Opinión

Xa chegan os cabezudos

Volve a luz, estiran os días, volvemos a saír á rúa, sen máscaras e con restricións mínimas. Xa  temos ganas de foliada, retómanse os seráns, ruadas, polavilas e festivais. Podemos dicir que imos recuperando a nosa vida de antes da pandemia.

Dentro de moitas desas tradicións que volvemos a recuperar poscovid, volven as danzas relacionadas coas festividades estendidas polo noso país. Podemos dicir que somos unha potencia en Patrimonio Cultural Inmaterial, e unha parte moi grande dese patrimonio son as danzas que temos por toda a nosa xeografía. Pode parecer esaxerada a afirmación de que somos unha potencia, pero e que así o confirma a cantidade de danzas que inda a día de hoxe se interpretan en Galiza. Témolas de todo tipo, relacionadas co ciclo anual, como poden ser as danzas de reis, de entroido ou dos maios; tamén temos danzas relacionadas con festexos relixiosos, como pode ser a danza de espadas de Redondela que se baila coincidindo coa festividade do Corpus; a danza de San Roque do Hío, danza e contradanza de Darbo, e así ata multitude delas.

Pero quero nesta ocasión centrarme nunha desas representacións que teñen un xeito diferencial, e que nos fai especiais, as danzas de xigantes e cabezudos. Son unha tradición común en todo o estado, onde acompañaban a procesión do corpus ou as festividades locais. No noso país existiron en moitas vilas e cidades, onde os cabezudos acompañaban os xigantes e representaban diferentes personaxes que, por parellas, facían diversas figuras e bailes.

Nalgúns lugares do estado español seguen a conservarse estas tradición, por exemplo no San Fermín de Pamplona. As danzas dos seus xigantes son un dos espectáculos centrais da súa celebración, que incluso os miles de turistas que reciben, respectan e admiran.

Na Galiza só se conservan nunha cidade, temos na nosa capital a única comparsa de cabezudos que a día de hoxe segue bailando nas festas da vila. O Rancho de Cabezudos do Concello de Santiago de Compostela mantén viva esa tradición, e baila a día de hoxe un repertorio de bailes populares transmitido o través das crianzas do antigo hospicio.

Foi no ano 1982 cando Anxo Martíns, un dos grandes expertos do noso baile, recuperou esta tradición perdida alá polo 1879. Leva xa máis de 40 anos portando o cabezudo do alcalde, e coreografiando todos os bailes que a comparsa interpreta. Conseguiu escenificar un repertorio de diferentes épocas, que vai dende unha muiñeira, unha xota ou un vals ata un famosísimo pasodobre, a día de hoxe coñecido como pasodobre dos cabezudos, pero que ten como verdadeiro nome 'Os Fuelles'. Xunto con estes ritmos, bailan tamén as pezas de moda do seu momento como a 'Cucaracha' ou o 'Bayón'. Co paso dos anos, esta comparsa é un dos espectáculos fundamentais das festas da Ascensión e do Apóstolo, conseguindo que todas as xeracións de compostelás desfruten e sintan auténtica admiración por estas máscaras. A xente miúda da cidade, non quere ser cantante ou futbolista; quere ser cabezudo.

Dende a Asociación de Gaiteiras Galegas, sempre temos en consideración a importancia, perseveranza, bo facer e traballo desinteresado de Anxo Martíns e o Rancho de Cabezudos de Santiago, por iso alá polo 2016 tivemos a idea de presentarlle un proxecto ao Concello de Compostela para a realización dunhas xornadas arredor destas danzas, e que tiñan como eixe central a comparsa da propia vila, que destaquemos que son a día de hoxe os únicos cabezudos con danzas marcadas de todo o estado.

Aínda hoxe ese proxecto non se puido levar a cabo, seguiremos insistindo, pois sabemos que  estas xornadas son fundamentais para a catalogación difusión e posta en valor do noso PCI.

Convidamos a achegarse a Compostela no día da ascensión, neste 2022. Na mañá deste festivo local, poderán ver en primeira persoa o alcalde, alcaldesa, os paxes (o negro e a negra), o 'correxidor' e demais personaxes interpretando as diferentes danzas por toda a zona vella compostelá. Por fin, logo de dous anos, poderemos volver a desfrutar deste espectáculo como antes da pandemia, na rúa, e vivindo as tradicións das nosas festas.

Comentarios