Opinión

O dereito a decidir e a dupla vara de medir

O recente referendo en Crimea, sobre a secesión de Ucraína e a incorporación á Federación Rusa, ten provocado unha serie de reaccións adversas por parte dalgúns dirixentes das potencias occidentais que chegaron mesmo á ameazar con represalias de diferente signo. Non me vou centrar na análise dos evidentes intereses de corte imperialista que subxacen no conflito fabricado en Ucraína, intereses que levan a permitir a incorporación de nazis en postos de goberno e de alta responsabilidade na administración do aparato de Estado. 

O recente referendo en Crimea, sobre a secesión de Ucraína e a incorporación á Federación Rusa, ten provocado unha serie de reaccións adversas por parte dalgúns dirixentes das potencias occidentais que chegaron mesmo á ameazar con represalias de diferente signo. Non me vou centrar na análise dos evidentes intereses de corte imperialista que subxacen no conflito fabricado en Ucraína, intereses que levan a permitir a incorporación de nazis en postos de goberno e de alta responsabilidade na administración do aparato de Estado. Intereses que tamén amosan rivalidades dentro do bloque abandeirado polos Estados Unidos e que se teñen manifestado caicaturescamente no malestar producido polos comentarios realizados pola política estadounidense Vitoria Nuland, adxunta á secretaría de estado para Europa, ao embaixador dos EEUU en Ucraína e nos que deixaba patente a desconsideración cos seus aliados ao usar expresións como a de “que se foda Europa”. Hai xa excelentes artigos e estudos sobre estes acontecementos e pouco podería eu aportar.

"Cando un pobo decide, xa sexa a través dunha consulta xa sexa por medio de declaración dos seus lexítimos representantes no caso de se ver impedido á realización de aquela, a incorporación a outro país estaría amparada pola legalidade internacional"

Mais si considero que cómpre rebatir  un par de argumentos ad hoc elaborado para a ocasión, e precisamente por isto faltos de rigor, falaces e interesados, que chegan a malinterpretar intencionada e maliciosamente aspectos fundamentais do dereito de autodeterminación. Nesta xeira de declaracións e opinións chegouse a cuestionar a legalidade da secesión co incorrecto argumento de que a mesma remataba coa anexión a outro Estado e a cuestionar, así mesmo, a legalidade da celebración dun referendo por contravir a Constitución do Estado de orixe.

Con respecto á primeira das razóns esgrimidas é preciso constatar a diferenza entre anexión e integración. A anexión prodúcese cando un Estado se apodera dun territorio soberano ou de parte de territorio doutro Estado. Mais cando un pobo decide, xa sexa a través dunha consulta xa sexa por medio de declaración dos seus lexítimos representantes no caso de se ver impedido á realización de aquela, a incorporación a outro país estaría amparada pola legalidade internacional. O dereito de autodeterminación non consiste exclusivamente na proclamación dun Estado independente. A Resolución 2625 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas relativa á declaración sobre os principios de dereito internacional referentes ás relacións de amizade e cooperación entre os Estados en conformidade coa Carta das Nacións Unidas, describe nidiamente o contido do dereito de libre determinación. Consonte dita resolución “o estabelecemento dun Estado soberano e independente, a libre asociación ou integración nun Estado independente ou a adquisición de calquera outra condición política libremente decidida por un pobo constitúen xeitos do exercicio do dereito de libre determinación dese pobo”. Así podemos constatar que a incorporación a outro Estado é unha opción, entre outras, que un pobo pode elixir para desenvolver o seu futuro facendo parte do contido deste dereito.

"A Corte de Xustiza confirmou que a declaración de independencia non é un acto contrario ao dereito internacional e que, de ser respectuosa cos procedementos democráticos, prevalece sobre as regras do Estado implicado".

No referido á ilegalidade dun referendo secesionista, por contravención da Constitución, cómpre lembrar o acontecido en Kosovo e o pronunciamento da Corte Internacional de Xustiza. Cando, o 17 de febreiro de 2008, o Parlamento de Kosovo declarou unilateralmente a secesión de Serbia estaba a enfrontar claramente a Constitución. Isto non impediu un masivo recoñecemento internacional e a Asemblea Xeral das Nacións Unidas remitiu, a petición Serbia, unha consulta ao devandito Tribunal. A Corte de Xustiza confirmou que a declaración de independencia non é un acto contrario ao dereito internacional e que, de ser respectuosa cos procedementos democráticos, prevalece sobre as regras do Estado implicado. A propia resolución admite que os representantes lexítimos do pobo kosovar non violaron un marco constitucional xa que deixaron de actuar coma órganos do Estado para se converter eles mesmos nun poder constituínte. Tan claro e evidente como que esta é a impronta xurídica de practicamente todas as independencias desde a declaración de Filadelfia.

Tema diferente ao da legalidade e lexitimidade dos procesos soberanistas é o da hipocresía internacional que, dependendo de quen se veña sendo ou de a quen lle beneficie, é dicir, dependendo da cabida na lóxica do imperialismo, se recoñecen obstaculizan, favorecen ou impiden estes  procesos. Porén a loita dos pobos pola soberanía é imparábel; a loita polo recoñecemento das identidades nacionais non vai minguar coa globalización, ao contrario. En 1990 a ONU tiña 159 membros, arestora son 193.

Comentarios