Opinión

Lexitimidade vs legalidade no referendum catalán

Carles Puigdemont anunciou a celebración dun referendo para setembro de 2017. Aínda que son moi previsibeis os pasos xurídico-xudiciais que se irán dando, tanto desde as institucións catalás coma desde o Estado, non parece doado aventurar a magnitude das medidas coactivas e represivas que se vaian utilizar dado o máis que probábel escenario de ausencia de acordo para a súa celebración. Sabemos do déficit democrático, da obstinación e da irracionalidade que acompañan este Estado cando dos dereitos nacionais non españois se trata. O emprego das recentes potestades executivas do Tribunal Constitucional, o recurso ao Código Penal e a intervención do poder autonómico, vía art. 155 da Constitución, van estar presentes desde o primeiro movemento con efectos xurídicos que se produza. As consecuencias e as reaccións do pobo catalán na defensa do seu dereito a decidir irémolas vendo a medida que o proceso avance. Mais o que neste escrito pretendo é apontar algunhas reflexións e argumentos a prol da lexitimidade da que goza un pobo que quere ser escoitado sobre aspectos fundamentais con respecto ao seu ser e ao seu futuro.

Nun momento así o dereito de participación política ten que formularse en forma de referendum e, en Catalunya, sábeno perfectamente

En principio, a cuestión da legalidade. Chegados a esta situación decatámonos de que xa non vale calquera xeito de consulta; nun momento así o dereito de participación política ten que formularse en forma de referendum e, en Catalunya, sábeno perfectamente. Para que os resultados gocen de recoñecemento interno e internacional, o instrumento de participación ten que ser esta figura. Deben existir unha serie de garantías procedimentais e procesuais, xa que debe identificarse un corpo electoral, ten que facerse uso do censo, cómpre a constitución de mesas e xuntas electorais, así coma outras medidas de protección xurisdiccional específicas; aspectos todos estes que avalarían a solvencia dos resultados obtidos. E aquí comeza o problema, e de certo que non provocado nin querido polos cataláns.

Nin a Constitución, nin a Lei Orgánica reguladora das distintas modalidades de referendum permiten a convocatoria deste tipo de consulta sen a autorización do Estado, cuxa competencia ampliou o Tribunal Constitucional na STC 31/2010. Polo tanto a convocatoria e celebración do futuro referendum vaise situar abertamente fóra da legalidade a non ser que o Goberno o autorice; e mesmo neste caso un recurso de inconstitucionalidade poderíao tombar á vista do debate sobre o contido do mesmo ou sobre a discrepancia da súa consideración como referendum consultivo ou como consulta popular referendaria. Mais, e para o que aquí nos interesa, observamos unha situación conflitiva cuxa solución dificilmente vai transcorrer de xeito pacífico, porque nunca se aceptou a plurinacionalidade, porque os sables tutelaron a redacción dunha Constitución na que para mudar as cores da bandeira hai que disolver as Cortes e convocar eleccións ( o que di moito do seu carácter) e porque non houbo unha ruptura democrática que adecentara a vida política.

A Corte Suprema canadiana contribuíu á construción dun novo paradigma constitucional sobre a cuestión da secesión en situacións non coloniais

Por outra banda, está o tema de como se apañan noutros lugares. Resulta obrigado referirse aos casos quebequés e mais escocés e non só como exemplos de solucións xurídicas, e para o que a casuística é variada, senón como exemplos de solucións políticas a problemas políticos. Todo o contrario do fundamentalismo español que sempre anda na procura dunha resposta xurídico-penal para silenciar e acabar coas incomodidades políticas. Non se trata agora de facer un repaso histórico, mais si de salientar que no Quebec xa se realizaron dous referendums e a Corte Suprema contribuíu á construción dun novo paradigma constitucional sobre a cuestión da secesión en situacións non coloniais. Entre outras argumentacións, o Tribunal estabeleceu que no caso de que a poboación de Quebec, maioritariamente e cunha pregunta clara, amosase a súa vontade de independencia xeraríase a obriga xurídico-constitucional de negociar o alcance político da decisión, así como das condicións, fórmulas e prazos para que esa vontade puidese ser efectiva. A legalidade non pode constituir un arma contra o principio democrático.

En Escocia o Parlamento tamén carece de competencias para a convocatoria unilateral dun referendo sobre a independencia. Porén, após o contundente triunfo electoral do SNP, o goberno británico aceptou modificar a normativa de xeito que se permitese a convocatoria e celebración da consulta por parte da cámara escocesa. Coa referencia a estes casos non se trata de comparar e identificar situacións; nunca as situacións e os contextos van ser idénticos, polo que tampouco vale a recorrente escusa de dicir que "non se pode comparar". Coma ben expresou López Basaguren, no mundo actual a interrelación e a influencia recíproca entre sistemas democráticos transcende a pura perspectiva comparantista. Do que se trata é de aplicar o chamado dialogical method entre sistemas constitucionais. Consonte esta concepción, cando un sistema democrático aborda un problema e logra artellar unha solución acorde cos principios democráticos está a marcar un camiño ao resto dos sistemas legais. Sentidiño e racionalidade a fin de contas.

A legalidade, como xa dixemos, non pode ser un atranco para a expresión e a realización da democracia

E agora, para rematar, a cuestión lexitimidade. Para coñecer a vontade da poboación dun territorio sobre aspectos de fonda transcendencia política, coma é o caso, non valen "pulsómetros" de opinión, senón que cómpre unha consulta con todo tipo de garantías. Negar esta opción é situarse no bando da intransixencia, da intolerancia e da covardía. A legalidade, como xa dixemos, non pode ser un atranco para a expresión e a realización da democracia. Obrigar a permanecer en silencio e a agochar a vontade dunha parte da poboación, nun tema de tal envergadura, amosa un tremendo déficit de credibilidade democrática das institucións estatais. Desde que óptica se pode argumentar que a convocatoria dunha consulta ao pobo catalán sobre o seu futuro como comunidade política atente contra a democracia ou contra os dereitos fundamentais, cando estos son precisamente negados? Un problema é que neste Estado xa nos imos acostumando ao ver o delirio con normalidade. Ningún Estado democrático pode ser indiferente diante dunha expresión clara e inequívoca, amosada libremente, por unha parte da poboación do seu territorio que se considera maioritariamente unha nación. Impedir esa expresión outorga toda a lexitimidade para unha convocatoria unilateral de consulta porque quen nega e impide a expresión da vontade só fica co recurso da forza para tentar amordazar a voz dun pobo.

A modo de post scríptum. Case que resulta ofensivo escoitar, nalgúns foros, que todos os españois deberían votar neste referendum. Primeiro: nas cuestións nacionais o principio da maioría estatal non é aplicábel, dado que a nova unidade política que se quere manifestar como tal ten un suxeito político diferenciado sobre o que van operar os principios democráticos. No caso contrario o principio das maiorías pasa a ser o dominio e opresión das mesmas. Segundo: para iniciar ou continuar unha vida en parella feliz e en común precísase o consentimento das dúas partes; para romper a relación basta coa decisión dunha delas, aínda que haxa que pactar condicións. Ou hai vínculos sagrados tamén neste ámbito?

Comentarios