Opinión

O odio é para os parias

No momento que inicio esta reflexión dous concelleiros da CUP, do concello de Reus, son detidos por orde xudicial por mor dun escrache de protesta, e acusados de odio, diante do hotel onde se aloxaban membros da policía durante os días do proceso soberanista. Doce profesores do IES El Palau de Sant Andréu de la Barca son imputados por un presunto “delito de odio” ao explicar os feitos acontecidos durante ese mesmo proceso. Comentaba, hai pouco, o xornal El Pais sobre a multitudinaria manifestación catalanista en Bruxelas que “El separatismo pasea su odio a España por las calles de Bruselas”. Así mesmo a garda civil aponta ás masivas, legais e pacíficas manifestacións da Diada coma “germen de odio hacia el Estado español”. Tuiteiros, rapeiros, debuxantes, artistas, feministas e unha outra morea de activistas críticos co rexime están a padecer, do mesmo xeito, unha extensión ambigua e antixurídica do artigo 510 do Código Penal español. Hai xa catro anos, e antes da reforma desta norma, o Simposio “Espanya contra Catalunya: una mirada històrica” organizado polo Institut d´Estudis Cataláns, en Barcelona xa comezara baixo a ameaza e a sospeita de incitar ao odio por parte dos medios e da Fiscalía.

Semella que o poder achou o instrumento máxico para bater contra a contestación social. Un instrumento enormemente eficaz para castigar á disidencia e as súas manifestacións non gratas e críticas. Un instrumento perfecto para localizar o odio no sometido e no oprimido, no subalterno

Semella que o poder achou o instrumento máxico para bater contra a contestación social. Un instrumento enormemente eficaz para castigar á disidencia e as súas manifestacións non gratas e críticas. Un instrumento perfecto para localizar o odio no sometido e no oprimido, no subalterno; para situar o odio só en quen se rebela e proclama a necesidade de acción contra o poder. Argucia sofisticada e brutal. Porque non cabe engano posíbel; non é o mesmo incitar ao odio por ser muller, por ter determinadas crenzas ou por posuír certas características fenotípicas que criticar, aínda que sexa con extrema dureza, a quen fai parte dos aparellos do Estado en calquera nivel. O artigo en cuestión debería ter a función de protexer aos colectivos en situación de vulnerabilidade perante a violencia, a discriminación e a intolerancia e non para blindar as inmunidades e impunidades do poder, fasquía esta que si significou un progreso nos sistemas xurídicos.

Non; os que actúan en nome e representación do Estado non deben estar protexidos por unha norma concebida para outro tipo de protección. Titulaba Manuel Mera un artigo publicado nestas páxinas, con moito acerto, “A xustiza en mans de seres superiores?”. Título e contido enormemente ilustrativos do que está a pasar na devaluación das democracias ao servizo do capital. Estados que trasvasan a lexitimidade da execución de políticas represivas e antisociais a instancias xudiciais que son presentadas como absolutamente independentes, totalmente libres de prexuízos e incontaminadas polos valores e ideoloxía das clases dominantes.

Retomemos, de novo, o caso do Simposio sobre as relacións hispano-catalás ao que nos referíamos ao comezo. O bucle resulta insalvábel para o que está nunha posición subalterna. Se eu afirmo que desde instancias superiores tiveron un comportamento que amosa odio e se me resposta que por expresar esa visión o que odia son eu, fico atrapado na rede de quen ten o poder de definir e xulgar quen odia a quen. O que podería ser visto coma un gracioso xogo de linguaxe resulta un drama para quen sabemos que a rebelión, a transformación e a emancipación social foron impulsadas polo odio a modelos de opresión e dominación para seren substituídos, con maior ou menor éxito, por outras arquitecturas máis progresistas.

Os poderosos, os privilexiados non odian; só os parias, excluídos, incivilizados e incapaces de comprender as bondades que se lle ofertan son quen de odiar

Mais con toda esta utilización peversa do odio, instrumentalizada a favor dos grupos hexemónicos, estase a procurar un outro desposuimento dos escasos medios de que dispoñen os grupos subalternizados. A mensaxe podería formularse nestes termos: Os poderosos, os privilexiados non odian; só os parias, excluídos, incivilizados e incapaces de comprender as bondades que se lle ofertan son quen de odiar. Os que detentan os chanzos das posicións de superioridade son máis refinados; poden errar e mesmo desprezar, mais non odiar. As sentenzas delirantes e clasistas, as políticas de exclusión, as medidas de marxinación, as limitacións para vivir vidas dignas e autónomas, as mortes nas fronteiras, as agresións policiais, a privación de axudas de subsistencia, a insultante desigualdade, a miseria, a guerra preventiva, a tortura legalizada, o darwinismo social...nada de isto poderá ser posto en cuestión a risco de ser un maldito resentido capaz de odiar a quen, coa mellor intención do mundo, vela para que nada cambie. Dicía Frantz Fanon nunha obra chea de amor para a liberdade humana, Pel negra, máscaras brancas, que o odio tarda en conquistarse.

Comentarios