Opinión

Nacionalismo banal e nova política

Ás veces, que un libro significativo tarde case vinte anos en ser traducido ten cousas boas, como a oportunidade histórica.

Ás veces, que un libro significativo tarde case vinte anos en ser traducido ten cousas boas, como a oportunidade histórica. É o caso de Nacionalismo banal, de Michael Billig, publicado orixinalmente en inglés en 1995 e en tradución ao español por primeira vez este ano, da man da editorial Capitán Swing. O libro de Billig foi no seu día, e segue a ser, unha das propostas máis influentes sobre como pensar o nacionalismo, non como o exercicio de reclamacións políticas de carácter territorial –estatal ou non– senón tamén como un paradigma predominante, unha episteme, tan difundida polo poder e asimilada polas sociedades no día a día que se tornou invisible mesmo a ollos críticos.

"As diferentes manifestacións prácticas da Nova Política semellan partillar unha gramática e vocabulario comúns, que pasan polo recurso insistente de termos relacionados coas ideas de creba, o derrube e o colapso por unha parte, así como as ideas do novo, o inédito e o transformador pola outra".

A idea do nacionalismo banal vense aplicando con proveito en estudos sociolóxicos e discursivos sobre nacións e nacionalismos dende entón. Parte da valía da proposta de Billig radica no feito de o sociólogo ter sido quen de poñerlle nome a algo que ficaba persistentemente sen teorizar nos estudos clásicos sobre nacións e nacionalismos (Gellner, Giddens, Smith): aquela forma case imperceptible de practicar o nacionalismo que teñen os aparatos institucionais e culturais das nacións-estado consolidadas. Mais o seu libro constituíu tamén unha chamada de atención á razón académica, incardinada na perspectiva de só percibir nacionalismo nas prácticas alleas, así como unha verdadeira caixa de ferramenta para a análise retórica do nacionalismo nas súas manifestacións máis cotiás. Non volo estripo máis, e paso a propoñervos unha aplicación desta idea a certos aspectos da rede de discursos e perspectivas críticas que ultimamente se veñen amoreando baixo a rúbrica de «Nova Política», así, en maiúsculas.

Resistirei o impulso de tentar definir que é a Nova Política, pois trátase dunha tarefa en curso que lle compete ás especialistas. Apuntarei apenas o que xa se está a dicir nas tribunas discursivas emerxentes da mesma (medios diversos como El Diario, Público, La Tuerka ou El Estado Mental a nivel estatal, Luzes na Galiza) e nas publicacións dos seus voceiros e pensadores (Guillem Martínez, Amador Fernández-Savater, entre outros): que baixo o lema de Nova Política conflúen unha serie de modelos de participación política tendentes á horizontalidade e á maior implicación cidadá en asuntos comúns, xurdidos dunha consciencia colectiva da necesidade de ruptura co sistema consensuado na Transición española, acelerada polo empeoramento, constatable a varios niveis, das condicións materiais para o acceso da cidadanía á vida en igualdade. Alén desta definición xenérica, as diferentes manifestacións prácticas da Nova Política semellan partillar unha gramática e vocabulario comúns, que pasan polo recurso insistente de termos relacionados coas ideas de creba, o derrube e o colapso por unha parte, así como as ideas do novo, o inédito e o transformador pola outra. As sinopses do libro Fuera de lugar: Conversaciones entre crisis y transformación, editado por Amador Fernández-Savater, ou Entrementres: Ensaios para unha nova cultura política, editado por Daniel Salgado e Manuel M. Barreiro, son exemplos deste tipo de vocabulario, cuxa funcionalidade, entendo, é a de alimentar a auto-transcendencia dunha praxe política que quere presentarse como á altura dunha oportunidade histórica.

Porén, partindo da premisa de que a proclamación insistente da novidade ten que resultar sospeitosa como mínimo ás historiadoras, gostaría aquí de ofrecer unha primeira lectura crítica dalgúns textos xurdidos ao abeiro da Nova Política a nivel estatal, dende a perspectiva que nos fornece o concepto de nacionalismo banal de Billig. A miña hipótese de partida é sinxela: no marco da política estatal española, o asunto do conflito colonial interno ten actuado como verdadeira pedra de toque coa que distinguir o posible do postergado. Entre os aspectos que nos poden axudar a discernir entre Nova Política e vella política, é que a Nova pronúnciase abertamente consciente deste feito –véxase por exemplo a observación de Guillem Martínez de que «Ellos siguen pulsando la misma tecla de siempre (la que pone ‘ETA’)», en relación aos métodos para a demonización que emprega a vella política para desprestixiar a Nova. Mais, se é certo que a oportunidade é histórica, cómprenos afinar a crítica dos discursos asociados con esta Nova Política a este respecto, aínda que só sexa para que non se nos coen, coma en 1978, aspectos da vella que logo non poderemos expurgar noutros trinta anos.

"Moitos dos discursos estatais xurdidos ao abeiro da Nova Política fican equiparables aos da vella no tocante ao conflito colonial interno librado no estado español moderno"

Coa axuda da noción de «nacionalismo banal» de Michael Billig, argúo que moitos dos discursos estatais xurdidos ao abeiro da Nova Política fican equiparables aos da vella no tocante ao conflito colonial interno librado no estado español moderno, na medida en que fundamentan o seu ángulo de enunciación nun dos principios da chamada Cultura da Transición: a auto-negación da existencia dun nacionalismo estatal español. Dito por outras palabras: ao tempo que se anuncia a caída da cultura do consenso (entendida como o pegamento que mantivo unidos no poder os diferentes axentes do chamado Réxime do 78), ciméntase un dos seus piares básicos: a asignación dunha particular definición estratexicamente devaluada de «nacionalismo» ás periferias, namentres se naturaliza o nacionalismo do estado como o marco razoable para o xogo político, ou mellor aínda, como un marco inexistente.

Lin o artigo «Lo español no existe» do escritor Sergio del Molino, publicado en El Estado Mental (8 Setembro 2014) como unha manifestación particularmente preclara (sería apenas unha provocación?) da conxuntura descrita enriba. Escrito cun espírito fortemente anti-histórico, o artigo incluía declaracións tan dificilmente comprobables como «España no tiene una vena patriótica», para pasar a atribuír o mal do chauvinismo mais burdo (o que se ofende se lle tocan a calidade dos embutidos locais) a «la comarca, la nación autónoma». Mecanismos máis sutís operaban na moi divulgada entrevista que se lles fixo a Guillem Martínez e Amador Fernández-Savater para El Estado Mental (12 Setembro 2014), na súa capacidade de «voces de referencia de esta generación sin tribunas». Aquí, o termo «Expaña» utilizábase como invocación totalizante dun fin de ciclo político, mais o discurso da ruptura volvíase notablemente circunspecto cando a conversa versaba sobre o conflito catalán-español. Para atenuar o discurso da ruptura neste punto, os métodos semellan, un por un, os sinalados por Michael Billig como distintivos do nacionalismo banal: en primeira instancia, aparece o emprego do termo «nacionalista» exclusivamente para referirse ás periferias sub-estatais exaltadas (obsérvase isto, por exemplo, na forma de enmarcar a pregunta o entrevistador: «la complejidad nuestra [...] se complica por la cuestión nacionalista, una visión simplona, a mi parecer, de entender la realidad»). Logo, opera tamén unha correspondencia sutil entre nacionalismo e sentimento, de xeito que se establece a dicotomía entre estado/centro/razón/consenso e autonomía/periferia/irracionalidade/conflito (outra vez, o entrevistador alega que «El problema es que no es tanto una cuestión territorial o administrativa, sino ese sentimiento de nación históricamente agraviada»). Lábrase así o terreo para referirse ao obxectivo democrático de calquera movemento de liberación nacional perante unha situación de sometemento colonial (a auto-determinación) en termos ridiculistas (Guillem Martínez equipara a cuestión da democracia territorial vasca ou catalá coa da «nación de Murcia que decían en el siglo XIX»), ou como un resultado da pobreza democrática (a entrevista acaba cunha referencia á posibilidade de «separación» como un paso atrás).

 "Dilucidar cal é a postura dalgunhas propostas asociadas á Nova Política con respecto ao conflito colonial interno no Estado español será parte do exercicio crítico que se lles presenta aos pobos do Estado nos vindeiros anos"

Mención máis pormenorizada requiriría o que Michael Billig denomina «the deixis of home» (a deixe da casa) nos discursos da Nova Política estatal: o uso aparentemente instintivo de termos como «los españoles», «España», «la sociedad española», «este país», «nosotros», «nuestro» ou «aquí», que encadran o marco do debate no imaxinario do estado-nación, relegando á invisibilidade unha das premisas básicas do conflito colonial interno do Estado: que nel coexisten en incomodidade histórica, por veces violenta, pobos non españois. Nun acto loable da Nova Política, a mesa redonda organizada por Espazo Público o 23 de Outubro de 2014 para discutir as propostas sobre a organización dos pobos e territorios do Estado español, Marga Ferré (Secretaria de Programas de Izquierda Unida) reparou momentaneamente no seu uso reiterado da expresión «los españoles», e pediu que non se sentise ofendido ningún compañeiro da mesa (entre os que se atopaban representantes de Amaiur e Anova). O marco do debate ficaba deste xeito ligado ao vocabulario do estado-nación e á súa retórica do nacionalismo banal: esa que non se nota dende o centro, mais que relega á invisibilidade aos que, percibíndoa, loitan por deslindarse da súa lóxica homoxeneizadora.

Sen dúbida, dilucidar cal é a postura dalgunhas propostas asociadas á Nova Política con respecto ao conflito colonial interno no Estado español será parte do exercicio crítico que se lles presenta aos pobos do Estado nos vindeiros anos. O obxectivo deste escrito é moito máis conciso: impugnar, en parte, o vocabulario da novidade do que se serven estes discursos coa fin de subirse ao carro que os levará ao outro lado do Réxime do 78, namentres perpetúan a gramática do nacionalismo banal que o propio Réxime do 78 adoptou, perfeccionou e capitalizou politicamente na súa pugna por consolidar a fantasía da harmonía autonómica. A tradución ao español de Nacionalismo banal de Michael Billig chegou xusto a tempo para axudarnos a montar garda perante os novos usos nacionalistas deste novo «nosoutros».

-O artigo apareceu publicado orixinalmente no blog da autora www.postcolonialspain.wordpress.com , Reprodúcese con permiso da autora. 

Comentarios