Pepe Rei, de xornalista canalla a bon rapaz

O querido xornalista de Barbantes vai conservar por sempre o mérito de ter soportado a acusación de falsificador das liberdades en beneficio dunha  Reforma Política non tan reformada, ou se preferimos, unha versión acomodada da censura aos intereses do poder

Recoñecer na hora do seu pasamento (Loiola, Donostia,  9 de marzo) que era de seu entrañábel e bon amigo, pouco axuda para explicar até que extremo fixeron da súa persoa un convicto das liberdades ameazadas. Nos últimos meses de 2000 e até ben entrado 2001, Pepe Rei foi obxecto dunha inculpación concertada  de parte do segundo goberno de Aznar e de diarios e emisoras, detido e encarcerado sen sentencia. Cinco ministros proclamaron que estaría mellor encerrado, en nome da seguridade pública, entre eles Mariano Rajoy (Presidencia) e Pío Cabanillas (voceiro do Goberno)  que correspondían a demanda emerxente de Mayor Oreja.

Galindo, Juan Carlos de Borbón e o xuiz televisivo Baltasar Garzón, tres figuras fundamentais da Reforma Política,  gañaran o prefixo  EX por mor do traballo de reporteiro de Pepe Rei.

Ditaba o goberno que o xornalista cargaba a súa información con mentes que transcendían o mero contido da escrita. Prexuízo e vontade de certificar compromisos e obxectivos finais que nin a literalidade da información nin os indicios podía probar. No oficio de facer periódicos, a imputación de intención ruín nunca pasou de ser unha forma de censura. Durante o demorado linchamento de Rei, asistimos a un concerto de sentidos imaxinados para mellor beneficio dos fins dun goberno. Un clamor nunca visto dende os 35 procesos abertos a Manuel Lustres Rivas arredor de 1919 como director do Heraldo de Ourense, un diario perigosamente financiado pola emigración. 

No aquelarre, participaron medios comprometidos co goberno do PP,  e asemade periódicos e cadeas que daquela fachendeaban de independentes e mesmo outros que na suma de seus pronunciamentos editoriais, reivindicaban ideas de esquerda compatíbeis coa invasión do Iraq. O coro de aldraxes recordaba o caso de Alfred Dreyfus, por canto, coma o noso amigo, o oficial manifestamente inocente, atropelado por intereses de Estado na Terceira República, foi ofendido , agredida a súa vida privada, saldado seu medio de vida e restituído ao cabo seu dereito polo convencional privilexio dos gobernos poder finxir que ignoran os resultados de proceder inxustamente.

O sumario dos procesos seguidos contra o reporteiro, é ben ilustrativo. No primeiro, os tribunais declararon a inocencia do acusado e nin sequera o carimbo de absolto por incapacidade de reunir probas pode disimular  a tortura da instrución e o uso do proceso como castigo.

A violación por orde de Bueren dos arquivos da equipa de investigación de Egin, queimaba o secreto de fontes sen que ningún medio de grande alcance reparrase na importancia enorme deste precedente liquidador . A un risco ilegíbel no canto dun papel con notas, Bueren confería virtude de testemuña de información entregada polo reporteiro para a comisión dun delicto. O chasco procesal foi escandaloso. A cadea procesal de Rei sucede con profusa publicidade durante o derradeiro goberno de Felipe González que abre camiño para o peche de Egin polo goberno Aznar en 1998. O propio José María Aznar contesta con este desmando a unha pregunta sobre Egin clausurado. Pero de verdade coidaron que non seriamos quen de pechalo?. Unha declaración que reducía a Audiencia Nacional a unha institución dependente do goberno.

E cais eran, por  ventura, as materias tratadas por Rei nas súas reportaxes ás que cabía apoñer intención criminal? A corrupción do poder público e, nomeadamente, a implicación no comercio de drogas de axentes designados  para combater o tráfico. As revelacións de este traballo foron recusadas polos gobernos de González e Aznar como falsas e publicadas coa intención de atraer atentados sobre os denunciados, mais a propia Audiencia recordoulles que os terroristas non buscan na prensa pois ben saben onde procurar información.  Debemos recordar que a incautación dunha carga de droga en Madrid, publicada en exclusiva  polo diario EL Pais, foi seguida polo asasinato dun dos presuntamente implicados. Claro que neste caso non se inducira conexión ningunha entre publicación e atentado, como recomendaran repetidamente editoriais do propio diario para as informacións de Egin acusadas de apuntar delictos.

Como anota Enrique Acuña no seu interesante traballo Así naceu o xornalismo de investigación en Galicia, publicado en Biosbardia, anos antes  do calvario xudicial que relatamos,  Rei publicou unha obra que no baixo Franquismo retrataba as implicacións criminais do Caso Reace nunha cidade galega. O aporte de datos sobre este suceso é completa e carece de réplica en toda a prensa diaria de Galiza. O autor do traballo recorda con admiración o labor do reporteiro fins dos 70, e nota que a propia información diaria galega ignora que o creador do diario La Voz de Euskadi, a Equipa de Investigación do diario Egin, as revistas Ardi Beltza, Kale Gorría ou a editorial Miatzen, tiña unha interesante biografía como xornalista de investigación en Vigo.

Xa sexa como editor ou reporteiro de investigación, Rei, en plena inquisición sobre o seu traballo na volta do século, editou o libro da xornalista Rebeca Quintáns (Arzúa 1964) Un Rei Golpe a Golpe,  a biografía máis completa de Juan Carlos de Borbón, que foi preciso mercar nas trastendas, a tanto chegaba o temor de acabar participando da sorte do xornalista máis aldraxado nos telexornais.

O outro título máis  vendido da produción editorial de Miatzen foi La Red Galindo, editado a partir das informacións publicadas por Pepe na prensa. As acusacións do libro resultaron ser irreprochábeis e o xeneral Galindo acabou na cadea. Acuña nota que Galindo, Juan Carlos de Borbón e o xuiz televisivo Baltasar Garzón, tres figuras fundamentais da Reforma Política,  gañaran o prefixo  EX por mor do traballo de reporteiro de Pepe Rei.

Rei estaba eivado desde 2001, despois de padecer un grave accidente. Sobre a rareza do suceso, abonda con recordar  que entraba en Donostia en caravana a 50 por hora, no seu utilitario, e foi o único condutor da fila que acabou nun caborco.

Parecía un accidente.

 

Gustavo Luca. Xornalista

Foi correspondente en Galiza de La Voz de Euskadi e colaborador de Ardi Beltza, Kalegorría e Egunkarria.
Publicou Fraga, retrato de un fascista, na editorial  Miatzen