Opinión

Crise e neoliberalismo

O neoliberalismo é a ideoloxía fornecedora da mitoloxía do actual modelo de acumulación capitalista. É, tamén, un conxunto de pautas políticas e económicas produtoras de enormes desigualdades, de perversas disfuncións sociais e de inxustizas intolerábeis. O tipo de Estado que constrúe é abertamente hostil a calquera modelo de protección, colaboración ou solidariedade social. No imaxinario que propaga, o egoísmo, o individualismo e a competencia son as únicas características consideradas valiosas nas relacións entre os seres humanos. Todo o que dificulte a obtención ilimitada de beneficios fica desprestixiado ou excluído do facer social. Nesta proposta suicida, os sistemas de provisión e protección social van sendo liquidados xunto coa apropiación privada dos servizos e das prestacións públicas.

Estamos inmersos nun segundo momento histórico de cercamento e desposuimento dos bens comúns en beneficio das oligarquías e das grandes fortunas, así como nunha creba sen precedentes do moderno e metafórico pacto social. Desposuír a cidadanía dos seus bens e dereitos é un mecanismo que os detentadores do poder e da riqueza utilizan para aumentar, precisamente, o seu poder e o seu capital. E esta estratexia global de privatización dos servizos públicos precisou dun minucioso proceso de manipulación da opinión pública, impoñendo a aceptación pacífica e obediente das desigualdades na distribución de poder, de riqueza e de posicións, a través non só de ideas senón tamén de prácticas coidadosamente deseñadas.

As privatizacións foron apetitosas para un capital, que as aproveitou para medrar mediante a apropiación da riqueza colectiva e a degradación dos dereitos sociais. O público está ameazado porque funciona e porque é moi rendíbel para quen privatiza, nunha reviravolta que muda a dependencia das funcións do Estado pola dependencia das prestacións do mercado. Resulta, pois, manifesto que o capital pretende que a saúde e a asistencia sanitaria deixen de considerarse un dereito universal, garantido polo Estado, para pasar a ser un produto que os individuos poidan mercar. Abonda con fixarse nas presións para liberalizar totalmente os servizos públicos sanitarios, o endurecemento das leis de propiedade intelectual para protexer as multinacionais farmacéuticas ou as resolucións da OMC contrarias a medidas de gobernos defensoras da sanidade pública, nun enfoque deshumanizador que coloca os beneficios por cima da saúde.

Con esa retirada da intervención pública, e o correspondente deterioro do espazo social, estanse a xerar tremendos desaxustes que conducen á desvalorización do concepto de cidadanía como garantía obxectiva e subxectiva da integración dos individuos na sociedade. O panorama resultante deste asalto ao público amosa toda unha serie de consecuencias gravemente lesivas para o conxunto da poboación. Unha é a perda do control social e democrático sobre os servizos públicos, outra o estragamento da calidade dos mesmos. Recortes orzamentarios, deterioro das condicións laborais, precarización e diminución de postos de traballo, flexibilización e inestabilidade laboral, modelos de xestión privada e recortes en salarios e en medidas de seguridade e hixiene están a fomentar a vulnerabilidade dos e das traballadoras dificultando unha prestación profesionalizada e de calidade.

Levamos anos vendo o que acontece e urxe liberarse das ataduras e dos enganos dos que sempre viviron sobre o sacrificio das maiorías

Non, a cidadanía xamais debe estar condicionada pola economía nin os dereitos poden depender do mercado ou dos ingresos da xente. O benestar social non pode depender dunha asistencia altruísta ou de actos de caridade, senón da materialización e da concreción de dereitos que permitan o desenvolvemento dunha vida digna en sociedade. Ter que decidir entre quen vive ou quen morre por falla de recursos, cando hai quen vive na opulencia, non é un dilema senón unha noxenta obscenidade que unha sociedade decente non pode consentir. Cómpre rebelarse para rescatar o que entre todas construímos e evitar o desposuimento dos logros colectivos. É o momento de recuperar o roubado, é o momento de que as persoas manden sobre o mercado!

Comentarios