Opinión

A chantaxe constitucional

Estase a amosar a face de autoritarismo e intolerancia, da negación do recoñecemento e da pluralidade que define ao identitarismo español. 

Estase a amosar a face de autoritarismo e intolerancia, da negación do recoñecemento e da pluralidade que define ao identitarismo español. Se galegos, cataláns e vascos non podemos votar libremente sobre aspectos fundamentais que nos atinxen coma pobos é precisamente porque se considera que non o somos, que facemos parte dunha nación incuestionábel, que non temos nin debemos ter capacidade decisoria para decidir sobre a construción do noso futuro.

"O recurso, por parte do poder, a invocar a legalidade constitucional acaba sempre nunha trampa tautolóxica: Por qué non podemos decidir por nós mesmos?"

O recurso, por parte do poder, a invocar a legalidade constitucional acaba sempre nunha trampa tautolóxica: Por qué non podemos decidir por nós mesmos? -Porque a Constitución non vos outorga ese dereito. E logo que hai que facer? -Modificar a Constitución? E se os españois non a queren modificar para que nós decidamos? -Pois non podedes decidir. Que camiño nos queda? -Modificar a Constitución, parece que non entendedes! E de certo que non entendemos, porque para calqueira que teña un mínimo de sensibilidade democrática a falta de recoñecemento preséntase sempre en forma indecente.

O filósofo e catedrático de ciencia política Michael J. Sandel lémbranos que as Constitucións están suxeitas ao mesmo cuestionamento que os demáis acordos e que un pobo as ratifique non significa a xustiza do seu contido. Non existe garantía algunha de que ningún contrato social ou convención constituínte, por representativa que for, produza uns termos equitativos para rexir a cooperación social. O consentimento non resulta condición suficiente da obriga moral, e un trato descompensado pode ficar tan lonxe do mutuo beneficio que nin siquera o feito de ser voluntario o redime. E isto sábeo até quen contrata un servizo telefónico.

"Que un dereito, coma o de libre determinación, non veña recoñecido nos textos constitucionais non deslexitima as arelas e pretensións dos pobos e das nacións que pretendan exercelo; máxime cando está recoñecido en numerosos instrumentos internacionais". 

Que un dereito, coma o de libre determinación, non veña recoñecido nos textos constitucionais non deslexitima as arelas e pretensións dos pobos e das nacións que pretendan exercelo; máxime cando está recoñecido en numerosos instrumentos internacionais. A escravitude mantívose en numerosas constitucións , incluída a norteamericana, durante moitos anos; o sufraxio universal; o sufraxio femenino; os dereitos económicos, sociais e culturais tardaron tamén en incorporarse. Significa isto que o custe do seu logro non pagou a pena? Significa que a consecución da soberanía, contravindo a legalidade vixente no seu momento histórico, por multitude de países non é un resultado xusto?

Poder decidir en liberdade, sen inxerencias, as relación que os pobos queren manter entre si é un chanzo máis no avance cara a un mundo no que imperen as relacións de xustiza e solidariedade entre os mesmos. Cando se procura facelo pacífica e domocraticamente a negación é un síntoma da carencia de conviccións auténticas nos procedementos democráticos, da soberbia e da imposición.

Comentarios