europea, a UE absorbe cada vez máis competencias reclamando tanto a aplicación homoxénea da súa normativa coma o poder último de decisión en asuntos transcendentais na vida da cidadanía. Proceso este que, por certo, non significa o devalar estatal como algúns auguran, senón unha reconfiguración e adaptación ao esquema da cadea global do valor. Por outro lado, o Estado español estase a aferrar a unha dinámica recentralizadora e identitaria tremendamente belixerante con calquera asomo de afirmación da diversidade dentro das súas fronteiras. O reino nega, irracionalmente e contra as tendencias actuais, a realidade plurinacional e ignora a lexitimidade de formulacións e reclamacións que impliquen o recoñecemento dos feitos e intereses diferenciais. De feito, só neste delirio intolerante cabe entender as limitacións e prohibicións impostas ás Comunidades Autónomas para impedir que teñan proxección, participación ou presenza internacional.

Somos unha nación inserida nun Estado que a priva do seu recoñecemento e da súa capacidade de decisión. Esta falla de recoñecemento significa un fracaso da xustiza e, coma nós por desgraza ben sabemos, as esferas da inxustiza adoitan ir parellas. Quen nos marxina na lingua, faino tamén na economía; quen nos marca un modelo educativo, imponnos tamén o marco de desenvolvemento; as limitacións políticas van xunto coas limitacións culturais; así son os círculos viciosos da dependencia. Dicía ao respecto Charles Taylor, nunha das súas obras emblemáticas, que o recoñecemento non é un mero acto de cortesía senón unha necesidade vital; razón que explica por que tanto a súa ausencia como a súa impropiedade dan lugar a diversos xeitos de opresión. E o caso é que estamos demasiado afeitos á naturalidade coa que se invocan cinicamente os intereses de Galiza para, a seguir, facer políticas que colaboran no seu esfarelamento. Unha naturalización do sometemento que dificulta a comprensión de que a falla de competencias para actuar, para defender os nosos intereses, para tomar decisións e para dirixir o noso destino supón un lastre permanente no progreso e un obstáculo de envergadura para existir como país.

Hai que ter presente, ademais, que nun panorama de crise mundial como o actual, no que a reacción neofascista e o neoliberalismo desbocado se combinan nun ataque brutal contra os proxectos de xustiza social e ambiental, de liberdades civís e políticas, de igualdade de xénero e da soberanía dos pobos, as dificultades para reaxir parecen multiplicarse. Pois ben, é o momento no que urxe seguir a explorar estratexias e alternativas que permitan desactivar as forzas da reacción e ser quen de estender a radicalización democrática a un crecente número de relacións sociais, resignificando e articulando ás múltiples loitas locais e globais que agromen contra o presente sistema de dominación. Trátase de constituír o suxeito político que nos posibilite avanzar nun desenvolve¬mento autocentrado económica, social e culturalmente en función dos nosos propios intereses

E por certo, resultou moi acertado o tuiteo de Néstor Rego, único representante galego nas Cortes que non subordina os nosos intereses aos de España, no que comentaba que “España e a Unión Europea son a ruína do pobo galego”, alporizando o nacionalismo español acubillado no PSOE.

Comentarios