Opinión

Monterrei, patrimonio público

Parece imposible que na sucesión de escándalos e disparates da nosa clase política aínda haxa noticias que poidan sorprender. Agora sacan un novo coello da chistera, un hotel de luxo no castelo de Monterrei. E neste caso doe máis, porque o castelo forma parte da miña propia paisaxe, da miña vida. As súas pedras dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de ser de Monterrei, non de calquera outro lugar.

Parece imposible que na sucesión de escándalos e disparates da nosa clase política aínda haxa noticias que poidan sorprender. Agora sacan un novo coello da chistera, un hotel de luxo no castelo de Monterrei. E neste caso doe máis, porque o castelo forma parte da miña propia paisaxe, da miña vida. As súas pedras dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de ser de Monterrei, non de calquera outro lugar.

"As súas pedras dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de ser de Monterrei"

Nunha das provincias máis pobres e despoboadas de España esa é a solución dos que mandan desde hai... (desde sempre). Quítanlle a posibilidade de gozar libremente dun espazo único ao pobo, para regalarllo aos que se están enriquecendo coa crise, aos que poden pagar o luxo, e aínda pretenden que aplaudamos. Somos afortunados porque poderemos fisgar os cochazos e o estilo de vida dos novos señores, non como antes, cos condes, que nin se lavaban.

É alucinante que haxa diñeiro público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para coidalo como ben público. Argumentar que facer un hotel é a única maneira de conservar o edificio é unha falacia e deixa en moi mal lugar á Administración, que as autoridades deberían ser as máis interesadas en defender, como máximos representantes da mesma.

A 300 metros do castelo hai xa un parador de turismo, nun emprazamento privilexiado e cunhas instalacións en bo estado. O ano pasado estivo a piques de pechar, aparentemente por falta de clientes. O plan é pechar este parador de tres estrelas e trasladalo ao castelo (repito, a 300 metros), supoño que con cinco estrelas e menos habitacións. Segundo os responsables da desfeita así atraerase a máis xente e aumentarase a oferta hoteleira. Alguén o entende?

"É alucinante que haxa diñeiro público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para coidalo como ben público".

Cales son as razóns que poden facer cunha persoa estea disposta a pagar máis por durmir no castelo, cando no antigo parador podería estar máis tranquilo (sen os fisgóns) e gozar dun fermoso paseo pola fortaleza como calquera mortal? Xa, claro, sempre haberá quen estea disposta a pagar o que sexa porque lle sobran os cartos ou por capricho, pero... serán tantos que xustifiquen os millóns de euros que se prevé investir e o abandono do edificio do antigo parador? Di o alcalde de Monterrei que xa lle buscarán un uso, a iso chámaselle previsión e optimización dos recursos.

Outro dos argumentos que teño lido a favor do hotel é a creación de postos de traballo, imposible de refutar con millóns de parados. Pero é de prever que co parador tamén se trasladen os seus traballadores, así que quizais haberá algún novo contrato (temporal, claro). Pregúntome porque un uso razoable, cultural e turístico, non pode crear os mesmos ou máis postos de traballo.

Na miña opinión o que cómpre facer co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único límite da conservación dos edificios. No propio castelo ou nas casas próximas deberíase situar un museo histórico-etnográfico da comarca (recuperando o patrimonio depositado noutras institucións, como o Misal de Monterrei ou a estatua de Dionisio e Ampelos) que sería un foco de atracción por si mesmo tendo en conta a riqueza do patrimonio cultural da bisbarra (viño e outros cultivos, contrabando, entroido, balnearios, etc.). O importante é que haxa un programa de actividades atractivo e dinámico (por medio dun Padroado ou institución similar) que integre o espazo da acrópole na vida cotiá dos habitantes da comarca e atraia tamén a visitantes doutras latitudes.

"O que cómpre facer co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único límite da conservación dos edificios".

Si algo está claro é a beleza e o interese de Monterrei, un lugar que todo o mundo debería ter a necesidade de visitar, só hai que poñelo en valor, dálo a coñecer. Algo que ata agora non se conseguiu. Campañas efectivas de promoción turística, vinculadas a outros moitos atractivos da zona (non esquezamos Portugal), fomento das visitas escolares e de grupos organizados, creación de rutas artísticas e culturais, impulso do turismo da natureza, programas de axuda para a creación de empresas de ocio e turismo... serían actuacións moito máis beneficiosas para o conxunto dos habitantes. Por que non se realizan?

Privatizar o espazo público coa escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo patrimonio común, os políticos. Se, ao final, se habilita como hotel todos os cidadáns e todas os cidadás, de Monterrei ou de fóra, seremos máis pobres, mesmo os que defenden o cambio de uso.

Comentarios