martes 15/06/21

A dereita e a liberdade

Presenciar o espectáculo desa dereita requintada reclamando liberdade é como asistir a unha representación grotesca na que a farsa, a impostura e a ruindade son expresión obscena da exaltación egoista do privilexio. Certo que non é nada novo; é habitual ver aos seus actores, desvergoñados e alporizados, berrar liberdade contra a xustiza, contra a igualdade, contra o común e contra a dignidade. Vímolos soster fascismos, loubar ditaduras sanguentas e apelar a golpes de Estado contra gobernos populares. E vémolos, decote, bulrarse da pobreza mentres piden orde, seguridade e man dura contra as demandas dos máis desfavorecidos. Por isto as súas manifestacións, nos lindes do exibicionista e do bufonesco, escenificadas en plena crise social e sanitaria como a actual, non poden agachar o substrato tráxico sobre o que fundamentan o seu ideario vital e social.

A dereita ondea sen pudor o discurso da liberdade para manter intocábel a súa supremacía ideolóxica e económica, respondendo alarmada perante calquera sinal de ameaza á súa posición de privilexio e de inmunidade. Tinxen de liberdade unha cosmovisión que demoniza o social e a democracia, responsabilizando aos individuos das privacións e das carencias que padecen. Son a expresión dunha cultura de clase, raza e xénero que reproduce o poder e a estratificación, por eles e para eles producida, e que utiliza a liberdade para que o clasismo, o racismo, a xenofobia, o machismo e a homofobia permanezan impunes. Son os portavoces dunha racionalidade e gobernamentalidade neoliberais posta ao servizo da desintegración dos vínculos sociais e os predicadores dunha moral tradicional que serve como instrumento disciplinario.

Do mesmo xeito que detestan a liberdade para a maioría, procuran que a democracia fique reducida a un modelo de ampliación do mercado e de incremento dos beneficios sometendo, así, toda a vida política e social aos ditados da economía. Non só desconfían da democracia senón que arremeten contra a mesma cando detectan algunha tentativa de xustiza social, de redistribución ou de igualitarismo, freando calquera avance cara a relacións máis humanas e solidarias. Reclaman liberdade, si, pero para ocupar e apropiarse de todo canto espazo poidan abranguer sen que nada se  opoña á súa cobiza. A súa idea de liberdade desenvólvese nun conto de neodarwinismo social cuxo desenlace, dramático e previsto, remata co triunfo dos máis fortes e dos mellor adaptados.

A dereita ondea sen pudor o discurso da liberdade para manter intocábel a súa supremacía ideolóxica e tamén a económica

Sen nengún tipo de escrúpulo, esa vella arela da humanidade, ese anceio de emancipación e de superación que é a liberdade, vese deturpado e ridiculizado na tarxeta de presentación de todo este alarde de cinismo. Cinismo que afortala un tipo de sociedade no que a inmensa maioría continúa afastada das condicións de vida que permiten, precisamente, exercer a liberdade. Mais se a liberdade resulta tan valiosa é porque nos permite realizar proxectos cos que levar vidas satisfactorias. Eu escribo, desenvolvo afeccións e vivo non para ser libre senón que valoro e quero a liberdade para poder facelo. Pola contra, o que quere a dereita é impunidade para dominar, para someter, para limitar as posibilidades da maioría. A liberdade da dereita é a liberdade para posuir en exclusiva e excluir desposuindo.

Sen embargo, o soño da liberdade é o soño de estar libres da desesperación da pobreza e da precariedade; ser libres do medo a ficar sen protección social perante as continxencias da vida; estar libres do desamparo por non tener traballo ou vivienda. Liberdade é, tamén, liberdade para realizar a nosa orientación sexual; liberdade para elixir como e con quen vivir; liberdade para  unha vida sen a agonía de ter que sobrevivir sen recursos e sen oportunidades; liberdade para o lecer; liberdade para non ter que emigrar por mor da miseria; liberdade para decidir o presente e o futuro do propio pobo.

Como moi ben apontara Michael Walzer, esa concepción antisocial da liberdade está pensada para liberarse dos semellantes e renegar da comunidade, procurando unicamente a autoafirmación de si mesmos. A liberdade da dereita non é máis que unha caricatura feita por aqueles para os que  a vinculación emocional coa humanidade ten forma de contrato mercantil.

comentarios