Opinión

O asalto aos servizos públicos

Após un período de proteccionismo, debido ás dúas guerras mundiais e á experiencia da Grande Depresión, rexurde a vontade de propiciar o libre comercio eliminando as trabas existentes. E así que a ONU, nunha asemblea en 1947, elaborou unha carta para a creación dunha Organización Internacional do Comercio (OIC) tendente a reducir os aranceis e suprimir a discriminación no comercio. 

Após un período de proteccionismo, debido ás dúas guerras mundiais e á experiencia da Grande Depresión, rexurde a vontade de propiciar o libre comercio eliminando as trabas existentes. E así que a ONU, nunha asemblea en 1947, elaborou unha carta para a creación dunha Organización Internacional do Comercio (OIC) tendente a reducir os aranceis e suprimir a discriminación no comercio. Esta carta non chegou a ser ratificada polo número requerido de países porén, en 1948, estabeleceuse o Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio (GATT) que asumiu a meirande parte das funcións que estaban previstas na frustrada OIC. 

"O obxectivo consiste en convencer á cidadanía de que o sector privado é máis eficiente e menos costoso na prestación de servizos que o sector público; que a Administración pública debe ser mínima, xa que supón un despilfarro"

Se ben este acordo ocupábase fundamentalmente do comercio de mercadorías, a comprobación do enorme volume que, co paso do tempo, ía acadando o sector terciario co conseguinte fornecemento de servizos de todo tipo tales coma os financeiros, culturais, de lecer, educativos, de saúde , asistenciais, etc, estimula ao gran capital a introducir na súa axenda o asalto aos mesmos. 

Así, nesta liña, o proceso acelerado de desmantelamento e privatización dos servizos públicos ten a súa orixe na creación da Organización Mundial de Comercio (OMC) e no Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos ( AXCS ou GATS), en 1995, que persiguen a liberalización progresiva de todos os servizos para o comercio internacional. Un dos trazos rechamante deste acordo é o de non definir con nitidez o que se entende por servizo o que trae coma consecuencia que a listaxe destes sexa inacabábel, mesmo contemplando aqueles aínda non desenvolvidos ou imaxinados.

Como moitos destes servizos son, ou eran, de titularidade pública, froito das antigas medidas de benestar e protección social, considérase preciso e urxente a substracción dos mesmos para ser entregados ao dominio ou á xestión de propietarios privados. Neste proceso de apropiación indecente os servizos públicos perden o seu carácter e funcións orixinarias para se converter en instrumentos e medios para a acumulación insaciábel de capital.

Esta estratexia para a privatización dos servizos públicos baséase nun proceso de manipulación ideolóxica da opinión pública que se foi desenvolvendo sistemática, minuciosa e constantemente durante os últimos anos. O obxectivo consiste en convencer á cidadanía de que o sector privado é máis eficiente e menos costoso na prestación de servizos que o sector público; que a Administración pública debe ser mínima, xa que supón un despilfarro; que o Estado non debe intervir en funcións de distribución de rendas e corrección de desigualdade ou que o sector público está sobredimensionado, detraendo recursos que  o libre mercado necesita.

"Nesta voráxine interminábel acabamos de asistir, hai uns días, á publicación da norma pola que se estabelece a obriga de pago que se impón ás bibliotecas por préstamo de obras e que non tardará en facerse extensivo aos lectores"

Mais os resultados evidencian o engano. Por regra xeral os novos operadores privados máis que mellorar o servizo o que procuran son nichos de rápida rendabilidade. Ofrecen prestacións de baixa calidade e unha atención defectuosa á grande masa de consumidores e usuarios, mais devecendo por clientelas de alta solvencia. Suben os prezos indiscriminadamente. Todo este traspaso supón unha enorme precarización do emprego e das condicións retributivas e laborais. En moitas ocasións as privatizacións fan parte de verdadeiros entramados de corrupción. Ao final as clases populares son expropiadas e saqueadas agasallando ás grandes multinacionais con bens e servizos que lles pertencían. E no Estado español aínda resulta mais ofensiva a mentira cando se comproba que a porcentaxe de empregados públicos está por debaixo da media europea; o gasto público en relación ao PIB tamén é moi inferior; a recadación así mesmo é moi inferior á media europea debido aos privilexios das rendas altas e a escaseza deliberada de recursos na persecución do fraude fiscal. 

Nesta voráxine interminábel acabamos de asistir, hai uns días, á publicación da norma pola que se estabelece a obriga de pago que se impón ás bibliotecas por préstamo de obras e que non tardará en facerse extensivo aos lectores. Sen obviar as consecuencias que se derivarán do Acordo Transatlántico sobre o Comercio e Inversión entre Estados Unidos e a Unión Europea, negociado en secreto, que implicarán a devaluación ou a eliminación dos mecanismos para a protección dos consumidores e usuarios, a protección do medio ambiente e da saúde e a inmunidade e impunidade das grandes corporacións multinacionais mentres os poderes públicos van sendo valeirados das escasas prerrogativas de control.

Comentarios