Opinión

Sobre desafíos e fracturas sociais

Dous termos están a protagonizar as cabeceiras das novas nos medios de comunicación así...


Dous termos están a protagonizar as cabeceiras das novas nos medios de comunicación así coma as intervencios dos líderes políticos do identitarismo español acerca da saúdabel arela de soberanía que o pobo de Catalunya reclama: desafío e fractura social.

"O desafiado, titor vixiante, considera indigno ao desafiante por buscar a emancipación que é percibida coma un reto á súa natural superioridade. Por que andar a procurar fóra, o que esta gran nación española ofrece?"

Desafío soberanista, independentista ou nacionalista; desafío! Non resulta difícil desvelar a connotación pretendidamente despreciativa que tal uso implica no contexto empregado. España é a patria común, a unidade de destino, a que nos da unha Constitución, a que nos civiliza, é a nación que mereceu ser Estado e a que dispón dos mecanismos de poder. O desafiado, titor vixiante, considera indigno ao desafiante por buscar a emancipación que é percibida coma un reto á súa natural superioridade. Por que andar a procurar fóra, o que esta gran nación española ofrece? Así, ser desafiado consiste en ser cuestionado co obxectivo de ser derrotado e desposuído. Non se entende, nin se quere entender, que un pobo pretenda vivir  e construirse coa mesma soberanía que os outros predican exclusivamente para si. Seica é aquí onde máis se amosa a face paranoide desa mentalidade colonial que o nacionalismo identitario español agacha. 

O abusón de patio, o macarra de bairro, pensan que todos os desafían cando, na meirande parte das veces, o que o resto pretende é non dar con eles. Porén nós non desafiamos a ningún pobo, nin a ningunha nación. Loitamos para ter a capacidade de decidir dispoñendo da pouca ou moita soberanía que quen nola nega ten. Afondamos na democracia porque procuramos a convivencia en igualdade. Cremos no dereito de autodeterminación e na capacidade dos pobos para se autogobernaren.

"Quen provoca a fractura? Estar unidos pola forza non é unión libre é imposición"

Fractura social, división. Mais, quen provoca a fractura? Estar unidos pola forza non é unión libre é imposición. Só os españois teñen dereito a se sentiren fracturados, as demáis identidades non importan. Se un pobo, maioritariamente, quere ser escoitado, que se teña en conta o seu parecer e se lle denega esta posibilidade, a fractura social , desculpen, provén de quen o considera un incapacitado.

Mais cantas dificultades teñen os españois, da dereita á esquerda, para entender que os outros queiran dirixir as propias vidas. Cando Francisco Frutos, ex secretario xeral do PCE, escribía hai tres meses en Mundo Obrero que o nacionalismo é unha reacción do mundo máis rural e primitivo fronte ao desenvolvemento urbano, técnico, laboral e social; ou un sentimento que recolle o máis primario da sociedade rural; ou unha especie de nova fe, que parte da vella superstición, alén da falta de rigor na análise do fenómeno en cuestión non quere recoñecer, aínda que o sabe, que hai nacionalismos dominantes e nacionalismos de resistencia; nacionalismos que procuran manterse sobre pobos e nacionalismos que buscan libertalos. Cando atribúe a todo o nacionalismo catalán os calificativos de mentirosos e manipuladores soeces está a súar a rancia bile españoleira en comandita co rancio discurso da dereita dos valores eternos.

"Cando atribúe a todo o nacionalismo catalán os calificativos de mentirosos e manipuladores soeces está a súar a rancia bile españoleira en comandita co rancio discurso da dereita dos valores eternos"

O nacionalismo sempre o soubo, sempre se decatou de que sen forzas propias un país non ten futuro. Hoxe resulta unha tarefa de urxencia, constatada polos movementos altermundistas, a recuperación do poder político, a recuperación de procesos e procedementos democráticos, nun mundo no que a democracia está sendo secuestrada por decisión do poder económico. O capital está, cada vez máis, sustraído ao control das institucións políticas chegando, así mesmo,  a colonizar os procesos de produción xurídica. 

Cada día temos un exemplo. E aquí os nacionalistas somos moi incómodos para o proxecto de acumulación e concentración do capital. Sabemos que canto máis alonxados estean os centros de decisión máis indefensos estamos todos e mellor se nos domina. Sabemos que canto máis cedamos na homoxeneización e estandarización menos posibilidades teremos de opór resistencia. E, sobre todo, sabemos que a democracia e a rexeneración no Estado español non darán chegado sen, entre outros, o dereito das nacións que o configuran a decidir o seu futuro.