Opinión

Quen racha a convivencia?

A posverdade e o cinismo están firmemente incorporados a este réxime político. Ademais, no referente ao tema territorial e ao proxecto nacionalizador español, podemos afirmar que se carece de calquera pudor no uso da mentira e da manipulación. Neste sentido hai un relato repetido ad nauseam, no que as confrontacións, incomprensións, desencontros, conflitos e todos os males causados á convivencia teñen a súa orixe nas demandas dos nacionalismos periféricos. Resulta que o problema, para o que semella cada vez máis un aparello de propaganda totalitario, consiste en arelar máis democracia, máis autogoberno e máis capacidade de decisión, é dicir, en procurar existir en igualdade e sen tutelas.

Cando a mentira e o cinismo, agora imperantes, aínda non eran quen de anular a reflexión e o pensamento críticos, pensabamos sensatamente que a limitación de dereitos, que o centralismo e que a represión dos anceios de liberdade eran os que provocaban disonancia, dano, rancor e estragaban a convivencia. Porén, a agresión, a coacción e a ameaza fan hoxe parte dunha narrativa  impúdica contra as nacións do Estado que toda a brunete mediática se encarrega de naturalizar. Un discurso e unha narrativa que xa fan parte dos programas electorais dos partidos da reacción e, xa que logo, da cerna dun sistema político que perde, definitivamente, o pouco respecto que nalgures amosou pola diversidade nacional.

Abonda con ler detidamente os programas cos que que PP, Vox e Ciudadanos se presentaron nas últimas eleccións xerais para se decatar de quen agride, quen ofende, quen odia e quen despreza, así coma o tipo de liberdade e constitucionalismo que se está a defender. Paga a pena salientar algúns dos pontos programáticos coas que estas organizacións de participación e representación política estatais entenden a convivencia e a pluralidade. Vexamos como atacan, directa e impunemente, as identidades diferentes da española.

Comecemos por Ciudadanos. Proposta de reforma de Lei Eleitoral, coa intención manifesta de dificultar que os nacionalismos entren no Congreso. Reforzamento das competencias do Estado,  supresión de transferencia ás CCAA e recuperación de moitas das xa transferidas. Invocación da competencia estatal na unidade de mercado para homoxeneizar a lexislación. Prohibición de subvencións ás asociacións que defendan o independentismo. Blindaxe da supremacía do español mediante lei orgánica e supresión do requisito do coñecemento da lingua propia autonómica para acceder á Administración. E, como non, limitación da acción autonómica no exterior, control sobre as policías autonómicas, endurecemento do Código Penal e bandeira do artigo 155.

Seguimos con Vox. Cruzada a favor da simboloxía nacional e imposición das diversas expresións e manifestacións da cultura española. Eliminación do Estado autonómico, cara a un Estado unitario, mediante a supresión progresiva de todas as competencias. Reforma eleitoral contra os nacionalismos e ilegalización dos que defendan a ruptura de España. Supremacía da lingua española, facéndoa vehicular, relegando o resto a seren optativas e prohibindo a esixencia do seu coñecemento para acceder á función pública. Código Penal como garantía de todo.

Finalizamos co Partido Popular. Españolización da sociedade mediante a difusión de todo tipo de símbolos e expresións culturais, artísticas ou deportivas. Imposición de normas homoxeneizadoras mediante a apelación á unidade de mercado. Peche de transferencias ás CCAA e supresión daqueles organismo que dupliquen as funcións estatais. Limitación da acción exterior e control sobre as policías autonómicas. Impedimento da financiación de partidos e organizacións que defendan a ruptura da unidade nacional. Lei orgánica para consolidar a supremacía do castelán. Recentralización de competencias, reforma do Código Penal e aclamación do 155.

Supresións, prohibicións, intolerancia, imposición e represión. Aí está o respecto, a convivencia, o diálogo e o constitucionalismo. En España a Inquisición segue a ser un modelo de resolución. E o Presidente da Xunta defendendo as competencias de Madrid mentres transixe, cando non colabora, co noso esfarelamento. Claro, a convivencia!

Comentarios