Opinión

O virus do centralismo

A actual pandemia provocada por un virus que, malia non entender de fronteiras nin de identidades fixo saltar polos aires o espazo Schengen, está a ser obscenamente instrumentalizada nun incesante e obsesivo afán español de centralismo e de nacionalismo de estado. Nunha situación onde a racionalidade e a sensatez deberían ser os elementos fundamentais, o recurso a formulacións e sobreactuacións identitarias está a impregnar as comparecencias, as declaracións e as decisións de xeito reiterativo. No encaramento que se está a facer do andazo observamos, unha vez máis, o lugar preeminente que a visión de unidade esencialista ocupa dentro dun imaxinario monolítico que abrangue toda a dereita e case toda a esquerda hispanas.

De inicio negouse totalmente a posibilidade de admitir diferenzas. Tanto as directrices como as actuacións foron centralizadas e uniformes, con referencias á Constitución e á patria común e indivisíbel. Como xa é habitual o goberno central prescindiu absolutamente dos poderes territoriais, deixando ben claro que a lealdade e a colaboración significan obedecer e tragarse as competencias cando decide o centro; modo moi castizo de explicar en que consiste iso de ser o Estado máis descentralizado do mundo. Así, e consonte o guión, ordenouse o control total en sanidade, o mando sobre todas as forzas de seguridade e a confiscación doutras competencias, mentres o exército se exhibía nas rúas e nas comparecencias de goberno. A emerxencia sanitaria tomaba formas dun problema de orde público ou dunha ameaza terrorista. Retórica bélica e proclamas patrióticas acabaron acaparando parte da información sanitaria e do resto das intervencións, no desenvolvemento dunha estratexia política e ideolóxica que, con conciencia democrática e de clase, denunciaron os bombeiros pertencentes a sindicatos combativos.

Amosouse, ás claras, que España vive de símbolos, Madrid entre eles. A corte e capital do reino acumulaba a meirande parte dos casos e moitas voces cualificadas demandaron, sen éxito, o seu illamento inmediato mais a blindaxe doutros territorios para frear a propagación perante a fuxida masiva de madrileños. A este respecto escribiu con acerto Pol Carrión i Huget, nun artigo titulado “Coronavirus y cierra España (pero no Madrid)”, que a capital que drena as enerxías dos demais territorios optou por centrifugar os enfermos antes que illarse do resto. Como a banca no seu día, a Villa e Corte tomou a decisión de socializar os problemas tras décadas de privatizar as ganancias.

E a batalla pola centralización continúa sen tregua. Atrapados diante das pantallas, a brunete mediática non desaproveita oportunidade para arremeter contra un xa ben baleirado réxime autonómico. Silenciando anos de desmantelamento do público, de recortes, de saqueo e de privatizacións, en boa medida responsabilidade do estado, preséntase as autonomías coma culpábeis do naufraxio na capacidade de resposta e da carencia de medios. Repítense tópicos como o dunha estrutura territorial ineficaz ou o dunha duplicación competencial innecesaria, para apelar á necesidade imperiosa de que o Estado recupere o control; tópicos que se espallan comodamente desde debates monolóxicos, tertulianos da causa ou informativos tendenciosos.

Falacia tras falacia, preténdese confinar o pensamento diferente e a posibilidade de formular alternativas porque o estado español non é quen de librarse do seu mal endémico, que consiste en negar de plano a realidade plurinacional; lastre identitario que non afectou outros estados. Aquí houbo Comunidades que denunciaron a carencia de recursos propios e a imposición de límites orzamentarios e competenciais como o que dificulta unha xestión eficaz ou unha actuación axeitada. A burocracia vén de ter que andar sempre a pedir permiso ao Estado! Non, o problema non é a descentralización senón a incerteza sobre competencias de quita e pon e a dificultade de saber a que aterse nun réxime con cartas marcadas. Acaída síntese a de Oriol Junqueras, co motivo da conmemoración do 14 de abril: “Este Estado é lento de reacción, centralista, nacionalista, oligopolista e desesperadamente ineficiente. Non escoita máis que o Ibex, a monarquía e o exército. Xestiónase desde a propaganda, a bandeira e a construción dun novo remendo para salvar o réxime, como xa se fixo en 1977”.

Comentarios