Opinión

Ir desconectando

Fronte aos poderes abafantes e avasaladores, que marcan e deciden o tipo de confrontación para poder esmagarnos sen dificultade, o filósofo Paolo Virno propón unha retirada emprendedora, é dicir, un afastamento combativo para resistir as condicións impostas por quen nos oprime. Propón a deslealdade e a infidelidade con todo o que nos ata e nos dificulta o avance na igualdade e na liberdade. Trátase de axir, desconectando das pautas do modelo dominante, para forxar novos xeitos de relación e de comunidade. E con certeza que aquí, no noso país, cómpre soltar moitas amarras físicas e mentais con esa España que prefire sacrificar a democracia antes que aceptar unha convivencia baseada no recoñecemento das diferenzas e na liberdade de decisión. Esa España na que o estado de dereito expresa un modo no que o dereito funciona coma instrumento de control e de dominación, impedindo a posibilidade de empregarse como ferramenta de emancipación que permita ampliar as marxes de liberdade e de satisfacción das necesidades das persoas e dos colectivos.

Dicía Albert Memmi que a situación colonial fabrica colonialistas do mesmo xeito que fabrica colonizados. De feito, comprobamos decote coma ritmos, axendas, respostas e toda unha morea de actos das diferentes esferas da nosa vida, están a ser condicionados por unha perspectiva en chave española que obstaculiza o desenvolvemento e a vivencia da propia identidade. Estase, deste modo, a producir unha erosión das capacidades e potencialidades para a autonomía persoal e colectiva e, xa que logo, o desposuimento de opcións significativas e de redución do contexto de elección. Para a mentalidade española, este desposuimento é algo xustificábel porque fai parte da teimuda concepción asimilacionista na que toda afirmación allea semella un desafío contra o que hai que bater e ao que hai que someter.

Nun panorama así non caben equidistancias porque o desequlibrio e a desigualdade son reais, evidentes e notorios. O antropólogo norteamericano David Graeber ten salientado o feito de como o subalternizado se ve coa carga de ter que saber sobre quen ocupa unha posición de privilexio, mais non á inversa. Hai que saber do xefe, do patrón, de quen decide, de quen resolve, de quen manda. Hai que saber como fala, que quere, de que gosta, das súas filias e das súas fobias; hai que estar sempre pendente de onde vai e por onde ven. Porén, do lado de quen se posiciona desde a superioridade, abonda con controlar o básico para que a relación de dominación non se altere; o demais dálle igual porque nin quere saber nin o necesita. E cantas veces non temos visto ou vivido estas situacións aplicadas á nosa pertenza? Cantas veces, desde a política até a máis sinxela actuación cotiá, as expresións ou os comportamentos están mediatizados pola valoración dun entorno españolizado? Medímonos moito porque sabemos en exceso o que molesta a un identitarismo español ao que, por certo, lle importa unha figa o que a nós nos agrade ou nos ofenda.

Cabe, pois, pensar que o compromiso e o avance na galeguización teña de ir parello coa inescusábel tarefa de desespañolización en todos os ámbitos nos que, aberta ou agachadamente, se está a destruír a cultura, a historia, a economía e a vida do noso pobo. Mais para ir rachando con eses lastres, sen complexos, sen pedir permiso e sen pedir perdón, faise imprescindíbel ir fortalecendo redes e espazos de encontro, de apoio mutuo e de solidariedade entre todos os defensores da soberanía, da liberdade e da xustiza. Artellar un clima que favoreza a ruptura coas ataduras da metrópole como, mutatis mutandis, está a acontecer en Euskadi ou en Catalunya. As pasadas eleccións parecen indicar que algo está a mudar; o nacionalismo do BNG foi quen de recoller tanto a defensa da soberanía nacional como a indignación e as arelas de ruptura co réxime do 78. Foi un éxito do nacionalismo, como tamén foi un acerto a amplitude e a xenerosidade amosada por Ana Pontón para seguir construíndo país. Oxalá se abra un tempo novo no que todos e todas, desde a diversidade, poidamos ir, se non confluíndo, cando menos camiñando xuntas, con comodidade e con lealdade polos vieiros da soberanía.

Comentarios