Opinión

O xuízo do procès, outra sombra sobre a democracia

Con certeza que a sentenza, que se vai ditar en poucos días, sobre o denominado xuízo do “Procés”, vai ser condenatoria. Parece inxenuo pensar que o clima de animadversión, e mesmo de venganza, instalado, inserido e potenciado na sociedade non teña o seu reflexo no que esencialmente é un xuízo de natureza claramente política. Existe, ademais, unha demanda do nacionalismo español de dar un forte escarmento, de aplicar un castigo exemplarizante, que sirva de aviso a futuros desafíos periféricos; mais tamén é probábel que se teñan en consideración tanto o rexeitamento que na Europa provocan estes tipos delictivos de penas desorbitadas, e propios de situacións bélicas, coma o medo ao desprestixio, xudicial e político, que un futuro varapao do Tribunal Europeu de Dereitos Humanos puidese significar. Así, se en vez da perpetración dos delictos de rebelión ou de sedición a condena fose por provocación, conspiración ou proposición para a súa comisión, as penas de prisión poderían verse reducidas até dous graos. Porén, estas seguirán a ser represalias inaceptabeis e inasumibeis en democracia dado que o que se está a xulgar son toda unha clara serie de acontecementos de desobediencia civil destinados á consecución do recoñecemento e á ampliación de dereitos e de liberdades.

No Estado español estase substituir a política, o pacto, e o entendemento polo recurso cego e fanático á lei e ao castigo exemplarizante.

Cómpre, agora, un moi breve repaso dos acontecementos que conduciron a que doce representantes lexítimos da sociedade civil e política catalá, dos que nove levan dous anos en prisión preventiva, estean agardando por un castigo que noutras partes do mundo sería impensábel; por non falar do exilio doutros sete, entre eles un Presidente. Retrocedamos pois ao frustrado proceso de reforma estatutaria do ano 2006. O novo Estatut d´autonomía de Catalunya foi resultado dun complexo pacto político, cuxo texto foi aprobado no Parlament, no Congreso e en referendum. Mais a resposta do Tribunal Constitucional, na sentenza 31/2010, foi a de dinamitar esta tentativa de ampliar e blindar as competencias autonómicas dentro da Constitución de 1978. Anuláronse aspectos esenciais do texto e unha boa parte do que non foi anulado ten de ser interpretado ao gosto do Tribunal. Triunfaba un enfoque esencialista do que debía ser a nación española e unha visión ríxida, pechada e inflexíbel da Constitución perante demandas de maior descentralización. A propia Generalitat denunciou, posteriormente, que outros seis estatutos contaban con artigos semellantes mais que non foron impugnados, o que indicaba unha clara hipocresía e unha dupla vara de medir. Constatábase, xa que logo, que en España manter unha identidade diferenciada xera desconfianaza e pasa factura!

Con posterioridade, o goberno de Artur Mas procurou, ao igual xeito que Euskadi e Nafarroa, lograr un pacto fiscal ou concerto económico que fracasou perante a negativa tallante do goberno español, presidido por Mariano Rajoy. A cidadanía catalá íase decatando de que, malia o mantra de que co diálogo todo era posíbel, as portas pechaban unha tras outra. Chegaba o momento de pedir a palabra, de que o pobo foise escoitado, é dicir, de solicitar un referendum sobre o que pensaba e quería o pobo catalán. Tentouse negociar unha consulta pactada, ao estilo canadense ou escocés. Estudos de prestixiosos xuristas avalaban a posibilidade desta realización que, de novo, o fuscallo e o desatino negaron. As institucións catalás trataron de solventar unilateralmente a situación convocando unha consulta non vinculante e non referendaria, recorrida de pronto polo goberno español. Desde o momento da suspensión decretada polo TC, a Generalitat deixou de comprometer fondos públicos para a realización da mesma e desvinculouse totalmente. A consulta, celebrada coma proceso participativo o 9 de novembro de 2014, organizouse e desenvolveuse exclusivamente pola colaboración voluntaria de milleiros de persoas e asociacións, acadando unha participación de máis de dous millóns de votatantes e unha inxente maioría de votos a prol da independencia. Aínda hai pouco que Artur Mas e altos cargos da súa administración foron condenados a penas de inhabilitación e a multas millonarias. A percepción do déficit da democracia española comezaba a traspasar as fronteiras do reino.

As eleccións “plebiscitarias” do 27 se setembro de 2015 deron unha clara maioría ás forzas independentistas, iniciándose a lexislatura cunha declaración parlamentar na que se instaba a declarar solemnemente o inicio do proceso de creación do estado catalán independiente en forma de república e que o TC declarou inconstitucional. A partir de aquí todas temos moi recente a sucesión dos feitos: Creación dunha Comisión de Estudo do Proceso Constituinte; mobilizacións masivas e pacíficas a prol da independencia; aprobación da Lei de transitoriedad xurídica e fundacional da República; aprobación da Lei do referéndum de autodeterminación vinculante sobre a independencia de Catalunya e suspensión e apercibimentos de urxencia polo TC; operación represiva “Annubis” da garda civil con importante contestación da cidadanía; celebración o 1 de outubro do referendum, con tremendas cargas policiais contra a xente que votaba masiva e civicamente e que deron a volta ao mundo; posterior folga xeral; posicionamento fundamentalista do Rei; declaración de independencia; aplicación do artigo 155º, exilio, presos políticos e proceso por rebelión.

Feito este repaso, lembremos o que se entende por desobediencia civil. Esta consiste nunha acción de protesta colectiva, moralmente fundamentada, pública, ilegal, conscente e pacífica cando o recurso aos medios estabelecidos é imposíbel ou inútil porque un ordenamento xurídico ou os gobernantes non recoñecen unha xusta reclamación moral ou legal. Pois ben, desde as institucións e desde a sociedade civil catalás o que houbo foi exemplo dunha expresión colectiva de apelación á desobediencia civil perante a negativa ao diálogo, á negociación e a acadar un acordo para as demandas razoabeis e lexítimas cuxa única resposta foi a intolerancia, o recurso a forza e á represión. O pobo catalán e os seus representantes apelaron a un dispositivo simbólico da democracia que consiste na aplicación dos valores democráticos e no recoñecemento do dereito a ter dereitos. Historicamente a desobediencia civil foi un elemento fundamentel no recoñecemento dos dereitos e na expansión da democracia. O elenco de dereitos humanos sería impensábel sen procesos de desobediencia e de loita. Isto levou a Ronald Dworkin a afirmar que constitúe un acto de cegueira moral xulgar estes actos como se tratar de delictos comúns, ignorando que aquí se desobedece a lei para ampliar os dereitos e afondar na democracia.

Jorge Cagiao y Conde lembra que tras a política vén o dereito para pulila; constata que se de verdade existe vontade de rematar un conflito cabe procurar variadas solucións xurídicas. Porén, no Estado español estase substituir a política, o pacto, e o entendemento polo recurso cego e fanático á lei e ao castigo exemplarizante. Mais nunha democracia cun mínimo de calidade os castigos exemplares e os escarmentos non teñen cabida. A venganza non é lexítima por moi funcional que sexa ao nacionalismo estatal. Tratar a política disidente e discrepante como un capítulo de política criminal acaba nun desvarío da xustiza. Anotaba, tamén, Julieta Marcone que a pretensión de lexitimidade dun Estado non se satisfai co mero feito de que as leis, sentenzas ou decisións políticas se elaboren consonte o procedemento prescrito e a regra da maioría, senón que é precisa a adhesión reflexiva e calificada ao ordenamento. Daquela, se a represión e a intolerancia son as respostas habituais, por que non lembrar tamén a Habermas naquilo de que cando a Constitución representativa fracasa perante retos que afectan aos intereses da cidadanía, o pobo pode resucitar os dereitos orixinarios do soberano ou a a Toni Negri afirmando o uso do poder constituínte como resistencia permanente contra á tiranía?

Comentarios