Opinión

Medo á democracia, medo ao pobo

No reino de España existe un medo especial tanto a consultar como a posibilitar a participación; hai un particular medo a que a xente se pronuncie sobre decisións políticas, económicas e sociais que afectan a fasquías fundamentais das súas vidas. Reflíctese aquí o gran temor das elites a que a axenda de apropiación poida verse alterada por mor dunha soberanía popular que só aceptan como figura testemuñal nos textos, mais sen se chegar a exercer.  Alegan que xa abonda coa participación en contendas electorais á vez que tentan suplir con eses simulacros da opinión popular, que son as enquisas e sondaxes publicadas nos medios do establishment, ben cociñados ao gosto dos grupos dominantes. Estafa democrática ben artellada para perpetuar o rexime e legalizar e institucionalizar os mandatos do capital, sen que haxa nada que dicir e moito menos que cuestionar. Agroman, no fondo, dúas preocupacións para os beneficiarios deste calote: os posíbeis resultados adversos aos seus privilexios e que o pobo acabe crendo a serio que pode pintar algo.

Conclúen que a xente non está preparada, non ten criterio ou é moi manipulábel, agás cando acepta submisa e caladamente recortes e restricións en dereitos

Cada vez que nalgún lugar se celebra unha consulta, saltan as alarmas para que toda unha tropa mediática se poña en modo apocalíptico e advirta das consecuencias desastrosas que para a democracia ten preguntarlle ao pobo. Expertos en ilusionismo e malabarismo político son quen de deturpar, trastocar e pervertir o que faga falla sen o máis mínimo decoro. Da igual que se trate do Brexit, de preguntarlle aos gregos sobre a chantaxe europea ou aos islandeses sobre a da banca, dun plebiscito sobre a paz en Colombia ou de referendos en Quebec ou en Escocia; no seu indecente relato, consultar divide e tensiona a convivencia. Conclúen que a xente non está preparada, non ten criterio ou é moi manipulábel, agás cando acepta submisa e caladamente recortes e restricións en dereitos ou carga sobre o lombo o saqueo do común e a transferencia da riqueza cara unha minoría privilexiada.  Si, cínicamente, nestes casos desaparecen as tensións e divisións para falarse de responsabilidade e de compromiso. En realidade a democracia da que gostan é a das maiorías silenciosas, precisamente porque nunca se sabe cantos son ou deixan de ser.

Mais todo ese envoltorio repetido de declaracións sobre democracia consolidada, participación popular ou supervisión democrática agacha a conversión da cidadanía, que debería ser suxeito protagonista, nun obxecto sobre o que se toman decisións de consecuencias transcendentais e moitas veces irreversíbeis, na consolidación do que Gerardo Pisarello denominou procesos constituíntes oligárquicos. Que acontece logo? Pois que, fronte ao poder formalmente recoñecido do pobo, quen realmente estabelece e impón as condicións do pacto e do consenso son as elites políticas e económicas, suprimindo condicións de igualdade e de xustiza e convertindo o dereito e a representación en instrumentos de amansamento e de parálise. A cidadanía é expropiada de bens e servizos porque tamén é expropiada de dereitos e de participación.

E, se nos fixamos ben, dereitos como a saúde, o traballo, o medioambiente, a vivenda ou as pensións están fóra do núcleo duro dos dereitos fundamentais para seren rebaixados a declaracións programáticas

No reino, ese poder oligárquico ficou ben plasmado nun texto constitucional, de elaboración tutelada e vixiada por poderes fácticos aínda presentes; un texto eivado tanto no recoñecemento da plurinacionalidade, como na participación popular e na protección dos dereitos. E, se nos fixamos ben, dereitos como a saúde, o traballo, o medioambiente, a vivenda ou as pensións están fóra do núcleo duro dos dereitos fundamentais para seren rebaixados a declaracións programáticas. Non debe sorprender, xa que logo, que haxa xente sen vivenda, o abuso nos desafiuzamentos, que non se poida reclamar un traballo digno, a ameaza contra as pensións ou que a calidade das prestacións socias e sanitarias dependan da boa vontade do lexislador. Non debe sorprender, tampouco, que non se queira mudar a lexislación sobre referendos e consultas ou nin se queira ouvir falar de artellar mecanismos para ampliar tal posibilidade. Mais a participación significa politización, que, a fin de contas, é o que vai permitir crear novas e mellores realidades sociais. Será unha cidadanía que non fique reducida a elixir representantes cada certo tempo a única capaz de considerarse coma suxeito protagonista e ser quen de profundar na democracia.

Comentarios