martes 15/06/21

Esencialismos e pos-verdades

No asunto da identidade o nacionalismo español vive nun réxime de pos-verdade onde a realidade está a ser deliberadamente deturpada e manipulada; está instalado nun modo de razón cínica que procura suplantar esa mesma realidade creando un relato alternativo que prescinde descaradamente da racionalidade e da razoabilidade. Vive, tamén, nunha construción monolítica e excluínte que rexeita non só a comprensión senón a mesma aceptación doutras ideas e identificacións. Está pechado nunha dinámica obsesiva na que non parecen importar os entullos verquidos sobre a propia democracia ou a provocación dunha atmosfera irrespirábel para a deliberación e a participación políticas.

Para o integrismo español, o desexábel sería que nada se cuestionase; que a conformidade e a submisión fosen a pauta de convivencia e de normalidade

En dous breves ensaios, Verdade e política e A mentira en política, Hannah Arendt perfilara os trazos do que é a nova mentira política moderna. Se a mentira tradicional procuraba agachar ou enmascarar secretos ou intencións ocultas, evitando o coñecemento de determinados feitos, a mentira política moderna ocúpase de reescribir cousas que están á vista de todos. Trátase, xa que logo, de despregar un dispositivo falsificador e destrutor sobre unha realidade coñecida e significativa; o obxectivo consiste en que a comunidade se implique na mentira, orquestrando un engano organizado e xeneralizado. Pois ben, no referido ao asunto nacional-identitario español, non se precisa abesourar moito para se decatar de como se están a sacrificar no altar da unidade fundamentalista tanto a verdade como a cerna do que constitúen as solucións políticas e democráticas.

No reino de España, e facendo parte de toda esa toxicidade, a inversión dos roles ocupa un lugar salientábel. Mediante esta trampa, cúlpase á parte máis feble e subalternizada, a esa que non dispón dos medios e instrumentos de soberanía, da causación de todos os males. Porque, para o integrismo español, o desexábel sería que nada se cuestionase; que a conformidade e a submisión fosen a pauta de convivencia e de normalidade. Así, a demanda sensata de mudanzas acaba cualificada coma un desafío, unha deslealdade ou unha agresión intolerábel por parte dos que consideran deberían estar agradecidos e orgullosos de participar nunha España que se presenta coma un proxecto primordial de destino no universal.

Esa postura supremacista, enchoupada dun paternalismo totalitario e asfixiante, remata xustificando todo tipo de medidas disciplinarias e exemplarizantes. O legal, o xudicial e o institucional son convertidos en instrumentos ao servizo da intocabilidade da idea de nación esencial, onde as garantías substantivas e procesuais acaban sendo un decorado no escaparate da aparencia de lexitimidade. De nada importan as resolucións e os correctivos de institucións ou de organismos internacionais; estes preséntanse como inxerencias internas, ataques á soberanía ou humillacións nacionais. Daquela, a apelación ao emocional dispensa da crítica e da análise, permitindo situarse coma vítimas dunha confabulación contra o español, e que tan trillada foi durante a ditadura.

Esa postura supremacista, enchoupada dun paternalismo totalitario e asfixiante, remata xustificando todo tipo de medidas disciplinarias e exemplarizantes

En todo este artificio de exaltación identitaria, a fineza da indagación na procura de solucións xurídicas e de lecturas abertas, flexíbeis e innovadoras, é substituída polo recurso ao dogma e á contestación simplista e fosilizada. Os estudos, análises e propostas a respeito de como, nun estado de dereito, caben múltiples posibilidades de arranxar os conflitos territoriais son ignorados, silenciados e afastados do debate público. As respostas dadas a esa problemática en países da nosa contorna son infravaloradas, desconsideradas e invalidadas. A incuestionabilidade e a inmodificabilidade semellan ser os atributos de certas normas que son convertidas en expresión de lei natural e acusados de traidores, sediciosos e sacrílegos quen ousan disentir.

Mais toda esta lameira formouse con toda a poeira levantada durante anos de renuncia intelectual, de renuncia á unha ruptura democrática, de renuncia ao recoñecemento da pluralidade nacional e de renuncia á limpar de autoritarismo as institucións. Un esperpento!

comentarios