Opinión

Cidadáns do mundo?

“Pode vivir en San Francisco e ter devenceiros irlandeses; non cre que a súa identidade estea comprometida cando aprende español; come nun restaurante chinés; leva roupa feita en Corea; escoita arias de Verdi cantadas por unha princesa maorí nunha equipa de música xaponesa; segue a política ucraniana e practica con técnicas de relaxación budista. É unha criatura da modernidade, conscente de vivir nun mundo composto e nun eu composto.”  

“Pode vivir en San Francisco e ter devenceiros irlandeses; non cre que a súa identidade estea comprometida cando aprende español; come nun restaurante chinés; leva roupa feita en Corea; escoita arias de Verdi cantadas por unha princesa maorí nunha equipa de música xaponesa; segue a política ucraniana e practica con técnicas de relaxación budista. É unha criatura da modernidade, conscente de vivir nun mundo composto e nun eu composto.”   Esta famosa reflexión de Jeremy Waldron sobre a a conformación das novas identidades non deixa de resultar tremendamente atractiva, mesmo fascinante, ao nos trasladar a un universo no que as particularidades fican diluídas para daren paso a mergullarse nunha atmosfera de amplitude infinita, de horizontes sen límites ou de emocións sen fronteiras. Porén non deixa de producir certo desacougo a simplicidade coa que o xurista e filósofo nos amosa un individuo cuxas características  semellan facer parte do plató de rodaxe dun anuncio de produto transcultural.

Cada un dos elementos configuradores da mensaxe anteriormente reflectida é o resultado de séculos de acumulación de sabedoría, de experiencia, de vida comunitaria, de xeracións que transmitiron erros e acertos, de creacións e construcións colectivas. Evidentemente que a identidade non periga por gozar e recoñecer a diversidade, por achegarse a outras perspectivas e visións, por incorporar todo aquilo que os seres humanos comprobamos que nos favorece co paso do tempo. Mais cómpre considerar que a identidade si periga cando se padece a imposición de modelos que impiden o desenvolvemento autónomo ou provocan a desaparición daqueles trazos que se elaboraron e reelaboraron producindo os feitos diferenciais. Non se debe confundir ser espectadores ou consumidores con ser actores ou creadores. A globalidade confunde interesadamente un turista cun viaxeiro para que a fantasía compensatoria ocupe un lugar prominente na cultura do simulacro. 

A identidade nacional desempeña un crucial papel humanizador nun mundo no que se está a procurar o desarraigo co fin de moderar as resistencias fronte á lóxica dos mandatos de mercados e institucións finaceiras mundializadas. A anulación da identidade sempre constituiu un eficaz mecanismo a través da cal se facilita a dominación e a explotación de pobos e clases. Dicía Richard Falk que proxectar un cosmopolitismo visionario como alternativa ao patriotismo nacionalista, sen abordar o reto subversivo que presenta esta globalización dirixida por corporacións e bancos transnacionais, especuladores de divisas e capitalistas de casino é arriscarse a incorrer nunha visión de confusa inocencia. As arelas lexítimas de fornecerse de soberanía non son un xeito de parroquianismo caprichoso. Son unha reclamación para estar nun mundo que se lle nega a moitas nacións e a moitos pobos; para facer parte, precisamente, dese cosmos do que algúns parecen ter a exclusiva de admisión. Cando Sissela Bok comentaba que se non se aprende a apreciar a singularidade das culturas, comezando pola propia, pode ser practicamente imposíbel honrar a singularidade e a humanidade compartidas que tan centrais son  para o ideal cosmopolita está a incidir naquel aspecto tan sinxelo e evidente de que só desde a propia identidade se pode gozar en profundidade das diferenzas. 

Comentarios