luns 30/11/20

Compromiso urxente coa nosa cultura

Esta crise está a golpear, con extrema dureza, moitos ámbitos da actividade económica e social e o sector cultural, cando non está baixo a cuberta das grandes plataformas e corporacións multinacionais, áchase nunha situación dramática de dificultades, incertezas e carencias que ameazan con condenar e marxinar arelas, proxectos, artistas e identidades minorizadas. Acontece logo que, en circunstancias adversas, adoitáse focalizar o problema nas culturas maioritarias ou dominantes, que son as que contan coa atención dos medios, recursos e institucións estatais. Mais, pola contra, as culturas dos pobos sen soberanía sitúanse nunha indefensión e desprotección específicas que demandan unha especial atención e protección. Cómpre decatarse de que cada cultura é un sistema de sentido e de significado que se vai creando ao longo do tempo, constituíndo un conxunto de cosmovisións e de prácticas arredor das que os grupos humanos artellamos, comprendemos e regulamos a vida individual e colectiva. Dáse, por estas razóns, un especial deber de lealdade; unha obriga de solidariedade co noso.

Liberdade e xustiza camiñan xuntas na defensa e protección dunha herdanza que debemos preservar, recrear, enriquecer e proxectar no presente e no futuro. Cada cultura, en palabras de Will Kymlicka, non só nos proporciona todo un abano de opcións senón pautas de valor das experiencias que dotan de significación as nosas vidas. No mesmo sentido, Ronald Dworkin lembrábanos, tamén, que debemos protexer a cultura propia cando a súa supervivencia está en perigo. Non serve, pois, apelar a autorregulacións imposíbeis do mercado nin a receitas neoliberais incapaces de garantir a supervivencia dos individuos nin das súas comunidades; receitas que só garanten a continuidade dos privilexiados e dos beneficios que obteñen. Isto sábeno ben os Estados que, como o español, adican grande cantidade de recursos a fomentar e a financiar todas as mostras culturais que fan parte dos seus proxectos nacionalizadores e asimilacionistas. Si, a realidade é que a cultura ten unha evidente dimensión política por moito que se pretenda enmascarar baixo discursos de que todo o pode arranxar o mercado; a cultura é moito máis que un produto comercial.

Isto sábeno ben os Estados que, como o español, adican grande cantidade de recursos a fomentar e a financiar todas as mostras culturais que fan parte dos seus proxectos nacionalizadores e asimilacionistas.

Sabemos ben que deixadas da man da libre competencia, as tendencias do mercado sociocultural acaban por condenar á marxinalidade aquelas expresións culturais con menos recursos políticos e económicos facilitando a imposición de modelos homoxeneizantes e uniformizadores. O empobrecemento do contexto cultural, limitando as posibilidades de elección e de identificación, ven sendo unha consecuencia habitual dese funcionamento incontrolado do mercado. Eis polo que, apoiando a cultura propia, defendemos a diversidade e o pluralismo, que fan parte do exercicio da liberdade e axudan a abordar retos, a apreciar diferenzas e a crear climas de diálogo e contraste. A participación na nosa cultura facilita e posibilita o contexto para exercer a liberdade como individuos e como pobo, aportando e inseríndonos na cultura universal. É, por todo isto, que estamos totalmente lexitimados para demandar e intervir na protección das nosas creacións colectivas como pobo, tanto desde a iniciativa privada coma desde a esixencia institucional.

Penso que nesta protección sitúase a base para entender un cosmopolitismo razoábel e dubido desa liberdade que consiste en deixar esmorecer o construído, imposibilitando poder desenvolverse con normalidade dentro de propia cultura. Invocar á globalización, para agachar a belixerancia co recoñecemento da diversidade, amosa unha verdadeira complicidade cos modelos estatais dominantes e mellor protexidos. Mais é na posibilidade de vivir sen atrancos na propia lingua e cultura onde a liberdade e a xustiza se complementan. Cómpre, xa que logo, un compromiso urxente con todo ese conxunto de expresións e manifestacións literarias, audiovisuais, escénicas, musicais ou plásticas que teñen raíz na nosa lingua, territorio, historia, patrimonio e pertenza colectiva. Cómpre un compromiso decidido, solidario e urxente coa nosa cultura.

Compromiso urxente coa nosa cultura
comentarios