Opinión

A propósito de Bildu

Unha organización política do noso país, o Bloque Nacionalista Galego, toma a decisión de concorrer coaligada ás eleccións europeas con outra organización política de Euskadi, EH Bildu, e inmediatamente saltan alarmas de opinadores e tertulianos. Que se suicidio, que se erro, que se falla de perspectiva, que se o mundo non está preparado…

Unha organización política do noso país, o Bloque Nacionalista Galego, toma a decisión de concorrer coaligada ás eleccións europeas con outra organización política de Euskadi, EH Bildu, e inmediatamente saltan alarmas de opinadores e tertulianos. Que se suicidio, que se erro, que se falla de perspectiva, que se o mundo non está preparado…Mais en todas elas semella agromar coma denominador común un  medo ancestral ao que dirán, un sentimento de vergoña e preocupación polo xuízo alleo. E iste medo a ser escudriñado aparece coma síntoma, retorno do reprimido, nunha multiplicidade de facetas da vida cotián no noso pobo. A pretensión de disfrazar con eufemismos a actividade política, o temor á exhibición e identificación con símbolos do identitario nacional, o reparo ao emprego do idioma en contextos públicos, son síntomas que non deixan de nos lembrar a vixencia dos discursos de Albert Memmi ou de Aimé Césaire sobre a mentalidade nos pobos colonizados.

Quen ou que asusta? Porque Bildu é o resultado dun proceso de confluencia entre diferentes sensibilidades políticas, ademáis de estar a ser unha aposta exitosa na solución dun complexo e duro conflito en plena Europa. É un proxecto nacionalista e de esquerda rupturista que amosou a súa capacidade para significar un referente na defensa dos intereses nacionais e populares. Sumaron e puideron. Para o poder non é cómodo, mais ningún soberanismo o é. Asusta non estar normalizado consonte os cánones de dominación, porén transformar exixe petar nas almas, no dito de Castelao. Petar nas almas e nas conciencias do noso país para precisamente rachar coas ataduras de normalidade impostas desde un pensamento forxado na metrópoli para guiarnos na eterna minoría de idade na que pretenden manternos.

Sempre coa necesidade de procurar no foráneo, de valorarse no recoñecemento externo, de pedir permiso para falar de nós e por nós. Alguén, con bó tino, comentaba nas redes sociais que se aquí o nacionalismo fai campaña contra os abusos das eléctricas é mirado con desconfianza, mais que unha opinión de tertulia televisiva madrileña sobre o tema abonda para lograr acendidos debates. E que dicir das nosas propias loitas? Celebro con entusiasmo loitas coma as do bairro de Gamonal así coma o seu éxito que é o meu, o noso, o da humanidade; mais no noso país danse loitas cun nivel de entrega, de resistencia e de contundencia que hai que saúdar, ao menos, co mesmo fervor. Non se trata de comparar,  mais si de reflexionar, de analizar e de tirar conclusións. 

E que dicir do argumento de que o pobo galego non temos forza de abondo para levar a cabo, con éxito, un proxecto de liberación nacional. De que precisamos de forzas españolas para compensar a nosa febleza. Non parece ser este o vieiro seguido polas outras dúas nacións sometidas, e que noutrora tamén foron febles. Se somos febles, que o somos nese aspecto, traballemos para que a conciencia nacional medre, para que os sinais de identidade persistan, para que os nosos recursos, a nosa economía e a nosa xeografía nos pertenzan. 

Considero que a esquerda abertzale é unha opción lexítima e politicamente acertada para concorrer ás eleccións europeas e certas opinións parecen unha rifa de pais sobre  fillos no que atinxe a andar en malas compañas. Valoramos puco as propias potencialidades e as propias realizacións, eiva que está, entre outras, a dificultar o espallamento dun argumentario de elaboración propia. As diversas sensibilidades nacionalistas afrontamos o reto de procurar liñas de encontro, de respecto, de non descalificación. Os inimigos de Galiza non son os que a defenden desde sensibilidaes diferentes. Cómpre colaborar para criar estados de opinión que favorezan a descolonización das conciencias e amosar un sentimento de orgullo e pertenza sen o cal a emancipación nacional vai achar enormes atrancos, mais de forzas españolas dificilmente van vir bós consellos para que logremos a soberanía. 

Comentarios