venres 18/06/21

Illa de Toralla: burla e desposuimento

Fronte da magnífica praia do Vao, en Vigo, achase un fermoso illote dunhas dez hectáreas ocupado e urbanizado, por mor da especulación inmobiliaria dos anos 60 do pasado século, con 34 chalés e unha mole de 70 metros de altura, que converteu a illa de Toralla nunha urbanización privada e nun espazo reservado para privilexiados. Algunhas parcelas foron estendendo os seus lindes, muros e cancelas até practicamente á ribeira do mar, nunha zona legalmente reservada ao dominio público marítimo-terrestre. Na illa dormen un castro fortificado e unha necrópole tardo romana, silandeiros e soterrados baixo o peso do diñeiro sen escrúpulos que desde séculos foi cercando e saqueando o público e o común, aquí e acolá.

O Bispado de Tui foi antigo dono da illa que pasou, na desamortización, a mans de Francisco Javier Martínez Enríquez, Marqués de Valladares. A primeira inscrición rexistral data do catro de xullo de 1895 a nome de Enrique Lameiro Sarachaga, industrial que tiña arrendada a illa e que a mercou a María Dolores Elduayen Martínez, sobriña e herdeira do marqués. En outubro de 1910 foi vendida ao rico indiano, regresado da Arxentina e socio fundador da Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo, Martín Echegaray Olañeta. En 1965, os herdeiros deste último formalizaron a venda ao matrimonio formado por José Manuel Kowalski Fernández e Mercedes Peyrona Díez de Güemes. No mesmo ano, José Manuel Kowalski e os irmáns Guillermo e Ramiro Vázquez Lorenzo, constituíron a compañía mercantil Toralla, S.A. responsábel da abordaxe inmobiliaria actual e cunha concesión sobre a illa até o ano 2064.

Como acontece con tantas outras normas, a Lei de Costas semella docificarse cando se tratar de xente adiñeirada. A ver! Alén de prescribir a necesaria realización dun deslinde do dominio público marítimo-terrestre, a Lei estabelece unha zona de servidume de protección, que afecta aos terreos particulares colindantes co dominio público, e que implica unha serie importante de limitacións á propiedade nos mesmos. Entre estas cabe salientar a servidume de tránsito, que é unha franxa dun mínimo de seis metros de ancho medidos desde o límite interior da ribeira do mar, onde está prohibido construír e que ten que permanecer permanentemente libre e despexada para uso público peatonal e de vehículos de vixilancia e salvamento. Tamén, por lóxica e por lei, hai que permitir o acceso peatonal público para que calquera cidadán poida achegarse a ese litoral que as parcelas privadas foron ocupando con xardíns e valados.

En calquera paseante agroma un sentimento de carraxe cando chegamos á barreira levadiza, custodiada por unha caseta de control e por un garda de seguridade, que nos impide o paso a un lugar que debería ser accesíbel para o lecer de todas e todos. Comprobamos, unha outra vez, como se tolera ou se sanciona dependendo do estatus social ou dos apelidos que figuran nas tarxetas bancarias. Como se permite a apropiación e mercantilización de cada vez máis amplos ámbitos da natureza e da sociedade en prexuízo das maiorías sociais e como os ocupas de alto estanding gozan de amparo institucional. E todo con esa normalidade e impunidade a que nos ten afeitos a impronta de moitos anos de franquismo e dunha democracia low cost ao servizo dos ben acomodados.

Consentir ou permitir as ocupacións privadas dos espazos públicos implica padecer a humillación de ser saqueados e desposuídos do común, aceptar limitacións inaceptábeis ao exercicio pleno dos dereitos de cidadanía e dar un aval á condición de súbditos que se nos quere impor. E delegar ou agardar pola actuación dunhas Administracións, que ou ben dan mostras de sorprendente pasividade ou son abertamente cómplices cos beneficiarios das apropiacións públicas, supón unha renuncia ao dereito de participación. A dignidade cidadá precisa facerse visíbel, tomar protagonismo e mobilizarse contra as aldraxes; loitar a prol da recuperación e conquista do espazo público. De feito, foi a teimuda e valente mobilización pola devolución ao pobo do Pazo de Meirás a que conseguiu pór fin a unha historia de vergoña. A democracia non se constrúe con escaparates ou espectáculos de luces.

Illa de Toralla: burla e desposuimento
comentarios