Opinión

A lingua non é unha crenza

Nun recente artigo publicado en Tempos Novos titulado “Pensar o nacionalismo” Miguel Vazquez Freire criticaba que no meu libro “E logo, temos razóns para ser nacionalistas?” defendera a lexitimidade de empregar instrumentos xurídico-políticos para a defensa e conservación do noso idioma derivado da consideración deste como parte dunha identidade nacional.

Nun recente artigo publicado en Tempos Novos titulado “Pensar o nacionalismo” Miguel Vazquez Freire criticaba que no meu libro “E logo, temos razóns para ser nacionalistas?” defendera a lexitimidade de empregar instrumentos xurídico-políticos para a defensa e conservación do noso idioma derivado da consideración deste como parte dunha identidade nacional. Gostaría de contestar a algunhas das obxeccións e, deste xeito, contribuír a clarificar o porqué do meu posicionamento.

"Resulta imposíbel entender un sistema educativo se non transmite a aprendizaxe dunha lingua oficial. Pódese prescindirse do ensino da relixión mais non do ensino nunha e dunha lingua". 

Por unha banda propón interrogantes do tipo de por que se mantén o idioma e, en cambio, tense abandonado a uniformidade relixiosa; ou de por que se considera que é unha vulneración a imposición dunha identidade relixiosa homoxénea para unha nación e non a dunha identidade idiomática. Pois ben, neste debate arredor da diferenza entre a protección dunha lingua e a dunha relixión xa houbo unha argumentación contundente por parte de Will Kymlicka a finais do século pasado. Comparto con este último en que unha comunidade socialmente organizada pode prescindir dunha relixión oficial mais non dunha lingua con tal carácter. A protección da liberdade relixiosa, nunha democracia, satisfácese con non obstaculizar o seu libre exercicio aos crentes na mesma. Certo que ao longo do tempo a oficialización das relixións, por parte de comunidades políticas, desempeñou  funcións de identitarismo mais isto non obsta para comprobar que ditas crenzas son innecesarias para o funcionamento das sociedades organizadas politicamente. A pluralidade e a diversidade, que hoxe defendemos, implica o respecto a estilos de vida, opcións sexuais, crenzas relixiosas, etc, sen que ningunha destas opcións precise acadar un estatus de oficialidade o que non acontece no caso do idioma. Reflexionemos logo sobre as múltiples funcións e competencias inherentes ao exercicio das potestades por parte dos Estados ou doutras entidades territorias con cuotas de poder político nas que non se pode prescindir dun idioma oficial.

Resulta imposíbel entender un sistema educativo se non transmite a aprendizaxe dunha lingua oficial. Pódese prescindirse do ensino da relixión mais non do ensino nunha e dunha lingua. A atención sanitaria así coma  outras prestacións sociais e asistenciais, nun país, ten que se desenvolver no idioma ou idiomas oficiais independentemente das crenzas relixiosas do persoal sanitario ou asistencial, que fican reducidas ao ámbito do estritamente privado. A lingua dos procesos e das resolucións xudiciais non pode estar determinada polas decisións individuais das partes intervintes. O idioma dos documentos normativos ten que estar redactado na lingua ou linguas declaradas oficiais no territorio no que se pretende a súa eficacia e validez. A lingua dos procedementos administrativos e de comunicación coa Administración está definido pola oficialidade da mesma. A obrigatoriedade do emprego dun determinado idioma no etiquetado dos produtos e das instrucións de uso fai parte de todo un sistema de garantías e de protección independente das crenzas de produtores, consumidores e usuarios. O acceso a cargos e funcións públicas esixe o coñecemento do idioma ou idiomas recoñecidos coma oficiais sen que se poida indagar e menos demandar unha crenza relixiosa ao aspirante. Se un país ten unha relixión oficial sería pensábel o requisito da adhesión á mesma para gozar dos dereitos e prestacións que as instancias xurídicas e políticas garanten o que levaría a contradecir ás declaracións e convenios sobre dereitos humanos, contradición que non acontece se unha nación estabelece unha ou varias linguas con estatus de oficialidade aínda que esta oficialización conleve, inevitabelmente, coaccións e limitacións  para os que moren nese territorio tal e como ten recoñecido até a saciedade a xurisprudencia sobre dereitos humanos.Non; entre a oficialidade lingüística e a relixiosa non cabe propór interrogantes xa que se trata de dúas esferas con repercusións sociais e xurídicas diferentes no canto ao seu tratamento.

"España regula sobre a súa lingua e sobre a das outras comunidades nacionais. E isto evidentemente considéroo un límite intolerábel a autonomía dos falantes galegos". 

Abordemos agora outra obxección formulada como interrogante e que cito textualmente: Por que se considera un límite intolerable á autonomía dos falantes galegos que o Estado Español lexisle (caso de que o faga) limitando o uso da lingua galega, e non o sería, se fose un hipotético Estado Galego quen limita o uso do castelán?

Neste caso estimo que se está a presentar un contraste entre dúas situacións que non son equiparabeis dado o espazo territorial sobre o que tanto o caso fáctico (Estado español) coma o contrafáctico (Estado galego) exercen a súa soberanía. A realidade é que o Estado español lexisla sobre a lingua dunha nación e, xa que logo, limitando o poder de decisión de Galiza sobre a súa propia lingua. España regula sobre a súa lingua e sobre a das outras comunidades nacionais. E isto evidentemente considéroo un límite intolerábel a autonomía dos falantes galegos. Agora ben, para que se dera unha situación equivalente e inversa compárabel o hipotético Estado galego tería que lexislar  sobre a súa lingua e sobre a lingua española, tanto no noso territorio como en territorio español. E iste caso tamén sería intolerábel.

Poñamos un exemplo real: se España lexislara sobre o francés na Francia, ou á inversa, isto non sería defendíbel. Pois no caso galego tampouco. E se partíramos da consideración hipotética de dúas nacións soberanas, España podería limitar o uso do galego ( e doutros idiomas) no seu territorio como Galiza podería limitar o uso do español ( e doutros)  no seu. Isto é defendíbel. Hai unha pequena trampa na interrogante proposta que consiste en presentar a Galiza, en ambossupostos, dentro da esfera soberana española o que impide estabelecer unha xusta equivalencia dos casos, sobre todo cando a teimuda realidade amosa que é o Estado español quen efectivamente decide sobre a lingua dos galegos.

Comentarios