Opinión

Un carolo de pan en Chernihiv

O cheiro a cascallo e a pólvora mestúrase coa única sopa que hoxe comeu, acompañada cun anaco de pan. As bombas escóitanse nas proximidades de Chernihiv e unha crianza, centos delas, pero neste caso unha de dez anos, non ten máis que interrogantes penduradas nos ollos. Ruslan veu á Galiza en varias ocasións, acollido por persoas que son quen de regalar agarimo e oportunidades. Porque José Manuel e Catalina son desa xente, das que se entregan aos máis febles. 

Lembramos perfectamente o primeiro día que o coñecemos, aínda que as nosas palabras eran case telegráficas: da (si), net (non), spasiba (grazas). A timidez invadíao, mais axiña comezamos a enredar e a facermos o pallaso no Campo da Feira. Ruslan non pasa desapercibido. Pencas no rostro, roibo e cunha forma peculiar de lanzar o balón fai que outros cativos se animen a xogar con el. As gargalladas aínda escorregan polo tobogán. Quizais hoxe soñou con ese tempo ou co xantar que en nadal tivemos todos e no que devoraba sen pausa a empanada de atún. 

Nunha aldea, a 16 km de Snovsk (Schors), un neno esperta no inferno e non pode saír ao campo. Pasan os tanques, escóitanse os disparos e a xélida impotencia, porque isto non é un filme nin unha manipulación informativa de calquera telexornal disque dun mundo civilizado. Na patria dos poderosos só importa a metralla dos cartos. Para eles, a vida resulta un aspecto secundario nos paraísos perdidos, ninguén chora, todo se ve coma un decorado.

Mais no macuto de Ruslan pesan outras cargas, non só o feito de ser un deses nenos afectados por Chernobyl, dos que teñen os "seus problemiñas", pois a "fortuna" levouno a vivir nun orfanato. Na casa non son quen de se facer cargo dos cativos (del e das súas irmás). Entrementres, seica no primeiro mundo podes acadar a nacionalidade española se contas cun bo feixe de billetes para investir en ladrillo (benditas leis as que nos diferencian pola faldriqueira!); e as crianzas, se son menores de 12 anos, non poden ficar de xeito permanente para estudar. 

Hogano, a porcentaxe de mortes civís en Ucraína é catro veces maior ca dos militares; e Snovsk, preto de Bielorrusia, aparece ocupada nun mapa no que resulta difícil trazar un corredor humanitario polo medio da cinsa. O goberno invasor non o facilita, e mellores non son as mentes "pensantes" da OTAN, da USA ou do país ocupado. Iso si, para axudar a este pobo, España –con máis de 600 empresas destinadas a fabricar armamento– envía os seus produtos para prolongar a agonía. Talvez 3.600 millóns de euros xustifican todo e calan bocas! Quizais ignoran que as balas non se comen, que lamentabelmente os fusís non guindan caraveis e que hoxe centos de crianzas igual non teñen a sorte de conseguir unha sopa e un carolo de pan para xantar. Isto non é un patio de butacas e tampouco hai flocos de millo para acompañar a bebida azucrada! Todo amarga coma o fel!

Comentarios