Opinión

Antitaurino? Si, con teimosía

Agora que se achega a época estival de touradas na España, e con ridículas imitacións no noso país,  gostaría de expresar dous sentimentos que me levan a ser radicalmente antitaurino. O primeiro é porque fago parte dunha nación na que se pretende introducir unha tradición allea presentada coma estandarte da cultura “nacional” dominante. O segundo porque coincido cos valores aportados pola Ilustración, e para os que a provocación do sufrimento gratuito repugna á moral.

Agora que se achega a época estival de touradas na España, e con ridículas imitacións no noso país,  gostaría de expresar dous sentimentos que me levan a ser radicalmente antitaurino. O primeiro é porque fago parte dunha nación na que se pretende introducir unha tradición allea presentada coma estandarte da cultura “nacional” dominante. O segundo porque coincido cos valores aportados pola Ilustración, e para os que a provocación do sufrimento gratuito repugna á moral.

"Acusar aos antitaurinos de antiespañois fai parte da lóxica e da concepción que da nación ten o rancio identitarismo español"

Con respecto ao como e ao porqué a celebración taurina se constitúe en elemento representativo de España recomendo a excelente colaboración de Rafael Núñez Florencio, titulada “Los toros, fiesta nacional” no libro compilatorio de Javier Moreno Luzón e Xosé M. Nuñez, “Ser españoles. Imaginarios nacionalistas en el siglo XX”. No devandito traballo o autor guíanos ao longo dun proceso complexo no que, fronte a un rexeitamento das elites ilustradas, as elites liberais decimonónicas irán incorporando, con avanzos e retrocesos, este espectáculo de masas e de adhesión popular para  acomodalo coma un elemento nacionalizador.

Nesta secuencia de reconversión será desde comezos da pasada centuria cando a calificación e valoración de festa nacional se configure xa como unha cuestión de fondo. A converxencia dos touros e do español virá tendo unha presenza constante na arte, literatura, ensaio e pensamento do pasado século. Os touros pasan a ser expresión do ser nacional, a sombra que proxecta  a esencia da nación. Elabórase un discurso que acha nas touradas a peculiaridade española por excelencia e no que artistas e intelectuais brindan un apoio entusiasta a este festexo que, así, ficou abenzoado e prestixiado culturalmente e instrumentalizado politicamente. 

Ao igual que outros elementos simbólicos, con función españolizadora, resulta perfectamente comprensíbel a belixerancia do españolismo por preservar esta  representación así como de difundir toda a parafernalia e iconografía que a acompaña. Acusar aos antitaurinos de antiespañois fai parte da lóxica e da concepción que da nación ten o rancio identitarismo español. Que para este “ser español” as touradas merecen tanto ou máis esforzo político que outros asuntos estámolo a ver en que se gasta máis en promoción dos touros que en previr a violencia de xénero ou na conmoción que supuxo  o abolicionismo en Catalunya. E para detalle ilustrativo aquela entrevista que o xornal La Vanguardia fixo, en 1999, a Francisco Javier Elorza Cavengt cando fora embaixador extraordinario perante a UE. Nesta, o diplomático gabábase de traballar por igual tanto para lograr fondos de cohesión como para blindar as touradas en Europa. Relata as ceas que tivo que pagar e as estrataxemas que tivo que urdir para ao final acadar a tolerancia e a pemisividade do festexo por parte das autoridades comunitarias.

"O pracer e a dor, a capacidade de gozar ou sufrir son datos relevantes para guiar as decisións morais, o que daría lugar a que teñamos en consideración a seres vivos doutra especie con capacidade para padecer". 

Mais tamén fago miña a voz e a protesta dos membros dos movementos animalistas que amosan as súas reivindicacións coma parte dun proceso de evolución histórica nas preocupacións éticas das sociedades contemporáneas; e de certo que abondan as razóns xa desde Kant ou Rousseau, para rexeitar o maltrato animal. Tratarei de condensar as variadas e numerosas que un xurista, como Angel Pelayo González-Torre, nos ofrece.

O pracer e a dor, a capacidade de gozar ou sufrir son datos relevantes para guiar as decisións morais, o que daría lugar a que teñamos en consideración a seres vivos doutra especie con capacidade para padecer. Así o respecto face ao mundo natural tense de considerar un medio para contribuír á mellora moral dos seres humanos, unha fase significativa no desenvolvemento ético da nosa especie. A crueldade, a violencia gratuita, o ensañamento cos animais produce efectos perniciosos na relación dos seres humanos co resto do mundo natural. Parece claro que existe un deber moral de evitar o sufrimento innecesario aos animais non humanos, e non por seren racionais senón por seren sensibeis; así as criaturas racionais deberíamos procurar o menor padecemento posíbel daqueles. 

A nível de protección xurídica, e aínda que os ordenamentos están construídos sobre a base das nosas características humanas, poden xustificarse solucións de protección e de prohibición de comportamentos de crueldade cos animais sen necesidade de recurrir á consideración destes coma titulares de dereitos, aspecto arestora moi controvertido.

Non hai obxección xurídica para que os animais sexan beneficiarios de deberes xurídicos, en base a proscripción de comportamentos crueis e a unha saúdabel preocupación ecolóxica. Aquí o peso das relacións xurídicas está na propia obrigatoriedade e na persoa do obrigado, sendo o resto dos seres vivos obxecto desta conduta e non suxeitos; isto posibilita unha plasmación xurídica que arbitre cada vez máis amplos e eficaces mecanismos de protección da natureza en xeral e dos seres vivos en particular.

Comentarios