Opinión

O imperio (da lei) contra os nacionalismos periféricos

Imperio da lei contra o dereito a consultar; imperio da lei contra o dereito a decidir; imperio da lei contra o dereito a existir; imperio da lei contra as arelas de ser; imperio da lei contra calquera construción nacional non española. Mágoa que se deturpe de tal xeito un concepto xurídico- rule of law- que xurdiu coma oposición o abuso, a tiranía e a arbitrariedade do poder. 

Imperio da lei contra o dereito a consultar; imperio da lei contra o dereito a decidir; imperio da lei contra o dereito a existir; imperio da lei contra as arelas de ser; imperio da lei contra calquera construción nacional non española. Mágoa que se deturpe de tal xeito un concepto xurídico- rule of law- que xurdiu coma oposición o abuso, a tiranía e a arbitrariedade do poder. Certo que cabe entender que as razóns do esencialismo español procuren estar agachadas baixo unha fraseoloxía mistificadora e aparentemente neutral nun conflito no que diversas identidades nacionais están presentes e, máis aínda, cando é o propio identitario español quen controla o instrumental xurídico-político para impór e manter pola forza, precisamente, ese  marco. Mais entender, e moito menos en política, non significa asumir,  compartir, concordar ou calar. Porque os modelos sociais cuestiónanse, as leis modifícanse, os Estados mudan, abrollaron luces contra os obscurantismos, existen pobos e hai identidades, hai involucións e tamén revolucións. Nada está petrificado no facer social.

"Os modelos sociais cuestiónanse, as leis modifícanse, os Estados mudan, abrollaron luces contra os obscurantismos, existen pobos e hai identidades, hai involucións e tamén revolucións. Nada está petrificado no facer social".

O imperio da lei que nos predican desde España ven marcado cunha fasquia que ten moito de sagrado e pouco de profano. Semella incuestionábel, inmodificábel, acubillado na arca cuxa apertura traería fatais consecuencias. Está gravado nesa pel de touro perennialista, esencialista e primordialista, é dicir, con marcado carácter étnicista. Non procura a adhesión libre e pacífica ás súas regras e principios, senón a unión increbantábel e forzosa coma a que forxa o baptismo para algúns crentes. Esta versión española do imperio da lei, esgrimida contra galegos, cataláns e vascos, dificilmente pode ser valorada coma un afondamento na democracia, coma un logro da convivencia.

E con que nos gratifica, con que nos agasalla ese marco constitucional? Non se achan razóns polas que debamos ser sumisos e agradecidos cando se nos imposibilita escoller o modelo de relación ou de convivencia. Porque só se recoñece a existencia dun único pobo. Non podemos animar a unha selección nacional. Se nos impide negociar nos foros internacionais aspectos esenciais dos nosos recursos. Temos o deber de coñecer un idioma alleo, mais non o propio. A política económica diríxea o Estado. Carecemos das competencias básicas para poder decidir como continuamos ou como mudamos. Mesmo teñen a capacidade de suspendernos a autonomía. Vivimos de prestado e en precario.

Non esquezamos, sen embargo, que os sistemas xurídicos son contextuais, como insiste o profesor Boaventura de Sousa Santos. Son creados e están sustentados por un poder que combina a forza e a lexitimidade. Non hai neutralidade nas normas coma non houbo neutralidade na construción dos Estados-nación. Consideraba Johan Vilhelm Aubert que a lei está inzada dos valores do grupo maioritario e hexemónico e estes valores, legalmente consagrados, son os estimados e protexidos polo lexislador e polo xuíz. Mais cando a lexitimidade se desmorona a forza en exclusiva dificilmente pode soportar o peso do entramado estatal.

"Alegar o imperio da lei coa finalidade de manter inamovíbel a hexemonía española, coa finalidade de impedir a capacidade de decisión das distintas nacións do Estado (...), amosa unha auténtica farsa".

Ademáis constatamos que non, que non lle vale nada ao nacionalismo español. Nin afastamentos pactados coma o da antiga Checoslovaquia; nin referendos coma os de Quebec ou Grenlandia; nin acordos coma o escenificado entre David Cameron e Alex Salmond; nin argumentos coma os da Corte Suprema de Canadá ou da Corte Internacional de Xustiza sobre a independencia de Kosovo.  Sempre a mesma resposta: trátase de casos diferentes. Evidentemente! Xa o sabemos! Cada caso é diferente e até aí entendemos. Tamén entre todas estas situacións existe diversidade. Cando nos referimos a esta casuística é para loubar a civilidade dos procesos e dos procedementos artellados encol de conflitos nos que o respecto mutuo supón a garantía dunha futura convivencia pacífica. Alegar o imperio da lei coa finalidade de manter inamovíbel a hexemonía española, coa finalidade de impedir a capacidade de decisión das distintas nacións do Estado, coa finalidade de negarnos a existencia como pobos diferenciados, coa finalidade de imposibilitarnos unha construción nacional en liberdade e igualdade, amosa unha auténtica farsa. Pois logo que non veñan con chambonadas do seu imperio da lei. 

Comentarios